O Rascón europeo no Pontiñas.

Se nun artigo anterior falábamos do avistamento da Cerceta (Anas crecca) no lago inferior do Pontiñas en Lalín, hoxe informamos da presenza dunha ave moi esquiva que se aloxa entre a vexetación deste humidal.

Falamos do "Rascón europeo" ou "Rascón de auga" (Rallus aquaticus)

Esta ave que ten unhas dimensións aproximadas de entre 23 e 28 cm., habita en brañas, ribeiras de ríos e lagoas con vexetación mesta.  En Galicia presenta unha distribución ligada a humidais costeiros e algúns do interior de Ourense e Lugo.

O seu voo é baixo e curto, e prefire agocharse sempre entre a vexetación. Trátase dunha especie moi tímida e cautelosa, o que dificulta a súa observación, sendo máis fácil escoitar o seu característico reclamo. Só cando o nivel da auga é suficientemente baixo, é posible vela alimentándose nas beiras fangosas. A súa voz é un berro estridente, seguido de notas ásperas e repetidas.

A fotografía que acompaña este post é a única que polo momento conseguimos obter (a calidade da mesma confirma a dificultade da súa observación), pero serviunos para identificar a ave en cuestión, da que podemos confirmar a presenza no lago de, polo menos, unha parexa.

Constrúe o niño moi agachado sobre ou preto da auga, a moi escasa altura. Nel pon a partires de abril 6-8 ovos cremosos con manchas arrubiadas e puntos cincentos. Aliméntase principalmente de raíces, sementes de plantas acuáticas, insectos, moluscos e anfibios.

Como comentamos con anterioridade, a súa distribución está condicionada pola presenza de diferentes tipos de humidais, mostrando querenza por zonas de vexetación alagada como marismas, xunqueiras e beiras de ríos e lagoas con carrizal.

Por iso, a degradación e desaparición das zonas húmidas sen figuras de protección legal, constitúe un serio problema para a súa conservación.

As canalizacións e drenaxes en humidais limitaron a dispoñibilidade de hábitat potencial, e contribuíron de forma notable á diminución e mesmo extinción de determinadas poboacións locais.

Outro motivo para dotar de protección e dunha axeitada xestión aos humidais do Pontiñas.