Avistamentos de aves raras na Comarca do Deza

Durante as súas migracións e desprazamentos, aves pouco comúns por estas terras teñen escollido a nosa comarca como lugar de descanso. Algunhas delas, a pesares dos múltiples e crecentes atrancos que dende fai décadas se veñen atopando no noso territorio, continúan visitándonos para aniñar, alimentarse ou recuperar folgos logo de duras travesías.


Os numerosos parques eólicos e tendidos eléctricos que invadiron os nosos montes (unha ameaza que podería agravarse nestes últimos anos), a desecación de humidais e turbeiras reconvertidas en grandes pradarías, os incendios e a alteración dos nosos ecosistemas primixenios por mor de modelos de produción agrícola, gandeira e forestal pouco sostibles (entre outros), propiciaron que se reducise notablemente a súa presenza e que incluso algunhas especies noutrora comúns, se visen obrigadas a abandonarnos na procura de espazos máis tranquilos.


Hoxe aínda sobrevoan de cando en vez maxestuosas aguias e boitres os cumes do Candán, e as Brañas de Xestoso aínda acollen de xeito ocasional a Avetardas, Cegoñas negras, Avefrías ou Sisóns, a pesares da súa gran degradación.

A continuación, listamos algunhas destas aves pouco comúns nas nosas latitudes, que nos visitaron e aínda nos visitan de xeito ocasional, agardando que non sexa a derradeira vez que as vexamos na nosa comarca:

Avetarda (Otis tarda)

By Andrej Chudý from Slovakia - Drop fúzatý (Otis tarda), CC BY-SA 2.0

A Avetarda é a especie de ave máis voluminosa da península ibérica e unha das aves voadoras máis pesadas que se coñecen. Habita nas extensas chairas de cultivo de cereal nas que aínda se practica unha agricultura tradicional escasamente intensificada. Os grandes machos reúnense nunhas áreas moi concretas do territorio para desenvolver as súas espectaculares paradas nupciais —as “rodas”—, durante as cales realizan un aparatoso cortexo para atraer ás femias. España acolle a metade da poboación mundial desta especie.

A poboación ibérica é maioritariamente residente, pero unha parte dos seus efectivos realiza desprazamentos de certa entidade, a pesares de que son fieis aos seus lugares de reprodución e de concentración posnupcial, polo que a colonización de novos territorios é moi escasa.

Hai citas dalgúns exemplares desta ave na nosa comarca dende fai décadas, como por exemplo a mediados dos 90 en varias parroquias de Lalín, nos primeiros anos dos 2000 tamén en parroquias de Lalín, en pastizais da Serra do Candán e nas Brañas de Xestoso. Nesta última ubicación aínda se rexistraron citas nos últimos anos.

Cegoña negra (Ciconia nigra)

By מינוזיג - MinoZig - Own work, CC BY-SA 4.0

Unha das aves máis emblemáticas e esquivas da Península Ibérica. A diferenza da cegoña branca, non aniña en zonas humanizadas, senón en lugares recónditos das serras e bosques do cuadrante suroccidental da Península, sobre rocha ou en árbores de gran porte. A maior parte da súa poboación é estival, aínda que un bo número de exemplares europeos atravesa España durante a súa migración, rexistrando núcleos invernantes nas marismas do Guadalquivir e nalgúns encoros estremeños.

Despois da cría, as aves concéntranse en pequenos grupos locais, aos que se unen e substitúen progresivamente efectivos migrantes procedentes de Europa occidental, alongando o paso ata finais de outubro. A poboación reprodutora coñecida en España supón ao redor un 5% da europea. Á vista da evolución dos censos nas últimas décadas, parece que se está expandindo cara ao centro-este e o norte. 

No ano 2018 rexistrouse una cita de dous exemplares cicleando sobre as Brañas de Xestoso.

Picanzo real meridional (Lanius meridionalis)

By Andreas Trepte - Own work, CC BY-SA 4.0

É o picanzo de maior tamaño presente na Península. Presenta un pico máis propio dunha ave rapaz, pero posúe patas de paxaro. É sedentario e frecuente en ambientes abertos de toda a España mediterránea e nas illas Canarias. Adoita observarse pousado en cables, postes ou partes altas de arbustos, vixiante na procura de insectos, pequenos mamíferos e réptiles, aos que en moitos casos empala en arbustos espiñentos ou nos arames de espiño.

A subespecie meridionalis coloniza toda España, agás a vertente norte da Cordilleira Cantábrica e os Pirineos. Como especie reprodutora é moi rara en Galiza, o Sistema Ibérico e nalgúns territorios mediterráneos. 

