Un gabián accidentado en Silleda

Hai uns días contactou connosco o amigo Xosé Filloy despois de atoparse cun pequeno gabián atordado nunha rúa do centro de Silleda. A pesares do aviso inmediato ás autoridades e axentes ambientais e da rápida actuación para o seu rescate, o exemplar non logrou sobrevivir ao posible impacto en voo contra un edificio da zona, causa más probable do incidente.

(Nova recollida na prensa local)

Exemplar atopado no centro de Silleda (Fotografía: Xosé Filloy)

Aínda que o gabián é unha especie marcadamente forestal, no inverno poden verse exemplares en hábitats moi dispares, sendo habitual que penetren de xeito regular en vilas e pequenas cidades na procura de presas.

De feito, nos últimos tempos a especie amosa unha forte tendencia a adaptarse aos hábitats urbanos, comezando a frecuentar parques e zonas verdes a pesares dos riscos que corren.

Os impactos contra edificios, cables, arames de espiño e outras estruturas son bastante frecuentes, algo que soe suceder durante as vertixinosas persecucións que protagonizan tralas súas presas.

A continuación, imos a coñecer un pouco máis esta especie.


Descrición

Falamos dunha ave rapaz de pequeno tamaño que presenta un dimorfismo sexual bastante acusado, sendo a femia máis corpulenta que o macho e presentando tamén diferenzas en canto e plumaxe. 

Os machos adultos teñen as partes superiores e o píleo de cor agrisada intensa, as partes inferiores pálidas cun barrado transversal e un ton avermellado que pode ser moi notorio principalmente nas fazulas e os flancos. 

A femia, moito máis pesada e robusta, é de tons pardo-grisáceos no dorso e o píleo, coas rexións inferiores esbrancuxadas moi finamente barradas de pardo. A cella é máis grande e evidente ca no macho.

Exemplar femia (Centro Nacional de Educación Ambiental)

A plumaxe dos exemplares novos presenta as partes superiores pardas, coas plumas orladas diante, e as inferiores esbrancuxadas e barradas de pardo avermellado. 

Sobre o ollo, de cor amarelo, loce unha liña branca a modo de cella. As patas son amarelas e cos tarsos sen emplumar.

En voo é un ave bastante pálida, destacando a longa e estreita cola. Adoita voar a gran velocidade a baixa altura entre as árbores, pero tamén é común velo planear sobre zonas forestais. 

A especie atópase ben distribuída pola Península, sendo bastante sedentaria é máis abundante na metade norte. As mellores poboacións localízanse na Galiza, Castela e León e Cantabria. 

Noutras latitudes máis ao norte do continente a especie é máis migratoria e entre setembro e novembro a Península recibe un importante fluxo de exemplares centroeuropeos e nórdicos (na súa maioría novos) que percorren o litoral mediterráneo ata chegar a Xibraltar e cruzar a África. 

Parte destes exemplares queda na Península durante o inverno e distribúese por numerosas rexións ata o comezo da primavera.


Hábitat e alimentación

Como xa comentamos anteriormente, é unha rapaz principalmente forestal, pero tamén gosta das áreas mixtas con illas arboradas e áreas agrícolas.

A súa dieta é basicamente "ornitófaga" e inclúe dende pequenos paxaros coma pardais, ferreiriños ou furafollas, a paxaros de maior tamaño coma os merlos, os tordos ou as pombas. 

Alimentando aos polos no niño (Centro Nacional de Educación Ambiental)

Utiliza puntos de espreita nas árbores, sebes ou edificios para localizar ás súas presas e lanzarse a por elas nunha veloz persecución. A súa gran capacidade de manobra no ar permítelle executar cambios de dirección de case 90º e xirar case 180º de xeito repentino. 

Unha vez atrapada a súa presa, aférrase a ela coas súas potentes gadoupas cravándolle as unllas ata que deixa de moverse.

Aínda que non é tan habitual, tamén pode capturar pequenos mamíferos coma roedores e morcegos, e moi raramente consume insectos.


Reprodución 

O ciclo reprodutor desta especie é tardío, xa que as postas teñen lugar sobre maio ou xuño no norte da Península. O niño é unha plataforma pouco elaborada de paus e poliñas situadas na pinza dunha árbore, que adoita preparar cada tempada o macho, frecuentemente sobre unha estrutura existente de pomba ou córvido. 

Empolando (Centro Nacional de Educación Ambiental)

A posta consta de tres a sete ovos de cor azul pálida ou verdosos con pintas pardo avermelladas, que son incubados durante 39-42 días pola femia exclusivamente. 

Os pitos son coidados e alimentados pola femia coas achegas de presas que realiza o seu compañeiro. Desenvólvense en 24-30 días (os machos antes que as femias) e son independentes 20-30 días máis tarde. 


Ameazas e conservación da especie

En Europa a especie viuse moi afectada fai décadas polo emprego masivo de praguicidas que causaban a infertilidade dos exemplares, pero logo da prohibición do uso de moitos deles conseguiu recuperarse.

Tamén se lles dou morte de xeito ilegal, xunto cos seus primos os Azores (Accipiter gentilis) e outras rapaces, en zonas de importante presión cinexética, xa que os cazadores consideraban que minguaban as poboacións das especies de aves cinexéticas.

Os episodios de roubo dos ovos para a cría en catividade e o uso dos exemplares para a cetrería, tamén foi unha práctica habitual durante décadas.

Por suposto, a súa caza, captura ou a alteración dos individuos e os seus niños, está prohibida pola lei.

A especie aparece no "Catálogo Nacional de Especies Ameazadas", na categoría “De interese especial”.