Martes martes na Comarca do Deza

O noso compañeiro e amigo Marcos Rúa, naturalista e estudoso do lobo ibérico, compartiu connosco un par de vídeos que veñen a confirmar a presenza da Marta (Martes martes) na nosa comarca. Estamos a falar dunha das escasas citas que podemos atopar deste fermoso mustélido na provincia de Pontevedra, (de escasa presenza tamén na provincia de A Coruña, sendo máis abundante en Lugo e Ourense), polo que a súa aportación é de gran interese en relación á distribución da especie en Galiza.

Martes martes na Comarca do Deza en Agosto de 2020. Aínda que a especie é de costumes nocturnos, durante a época de celo (entre xuño e agosto), as femias son máis diúrnas.

No estudo publicado no ano 2011, “Novos datos sobre a distribución da martaraña Martes martes en Galicia”, realizado por Cosme D. Romay, Martiño Cabana, José M. Alonso, Manuel Arzúa, Isabel Barja, Juan C. Epifanio, Xurde Gayol, José R. Gómez, Roberto Hermida, Roberto López, Ana I. Pérez, Rubén Portas, Xosé R. Reigada, Luís Tapia e Xabier Vázquez-Pumariño, aportáronse novos datos da presenza desta especie no territorio galego, que viñan a ampliar a distribución coñecida en Galiza (tomando como referente o Atlas de Mamíferos Terrestres de España, López-Martín, 2002, 2007), pero non recollía citas da especie na nosa provincia:

Distribución da Marta en cuadrículas UTM de 10x10 km en Galicia e zonas próximas; punto negro: datos do citado artigo; sombreado laranxa: datos recollidos en López-Martín (2002, 2007) e Matos & Santos-Reis (2006).

Para o ollo inexperto, a Marta pode confundirse facilmente con outro mustélido moito máis común e abondoso no noso territorio. Falamos da Garduña (Martes foina).

Un dos trazos máis diferenciables atópase no “babeiro”, sendo o da Marta máis amarelento ou cremoso, de forma triangular e estendéndose dende a gorxa ata o pescozo, mentres que o da Garduña é de cor branco, chegando bifurcado ata as patas dianteiras.

Imaxe esquerda: Marta (Martes martes) - Imaxe dereita: Garduña (Martes foina)

Moi ben adaptada para a vida nos bosques, de complexión forte e flexíbel, a Marta utiliza a súa longa cola coma contrapeso cando salta sobre as pólas das árbores, ou como temón cando o fai desde varios metros de altura.

As súas extremidades son pentadáctilas e non tan curtas como noutros mustélidos, con unllas semiretráctiles. A adaptación de opoñer o quinto dedo resulta útil para agatuñar polas cortizas das árbores.

As patas anteriores son máis grandes que as posteriores. As plantas dos pés posúen pelos que recobren as almofadiñas e que protexen as patas do frío e aumentan a súa superficie para camiñar sobre a neve.

Nesta especie non existe dimorfismo sexual, sendo o macho e a femia moi similares, algo que non sucede coa Garduña, onde o macho é de maior tamaño que a femia.

As Martas viven solitarias todo o ano, excepto na época de celo; mentres non acontece ese momento defenden o seu territorio de calquera intruso que intente penetrar no seu perímetro. Para evitalo, marcan con defecacións impregnadas de hormonas, por mor dunhas glándulas situadas no ano e que tamén posúen baixo as plantas dos pés para a comunicación intraespecífica.

Entre xuño e agosto as femias entran en celo de para alertar aos machos desta nova situación, refregan os xenitais contra a vexetación e as pedras. Durante uns días os machos acoden á chamada, pelexan até decidir quen se vai aparear. O procedemento de conquista é similar ao de todos os mustélidos, non obstante o período de cortexo é máis longo, podendo estar a femia receptiva até 15 días.

Finalizada esta situación, o macho regresa ao seu territorio. A implantación é diferida, até o ano seguinte, polo mes de marzo ou abril non se producirá o parto (de dúas a sete crías) en troncos ocos, niños de córvidos ou fendas entre as rochas. A finais do verán remata a crianza, e xusto neste momento comeza a dispersión dos xuvenís. As Martas móstranse activas especialmente durante a noite, percorren o territorio dando saltos ou correndo, polo xeral por rutas habituais. Pode pasar horas sen actividade metida dentro dun niño de paxaro abandonado ou enroscada no interior dunha árbore oca.

Falamos dunha especie forestal, que habita sobre todo en bosques maduros con abundantes árbores vellas, tamén en piñeirais de repoboación e evita zonas antrópicas.

Aliméntase principalmente de especies arborícolas como o esquío, leiróns ou aves que adoitan descansar en niños, pero tamén caza en terra. Detecta as vítimas (coellos lebres e micromamíferos) grazas so seu fino olfacto.

Agradecemos a Marcos o aporte destes vídeos que supoñen unha valiosa información para a biodiversidade da nosa comarca.