É unha especie sedentaria, aínda que hai exemplares que cruzan o estreito de Xibraltar en agosto e setembro. Na Península existen zonas onde macho e femia mantéñense xuntos no territorio de cría, mentres que noutras as femias dispérsanse.

Na nosa comarca rexistráronse citas nas Brañas de Xestoso (incluso dúas parellas o pasado ano) e tamén en zonas de labradío no concello de Dozón.

Picanzo cabecirrubio (Lanius senator)

By Dûrzan cîrano - Own work, CC BY-SA 3.0

Este picanzo é unha ave propia das paisaxes mediterráneas abertas con arboredo e matogueiras dispersas, que alcanza as súas maiores densidades nas devesas de aciñeiras e sobreiras do centro e oeste da Península, onde se comporta como unha especie estival. A pesar de tratarse dunha ave relativamente común en numerosas rexións, as súas poboacións experimentaron durante as últimas décadas un declive polas transformacións sufridas no medio rural.

Durante a primavera aparece en case toda España, agás nas illas Canarias, pero trátase dunha ave rara nas rexións máis húmidas do norte como Galiza, a vertente norte da Cordilleira Cantábrica, o Sistema Ibérico norte e os Pirineos. Todas as poboacións europeas e norteafricanas migran e cruzan o Sahara tralo período reprodutor. Invernan nas sabanas africanas e en Arabia Saudita. 

Á Península Ibérica chegan entre os meses de marzo e maio, e marchan durante o verán e a principios do outono.

Temos constancia dalgunha cita na Serra do Candán incluso neste mesmo ano (2021)

Aguia perdigueira (Aquila fasciata)

By Paco Gómez from Castellón, Spain - Aguila perdicera, CC BY-SA 2.0

A máis áxil das grandes aguias e de coloración máis pálida ca o resto, a súa versatilidade en voo permítelle cazar un gran número de aves de tamaño medio. É unha ave silenciosa, da que só se rexistran algúns gritos ou ladridos nas zonas de cría. Está moi asociada a ambientes mediterráneos, e por iso as súas poboacións máis importantes atópanse acantonadas en Estremadura, nas serras do Levante e na rexión oriental andaluza.

É residente na Península e os exemplares territoriais adoitan estar ligados todo o ano á súa área de cría, aínda que en zonas con menor cantidade de alimento poden desprazarse algunhas decenas de quilómetros fóra da época reprodutora. Os exemplares novos do norte realizan movementos cara ao sur e sueste, permanecendo en áreas de dispersión caracterizadas pola ausencia de adultos e gran abundancia de presas, principalmente coello e perdiz.

En Galiza está catalogada como "vulnerable".

Tense constancia dunha cita dun exemplar xoven nas Brañas de Xestoso fai varios anos e tamén na zona de Vilatuxe (Lalín).

Millafre real (Milvus milvus)

By © Hans Hillewaert, CC BY-SA 3.0

España conta cunha considerable poboación reprodutora desta rapaz de tamaño medio, de coloración avermellada, cola aforquillada e voo extraordinariamente áxil, acollendo tamén un importante continxente invernante de individuos europeos. A pesares da súa aparente abundancia, a súa poboación experimentou un acusado descenso nos últimos anos. Durante a invernada, esta rapaz de tendencias bastante carroñeiras forma dormideiros comunais situados en bosques ou pequenos soutos fluviais. Durante o inverno, á poboación reprodutora española úneselle un importante continxente de individuos procedentes do resto dos países europeos (especialmente Alemaña e Francia) o que converte a España no principal destino invernal para a especie. Os primeiros exemplares comezan a chegar en setembro, aínda que a máxima afluencia rexístrase entre os meses de outubro e novembro, cun máximo poboacional en xaneiro. As rexións españolas onde se concentra maior número de invernantes son Aragón, Navarra, Castela e León, Estremadura e algúns puntos de Andalucía occidental. 

Aínda que falta en Galiza (catalogada na nosa terra coma "en perigo de extinción"), temos constancia do rexistro dunha cita de ata 5 exemplares no concello de Rodeiro en outono deste mesmo ano 2021 e tamén de 2 exemplares en Dozón. Hai citas desta ave no concello de Agolada e Silleda.

Peto formigueiro (Jynx torquilla)

By Arnstein Rønning - Own work, CC BY 3.0

O máis atípico representante da familia dos pícidos en Europa, xa que é de pequeno tamaño e dunha plumaxe moi discreta (cunha librea críptica de cor pardo grisáceo e manchada de punteados e barrados), que nada ten que ver coa colorida plumaxe dos nosos verdadeiros paxaros carpinteiros coma o peto verdeal (Picus viridis) ou o peto real (Dendrocopos major). Dicimos que non é un verdadeiro paxaro carpinteiro, porque este peto é incapaz de tradear a madeira e carece dalgunhas das adaptacións dos piciformes típicos, comportándose máis coma un paseriforme cando se pousa nas ramas ou corre polo chan, que coma o resto dos petos.

