O pasado verán acompañamos a Paco López, gran coñecedor de cada un dos recunchos da Serra do Candán, ata a localización dunha pequena poboación de lirios de monte (Iris boissieri), detectando uns escasos 5 exemplares en flor.

Esta especie de lirio, endémico no noroeste da Península Ibérica (Galiza e norte de Portugal), vive en solos pouco profundos en comunidades de uceira, en altitudes entre 500 e 1.450 metros, aínda que tamén pode habitar en fendas de grandes rochas graníticas. Localizada principalmente dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, os LIC Ancares-Courel e Carnota-Monte Pindo, e en Baltar (Ourense), as súas poboacións atópanse actualmente en regresión, especialmente as situadas a baixa altitude, ata o punto de estar catalogada coma en "perigo de extinción".

Por sorte, pudimos comprobar con ledicia, que aínda quedan algunhas pequenas poboacións na nosa serra e tamén nos montes do Testeiro.

Descrición da especie

Xeófito con bulbo de túnica membranosa. Follas dimorfas, as inferiores longas, as distales máis curtas, de limbo máis ancho, transformándose gradualmente en espatas. Talo terminado nunha soa flor, excepcionalmente dúas. Corola violácea, divisións externas cunha franxa central amarela e pelos da mesma cor. 

Bioloxía

A taxa de formación de sementes oscila entre anos consecutivos. Observáronse lirios con máis de 40 sementes, o que debe de supoñer un gasto de recursos moi importante para o bulbo, xa que na época de maduración das sementes, a parte aérea da planta perdeu a súa capacidade fotosintética.

Demografía

Existe variación interanual na formación de vástagos e floración desta especie. Esta variación parece relacionada co éxito e consumo de recursos na produción de sementes do ano precedente.

Ameazas

As principais ameazas que afectan a esta especie son o "coleccionismo" e os cambios no uso do chan. Por outra banda as poboacións da Serra do Courel e O Pindo parecen inviables pola escaseza de efectivos detectada. Nesta última localidade detectouse algún individuo que non se volveu a localizar de novo.

Algunhas das medidas propostas para evitar a súa desaparición, son a conservación en bancos xermoplasma, a educación e divulgación para evitar as recoleccións e a reintroducción e reforzamento daquelas poboacións que ben desapareceron ou que teñen escasa viabilidade.

Aínda que pareza mentira, tal e como se menciona anteriormente, a retirada de exemplares do seu medio para plantar en xardíns ou para coleccionismo, contribuiu e contribúe á desaparición da especie. En ningún caso se deberían cortar ou extraer exemplares silvestres do seu hábitat.

Agradecer a Paco López de Sendeiros do Candán por mostrarnos esta fermosa xóia da nosa comarca que compre conservar e da que informamos aquí para todos sexamos conscientes da súa fraxilidade.