Dende principios de ano, en tódolos concellos da nosa comarca (en maior número en zonas de Rodeiro e Silleda), comezan a aparecer os primeiros exemplares de cegoña branca (Ciconia ciconia) na procura de lugares axeitados para aniñar, comezando no marzal, a construción dos niños para criar á súa prole.
As cegoñas sitúan con frecuencia o seu niño en todo tipo de construcións humanas (igrexas, depósitos de auga, chemineas, torres de electricidade, antenas, ruínas, grúas torre…), aínda que unha boa porcentaxe o constrúen en árbores.
A plataforma do niño é unha gran pila de ramas, paus e raíces, que adoita conter tamén terra, herbas, plásticos (por desgraza), papel e outros materiais, duns 40-100 centímetros de altura e 80-140 centímetros de diámetro.
A posta adoita acontecer entre marzo e abril e soe ser de tres ou catro ovos. A incubación prolóngase durante 29-34 días e dela ocúpanse ambos os sexos, aínda que é a femia a que dedica maior tempo á tarefa, mentres a súa parella proporciónalle alimento. Os pitos, que reciben os coidados de ambos adultos, desenvólvense completamente en 54-68 días e son independentes ao cabo duns tres meses.
A pasada fin de semana, informáronnos da presenza de dous exemplares moi "acaramelados", frecuentando unha grúa torre na Travesía da Ponte en Lalín, e decidimos achegarnos para fotografalos e realizar un pequeno seguimento.
Por medio das fotografías, puidemos comprobar que un dos exemplares estaba anelado, polo que procedemos á poñelo en coñecemento da Oficina de Anelamento da Estación Biolóxica de Doñana, que á súa vez nos informaron de que o código do anel, pertencía aos amigos da Asociación Numenius da Terra Chá, en Lugo.
Logo de facilitarlles a codificación do anel (Z289), confirmáronnos que a nosa cegoña foi anelada sendo un pitiño, xunto con dous dos seus irmáns o 20/05/2017, no lugar de Arcillá, en Cospeito (Lugo), a 71 kilómetros de Lalín, sendo esta a primeira cita detectada deste exemplar dende o seu anelamento.
A continuación podemos ver o momento da colocación do anel por parte dos amigos de Numenius a esta cegoña no ano 2017, que nese intre contaba cun peso de 3,23 kilos:
Actualmente, este exemplar e a súa parella, que moi posiblemente permanezan fieis un ao outro a partires desta primavera (a fidelidade é unha das características desta especie), atópanse na procura dun lugar axeitado para aniñar na vila, aínda que non o van a ter sinxelo debido á escaseza de puntos idóneos. Na grúa torre que frecuentan, puidemos comprobar a colocación dalgúns pauciños e ramas (escasas) do que podería ser un amago de niño.
Tal e como nos comenta Toño Salazar de Numenius, ao tratarse de exemplares moi novos e polo de agora inexpertos, é posible que aínda estean a facer prácticas para a elaboración dun niño.
Pola nosa parte, e como xa comentamos noutras ocasións, pensamos que se debería estudar seriamente a instalación dunha estrutura (poste e base) nalgunha zona do paseo do Pontiñas que servise de lugar de aniñamento a estas fermosas aves migratorias. Ademais de facilitar a súa reprodución e de evitar que poidan construir o seu niño nun lugar que cause molestias, dotaría a este espazo natural dun gran atractivo engadido, aumentando a súa rica biodiversidade e converténdose no lugar de nacemento dos primeiros exemplares de cegoña lalinenses dende hai moitos anos.
Ademáis, poderiamos ver a esta mesma parelliña regresar ano tras ano á vila e desfrutar da súa fermosa historia de amor.