Con todo, conserva os hábitos trogloditas e unha longa lingua coa que asalta os formigueiros para alimentarse das formigas. Está bastante repartido pola xeografía peninsular sendo frecuente na metade norte da Península, pero raro na cornixa cantábrica e Galiza. A diferenza doutros pícidos, o peto formigueiro é un ave migradora ou parcialmente migradora. Os exemplares nativos das rexións do norte e o centro de Europa abandonan as áreas de cría para pasar o inverno en África central e Asia meridional. En España a especie fai desprazamentos de alcance moderado durante o inverno, aínda que nalgunhas zonas é sedentario.

Puidemos comprobar a existencia de citas en diversas localizacións da nosa comarca dende fai décadas, coma nas Brañas de Xestoso ou no corazón da Serra do Candán, como por exemplo na Trigueira en Zobra.

Sisón (Tetrax tetrax)

By Francesco Veronesi from Italy - Little Bustard - Castuera - Estremadura_S4E5981, CC BY-SA 2.0

Outrora estendido por amplas rexións da xeografía peninsular, o sisón sufriu un gran declive como consecuencia das profundas transformacións das paisaxes agrícolas. As principais poboacións da Península (onde se atopa o maior continxente europeo), localízanse na Meseta sur e en Estremadura, aínda que a especie está presente noutras rexións que reciben tamén durante o inverno exemplares procedentes da reducida poboación francesa.

Esta especie atópase de maneira totalmente residual en Murcia e Galicia, e está ausente da cornixa cantábrica, levante e ambos os arquipélagos. No inverno concéntrase na Meseta sur, Estremadura e o val do Guadalquivir e, en menor número, nos vales do Douro e do Ebro. A especie móstrase propensa a realizar desprazamentos estacionais de certa magnitude, polo que durante o inverno prodúcese un abandono parcial das áreas de cría máis setentrionais, que se traduce na formación de concentracións máis ao sur.

Catalogado en Galiza coma "en perigo de extinción".

Rexistránronse citas destas aves nas Brañas de Xestoso (onde chegou a aniñar no pasado) e en prados da Serra do Candán relativamente recentes.

Choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax)

By "Malte Uhl" - Own work, CC BY-SA 2.5

Habitante dos tallos fluviais, das escarpadas paredes e rochedos de montaña, dos cantís costeiros e, en xeral, das máis abruptas e ásperas paraxes, a choia é un ave acróbata e bastante sociable, que se alimenta (a diferenza doutros córvidos), fundamentalmente de invertebrados. Outrora frecuente en moitas zonas da Península, a intensificación agrícola, o uso de praguicidas e a perda de lugares de nidificación fixeron diminuír sensiblemente as súas poboacións.

En España distribúese de xeito bastante amplo, pero resulta máis común nos macizos montañosos e nos cantís dos litorais atlántico, cantábrico e levantino. En xeral, aparecen pequenas poboacións ou parellas illadas en case todas as provincias. A especie móstrase como sedentaria en toda a súa área de distribución e, aínda que se coñece pouco dos seus hábitos dispersivos, si se sabe que realiza algúns movementos altitudinales, polo menos nos lugares onde o clima resulta máis rigoroso.

Temos constancia de citas desta ave na Serra do Candán a principios dos anos 2000, tanto en voo como alimentándose na zona.

Lagarteiro cincento (Elanus caeruleus)

By Charles J. Sharp - Own work, from Sharp Photography, sharpphotography.co.uk, CC BY-SA 4.0

Pequena rapaz de tons pálidos e ollos de cor vermella coral moi rechamantes, que se estendeu pola Península, sobre todo polo cuadrante suroccidental, nos últimos 50 anos e continúa estendéndose máis aló dos Pirineos. Reprodúcese principalmente en hábitats formados por cultivos de cereal con arboredo disperso, aínda que medra en moitos outros medios, e os regadíos desempeñan un papel importante nalgunhas zonas durante o inverno. É capaz de reproducirse prácticamente en calquera época do ano se abunda o alimento.

Ocupa a metade occidental da Península, cun núcleo principal en Estremadura, desde onde se expandiu cara ao norte e o sur nos últimos 30 anos, reproducíndose en Andalucía, Castela, Madrid, León, País Vasco, Aragón e Cataluña (probablemente tamén en Soria e Navarra). A subespecie presente en España é a "caeruleus", que se distribúe por Europa, África e o sueste asiático, desde China ata Malaisia.

Describíronse algúns movementos de curta distancia para as poboacións ibéricas.

Rexistráronse citas desta especie en Bandeira (Silleda), nas Brañas de Xestoso e tamén en parroquias de Lalín.

Aguia calzada (Hieraaetus pennatus)

By Derek Keats from Johannesburg, South Africa - Booted eagle, Hieraaetus pennatus, at Kgalagadi Transfrontier Pa, CC BY 2.0

Aguia de voo áxil e aspecto elegante que se alimenta sobre todo de aves medianas, coellos e lagartos. Habita en áreas forestais parcialmente arboradas, en particular nas rexións do centro e o oeste da Península, contando coa maior poboación europea desta especie. Pode presentar dúas fases de coloración moi diferentes e ao contrario doutras rapaces, parece manter poboacións estables ou en lixeiro aumento.

Escasea na cornixa cantábrica, Galiza, parte de Aragón e Levante. Estamos a falar dunha ave fundamentalmente migradora de longo alcance. Os exemplares novos, trala súa emancipación, emprenden unha serie de percorridos erráticos que adoitan conducilos cara ao nordés da Península. O paso posnupcial polo estreito de Xibraltar detéctase principalmente en setembro, aínda que moitos exemplares demoran o cruzamento e pódense observar aves ata ben entrado o outono. O retorno ás áreas de reprodución ten lugar entre marzo e maio.

Temos constancia de citas desta especie na periferia do centro urbano de Silleda e Agolada e preto de Ramíl en Agolada, sobre os torrentes do Ulla.

Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus)

By Paco Gómez from Castellón, Spain - Aves 028 23012016-157.jpg, CC BY-SA 2.0

A transformación dos humidáis e a presecución directa sobre esta especie, fixo que se reducira a súa poboación a pouco máis de 200 parellas en toda a Península. Actualmente, a súa poboación recupérase de xeito lento, pero lonxe de alcanzar a doutros países europeos. A poboación desta tartaraña concéntrase nas concas do Douro, do Ebro e do Tajo, na Mancha húmida e nas marismas do Guadalquivir.

Os exemplares que frecuentan o noso territorio pertencen á subespecie "aeruginosus", que ocupa o centro e oeste de Eurasia. Trátase dunha especie residente na Península, onde recala tamén un importante fluxo de migrantes orixinarios de Centroeuropa e os países nórdicos, unha parte dos cales permanece entre nós todo o inverno, en tanto que outra continúa o seu periplo migratorio ata cruzar o estreito de Xibraltar entre setembro e a primeira quincena de outubro. As aves que acoden para invernar instálanse, preferentemente, en grandes humidais do sur e leste da Península, territorios que abandonarán ao comezo da primavera. O paso prenupcial iníciase nas áreas de invernada africanas cara a febreiro ou marzo, polo que os aguiluchos que no outono cruzaron o Estreito pasan de novo por Xibraltar ao longo de marzo; en abril percorren a Península e establécense nos seus respectivos lugares de cría. Durante a estación invernal, estas tartarañas constitúen dormideiros comunais (algúns moi concorridos), que instalan entre a vexetación palustre de certos humidais, aos que acoden puntualmente cada atardecer.

Temos constancia dalgunha cita no concello de Silleda fai varios anos.

Garza boieira (Bulbucus ibis)

By Stig Nygaard - originally posted to Flickr as Florida Keys, CC BY 2.0

Ata a segunda metade do século XIX, a garza boieira habitaba orixinalmente en numerosas áreas tropicais e subtropicales de África, pero a comezos do pasado século, a especie embarcouse nun sorprendente proceso colonizador que aínda persiste e que a levou a converterse nunha ave practicamente cosmopolita, polo que actualmente esténdese (logo de cruzar océanos e conquistar continentes) desde o sur de Europa ata Oceanía e desde África ata América do Norte.

É unha especie fundamentalmente residente na Península, aínda que dá mostras dunha enorme mobilidade ao emprender notorios desprazamentos de carácter divagante ao redor das colonias de cría e mesmo dispersións de medio alcance. Detectouse a invernada de individuos ibéricos noutros países e certo paso de aves polo estreito de Xibraltar, onde se concentran a partir de xullo, cun máximo no mes de agosto. 

En Galiza é invernante e escasa de outubro a maio, máis raramente desde agosto, pero ocasionalmente hai auténticas invasións.

Atopamos citas ocasionais destas aves en prados de parroquias de Lalín e tamén en pastizais da periferia do núcleo urbano de Silleda.

Píldora dourada (Pluvialis apricaria)

By Brian Gratwicke from DC, USA - IMG_9812, CC BY 2.0

Os extensos pasteiros do suroeste peninsular, así como algúns humidades apropiados da fachada atlántica, reciben todos os invernos un notable continxente destas limícolas procedentes da  tundra do norte do continente que, anualmente, acoden ás tépedas terras do sur de Europa fuxindo do frío. 

É un ave exclusivamente  invernante e de paso, que aparece de forma bastante regular no cuadrante suroccidental da Península (Estremadura e oeste de Andalucía), así como nalgúns tramos das costas atlánticas.  Abandona as súas áreas de reprodución a finais de verán para encamiñarse ás súas habituais querenzas invernais. A partir de outubro recibimos os primeiros efectivos da especie, que permanecerán en territorio ibérico ata o mes de marzo. O paso migratorio efectúase seguindo as costas cantábricas e atlánticas ou por augas interiores.

Temos constancia dunha cita desta ave nas Brañas de Xestoso, alimentándose cun bando de Avefrías, aló polo ano 2009.

Cuco real (Clamator glandarius)

By Zeynel Cebeci - Own work, CC BY-SA 4.0

O cuco real comparte co noso cuco común o seu aspecto (aínda que mostra varias diferenzas) e a súa estratexia reprodutora (parasitando niños doutras aves), pero non o seu canto. Este cuco é capaz de alimentarse case exclusivamente de eirugas de todo tipo, incluso as que están protexidas por substancias tóxicas ou pelos urticantes.

España conta coa maior poboación europea da especie, unhas 55.000 parellas, que polo momento, non parecen presentar graves problemas de conservación. Distribúese por gran parte do territorio peninsular, aínda que resulta moi escaso en toda a franxa norte e Galiza. Así mesmo, evita as áreas montañosas de gran altitude.

Temos constancia dunha cita desta ave fai uns anos na periferia do casco urbán de Lalín.

Folosa manchada (Locustella naevia)

By Dr. Raju Kasambe - Own work, CC BY-SA 4.0

Habitante dos herbazais e matogueiras da fresca e húmida franxa costeira cantábrica. Ave moi esquiva, resultando máis sinxela de detectar polo seu canto, que lembra ao son chirriante producido por unha chicharra ou polo rebobinar dun carrete de pesca. Como nidificante, a súa distribución restrínxese á franxa húmida cantábrica, dende Galiza ata Navarra. Durante a migración pódese atopar por toda España, preferentemente polo litoral mediterráneo, aínda que sempre de xeito escaso. 

Trátase dunha ave migrante transahariana, de aparición estival en Europa, que inverna na África tropical. O paso prenupcial detéctase entre marzo e maio (con máximos a principios de maio) e o posnupcial esténdese desde xullo ata outubro (con máximos en setembro).

Temos constancia de citas nos anos 2008-2009 en Vilatuxe, de exemplares capturados para anelamento.

Píllara rubia (Charadrius morinellus)

By Frank Vassen from Brussels, Belgium - Eurasian Dotterel (Charadrius morinellus), Boneffe, Belgium, CC BY 2.0

Sempre tendemos a asociar ás limículas coas marismas, costas e terras encharcables, pero esta píllara reprodúcese de xeito moi escaso nos cumes máis altos do Pirineo. As minúsculas poboacións ibéricas de píllara rubia sufriron nas últimas décadas unha forte regresión como consecuencia das constantes molestias nas súas zonas de nidificación.

Como reprodutor, aparece de forma moi restrinxida nos Pirineos, sempre en zonas de pasteiro alpino por riba dos 2.000 metros de altitude. Durante a migración distribúese en escaso número por toda a Península, tanto en zonas costeiras como interiores, incluídas as rexións montañosas. 

Trátase dunha ave estival nas súas áreas de cría, que se despraza para invernar nas áridas rexións do norte de África e Oriente Medio, desde o Magreb ata Irán. Durante o paso posnupcial (entre agosto e setembro) poden observarse algúns individuos illados ou pequenos bandos en diferentes localidades peninsulares; o fluxo primaveral resulta aínda menos evidente e son bastante escasos os contactos coa especie.

Existen citas rexistradas dun exemplar nos montes do Testeiro no ano 2004.

Merlo rubio (Monticola saxatilis)

By Pierre Dalous - Own work, CC BY-SA 3

Ave típica de montaña, onde aparece na época estival. Habita en paraxes onde se alternan zonas de rochedos con outras de matogueira e pasteiros. O macho resulta inconfundible, cun fermoso deseño cromático, mentres que a femia mostra unha tonalidade máis parda e discreta. A pesares de estar presente en gran parte dos macizos montañosos, é unha especie pouco abundante.

Na época estival localízase en gran parte da Cordilleira Cantábrica, Pirineos, o Sistema Ibérico norte e sur, o Sistema Central e as serras litorais do norte da Comunidade Valenciana e Cataluña. 

Na metade sur é unha ave moito máis rara.

As poboacións europeas son migradoras totais. A finais do verán comezan a mobilizarse e desprázanse en pequenos grupos cara ao África oriental, aínda que algúns exemplares quedan no norte de África. Posteriormente retornan aos territorios europeos de cría a principios da primavera, aínda que en España o paso migratorio obsérvase ata o mes de xuño.

Rexistráronse citas de dúas parellas nos montes do Testeiro no ano 2004 e tamén hai citas rexistradas no monte do Faro en Rodeiro.

Becacina (Gallinago gallinago)

By Alpsdake - Own work, CC BY-SA 3.0

Limícola moi esquiva e discreta, e unha das poucas especies deste grupo que crían na Península, aínda que o fai de xeito moi escaso e nuns poucos enclaves. Durante os pasos migratorios e a invernada, aparece moito máis numerosa e repartida, podendo atoparse nunha gran variedade de humidais, tanto costeiros como do interior. 

Como invernante abunda máis nas costas cantábricas e atlánticas. Como especie reprodutora tamén se atopa, de modo máis escaso e localizado, en dúas reducidas zonas do sur de Ourense, así como en varios puntos do Sistema Central, fundamentalmente en Ávila. 

De forma esporádica podería criar en varios humidais máis do centro e o norte da Península. As aves invernantes en España son maioritariamente de orixe escandinava e centroeuropea. Os pasos teñen lugar en febreiro-abril e agosto-novembro. 

En Galiza está catalogada coma en "perigo de extinción".

Temos constancia de citas no inverno do ano 2010 en matogueiras da Serra do Farelo en Agolada.

Voitre negro (Aegypius monachus)

By Francesco Veronesi from Italy - Cinereous Vulture - Catalan Pyrenees - Spain_S4E7659, CC BY-SA 2.0

Estamos a falar da rapaz máis grande de Europa e unha das aves máis voluminosas de cantas existen no planeta. As agrestes serras do centro e o oeste da Península, así como as serras costeiras de Mallorca, son o último refuxio deste xigante de case tres metros de envergadura que conserva na Península as súas mellores poboacións de todo o mundo. 

Trátase dunha especie estritamente forestal que sitúa os seus niños en manchas de bosque mediterráneo e piñeirais. Na actualidade, atópase moi ligado ás grandes extensións forestais mediterráneas, xeralmente situadas en rexións remotas, escasamente accesibles e pouco habitadas do cuadrante  suroccidental da Península (Estremadura, León, Castela, Madrid e Andalucía), así como en Baleares, onde ocupa a illa de Mallorca. Con todo, en épocas relativamente recentes, estendíase por diferentes localidades do Sistema Ibérico, as serras béticas, os páramos burgaleses ou as serras do Prepirineo.

Trátase dunha especie absolutamente sedentaria, tanto na Península como en Baleares xa que os adultos non abandonan en ningún momento as inmediacións do territorio de nidificación. O caso dos exemplares inmaturos é diferente, pois ao dispersarse chegan a zonas bastante afastadas das colonias onde naceron.

No ano 2016 localizouse un exemplar inmaturo nas Brañas de Xestoso con síntomas de agotamento extremo que non conseguía voar. O colectivo Naturgalicia, que localizou o exemplar, dou aviso aos axentes medioambientais que procederon a trasladalo ao centro de recuperación.

Aguia real (Aquila chrysaetos)

By Rocky - Flickr, CC BY 2.0

A maior e máis poderosa das aguias ibéricas e unha das aves de presa máis estendidas a escala mundial. En España está estendida unicamente pola Península, onde ocupa a maior parte dos sistemas montañosos, pero faltando en amplas zonas de ambas mesetas e na depresión do Guadalquivir. En Galiza e na franxa costeira do Cantábrico resulta moi escasa. 

É unha rapaz esencialmente rupícola, que instala case sempre os seus niños en cantís rochosos, aínda que en ocasións tamén o fai en árbores. A súa dieta é moi variada, e inclúe unha gran variedade de mamíferos, aves, réptiles e tamén carroña. 

Os individuos reprodutores son sedentarios, mentres que os mozos e inmaturos realizan movementos dispersivos.

En Galiza está catalogada como en "perigo de extinción".

Temos constancia da presenza ocasional desta ave sobrevoando os cumes do Candán e descansando durante breves períodos nas zonas máis tranquilas e abruptas da serra.

Bufo real (Bubo bubo)

By Kamil.Corrections: Piotr_J - Own work, CC BY-SA 3.0

A máis grande das rapaces nocturnas europeas, o bufo real é un formidable depredador capaz de alimentarse dunha enorme variedade de presas. De carácter reservado e solitario, pode instalarse nos máis diversos hábitats, aínda que prefire as zonas bravías con abundantes rochedos, tallos e cortados. 

A diminución da súa presa fundamental (o coello), os accidentes con tendidos eléctricos, os atropelos e a caza furtiva constitúen os seus principais problemas de conservación. 

Atópase ben repartida por practicamente toda a Península, aínda que escasea ou falta na rexión cantábrica e no cuadrante noroeste, así como nas rexións máis intensamente cultivadas das Castelas e o val do Guadalquivir. 

Trátase dunha especie residente en toda a súa área de distribución, aínda que as poboacións do nordés europeo e de Siberia poden realizar desprazamentos de ata 200 quilómetros en invernos duros. Os inmaturos, unha vez abandonado o territorio paterno, tampouco efectúan grandes movementos dispersivos e afástanse non máis de 100 quilómetros do lugar en que naceron.

En Galiza está catalogada como "vulnerable".

Hai constancia da presenza desta especie na Serra do Candán.

Pedreiro rubio (Oenanthe hispanica)

By Zeynel Cebeci - Own work, CC BY-SA 4.0

Túrdido de pequeno tamaño e aspecto elegante. Os machos mostran un marcado contraste entre o negro das ás e o anteface e os tons brancos-ocres do dorso e do ventre.

Trátase dun migrante transahariano que ten a súa área de invernada na franxa do Sahel, distribuído como reprodutor polos países circunmediterráneos. O paso  prenupcial detéctase desde marzo ata maio, con máximos a principios de abril, mentres que o  posnupcial prolóngase de agosto a outubro, con máximos a finais de agosto. En España está presente por toda a rexión mediterránea, onde resulta habitual, aínda que non abundante. Ocupa terreos abertos e secos, con matogueira ou arboredo disperso.

Como reprodutora atópase ben repartida por toda a rexión mediterránea, e falta en Galiza e a rexión cantábrica, en zonas de montaña do Sistema Ibérico, en Baleares e Canarias.

Temos constancia de citas desta especie nas Brañas de Xestoso, na Lagoa de Olives.

Lagarteiro das torres (Falco naumanni)

By מינוזיג - MinoZig - Own work, CC BY-SA 4.0

De aspecto bastante similar ao lagarteiro común, distínguese deste polo seu menor tamaño e por unha serie de características morfolóxicas que algunhas veces non son facilmente identificables en campo. É o máis pequenos dos falcóns da Península e era un habitante frecuente de torres, casaríos, casaróns, palacios e castelos situados en rexións adicadas á agricultura e a gandería extensivas, nas que podía atopar abundantes invertebrados cos que alimentarse.

As transformacións sufridas polo campo español nas últimas décadas minguaron o seu hábitat e ocasionaron un acusado declive, aínda que nos últimos anos a situación da especie parece estabilizada polos plans de conservación postos en marcha.

Distribúese principalmente polo cuadrante suroccidental da Península Ibérica, pero tamén se atopa nas mesetas, Andalucía oriental e o val do Ebro. 

Aínda que é posible atopar algúns exemplares invernantes, este falcón é un ave estival na Península Ibérica. Os seus efectivos realizan movementos premigratorios cara ao norte antes de iniciar unha migración definitiva cara ao sur. 

Temos constancia de citas desta ave nas zonas de labradío e pastizais da periferia de Silleda, onde se deixa ver ocasionalmente.

Papamoscas negro (Ficedula hypoleuca)


O papamoscas negro é unha especie que na Península cría en zonas forestais de varios macizos montañosos, aínda que ao longo da época de paso, que comeza en setembro, resulta moi frecuente nos máis diversos hábitats. Consumado insectívoro e de hábitos trogloditas á hora de nidificar, este pequeno paxaro precisa de ocos para criar, polo que para favorecer as súas poboacións é conveniente colocar caixas niño, xa que a especie as acepta moi facilmente. Circunscríbese ás principais cadeas montañosas, como o Sistema Ibérico, o Sistema Central, a Cordilleira Cantábrica, Serra Nevada, Serra Morena, algunhas áreas de Levante e puntos concretos dos Pireneos e o Prepirineo.

Trátase dunha especie  migradora transahariana en toda a súa distribución euroasiática. A invernada ten lugar en rexións tropicais do continente africano.

Temos constancia de citas na zona de Vilatuxe e tamén en Lalín.

Mergullón cristado (Podiceps cristatus)

By JJ Harrison (https://www.jjharrison.com.au/) - Own work, CC BY-SA 3.0

Inconfundible polo seu longo pescozo, é o maior integrante da familia dos mergullóns en España. Presenta un estereotipado cortexo nupcial, época na que a súa plumaxe adquire un rechamante deseño facial, con penachos e expansións de plumas moi característicos. Habitante habitual dunha gran variedade de humidais, incluídos encoros e outros enclaves artificiais, esta ave acuática pode ser observada tanto no período de cría como durante a invernada.

No ámbito da nosa comarca témolo observado en varias ocasións no encoro de Portodemouros.

Píllara pequena (Charadrius dubius)

Esta pequena limícola de pico curto e rechamante plumaxe é unha das especies máis características dos ríos, e lagoas do interior peninsular e de ambos os arquipélagos. Instálase, preferentemente, en beiras pedregosas, illas e bancos de grava ou area, onde dispón un superficial niño que acollerá os catro ovos de que consta habitualmente a súa posta. Fóra da estación reprodutora frecuenta tamén estuarios e areais costeiros. Aparece en todas as rexións, aínda que destacan as poboacións existentes en Andalucía, Castela, León, Aragón e Cataluña. Cría tamén en Baleares, Canarias e Melilla.

Durante a época non reprodutora repártese fundamentalmente por Andalucía. A poboación española é principalmente estival, aínda que tamén se observan moitas aves europeas en paso, sobre todo polo interior da Península. Algúns exemplares quedan a pasar o inverno en localidades do sur, pero a maioría inverna en África occidental.

Temos unha cita dun exemplar alimentándose nos limos do Paseo do Pontiñas en Lalín.

Merlo azul (Monticola solitarius)

Paxaro con preferencia polas zonas rochosas que se adoita ver pousado, erguido en puntos dominantes. O macho resulta inconfundible pola súa cor azul escura, mentres que a femia ten unha plumaxe máis discreta e é máis tímida. Manifesta unha acusada preferencia polos canóns, cantís e montañas.

Resulta común en toda o cara sur do Pirineo, o Sistema Central, o Sistema Ibérico norte e sur, os Montes de Toledo, As Villuercas, Serra Morena, as serras béticas, Baleares, Ceuta e Melilla. Con todo, escasea na Cordilleira Cantábrica, os montes galaicos e os cantís da costa atlántica. 

A maioría das poboacións da conca mediterránea son sedentarias, pero no inverno hai exemplares que viaxan cara ao centro e o leste de África. Por outra banda, as poboacións asiáticas, desprázanse trala reprodución ás rexións cálidas do sur e suroeste de Asia.

Tivemos a sorte de observar un fermoso exemplar macho no Monte do Carrio en Lalín.

Avefría (Vanellus vanellus)

By Steve Garvie from Dunfermline, Fife, Scotland - Lapwing (Vanellus vanellus), CC BY-SA 2.0

No rural, as avefrías asociáronse sempre á chegada dos días fríos e xeados do inverno. Aínda que a especie reprodúcese escasamente na Península, durante a invernada recíbese un cuantioso continxente de aves europeas que ocupan gran diversidade de hábitats abertos, desde marismas e estuarios a campos de cultivo e pasteiros, nos que atopan os pequenos invertebrados que compoñen a súa dieta. 

Os seus principais núcleos de cría en España sitúanse en Castela e León (conca do Douro), Castela-A Mancha, as marismas do Guadalquivir e o norte de Málaga. Hai outros núcleos menos importantes en Galiza, Estremadura, Andalucía, Madrid e o val do Ebro. 

As poboacións ibéricas da especie son sedentarias, aínda que a partires de novembro comenzan a chegar os exemplares europeos, permanecento ata o mes de marzo. Nesta época distribúense por boa parte da Península e Baleares, aínda que poden realizar desprazamentos de certa magnitude cara zonas máis térmicas cando as condicións ambientais empeoran nas latitudes setentrionais.

As poboacións nidificantes de Galiza están consideradas coma en "perigo de extinción".

Antigamente, coa chegada do inverno, era común ver avefrías nos prados da comarca. Hoxe as citas son excepcionais. Temos constancia da presenza de exemplares nas Brañas de Xestoso, en algunas puntuais en prados dalgunha parroquia de Lalín. O noso derradeiro avistamento foi en Sello (Lalín), xa fai anos.