Macromia splendens, un tesouro biolóxico en perigo de extinción presente no río Deza


Galiza é, no ámbito europeo, un dos poucos lugares nos que se atopa unha libélula única. Un tesouro biolóxico chamado "Macromia splendens" que se atopa en perigo de extinción. Este raro e escaso invertebrado está presente nos ríos Sil, Miño e nos seus afluentes Bibei, Cabe, Avia, Arnoia, Tea e Louro. 

Fora desta cunca, a súa presencia documentouse nos ríos Límia, Tambre, Lérez, Ulla e tamén no noso Deza:

A Macromia ten a singularidade de ser unha especie de fósil vivente, xa que os seus parentes máis próximos non se atopan entre os conxéneres europeos, senón que están entre outras especies localizadas na actualidade en zonas subtropicais de Asia. Esta rara especie é unha reliquia dun remoto pasado europeo de climatoloxía cálida, xa que o noroeste peninsular non é o lugar natural desta variedade de libélula. 

A Macromia splendens descende de invertebrados que viviron en Galiza fai millóns de anos, no período terciario, cando as terras que hoxe conforman o norte da Península Ibérica atopábanse noutras latitudes de clima máis cálido, moi parecido ao do sueste asiático ou da franxa central do continente americano na actualidade. As glaciaciones provocaron, máis tarde, a súa desaparición.

IDENTIFICACIÓN 

Trátase do maior Cordúlido europeo, podendo alcanzar uns 70 mm. O seu tórax é verde metálico, o abdome presenta manchas amarelas dorsais sobre fondo negro e ten uns grandes ollos verdes. A única especie ibérica coa que pode confundirse é con Cordulegaster boltonii, que non presenta coloración metálica. A Macromia tende a pousarse colgando das ramas das árbores, en claros ou camiños forestais, un comportamento característico desta especie. É unha excelente voadora de actividade diúrna que caza as súas presas (outros insectos acuáticos) mentres voa, axudándose das súas patas e da súa prodixiosa vista. 

Foto: Jose Miguel Barea Azcon 

HÁBITAT E BIOLOXÍA

Habita en ríos anchos e algo profundos, nos tramos lentos que permiten a deposición do sedimento e o crecemento da vexetación acuática. En tramos asollados e cuxas beiras están provistas dunha profusa vexetación de ribeira. En Galiza observouse o comportamento dos machos, que no río consiste en patrullar continuamente un sector duns 50-100 m. O seu ritual de apareamento é moi complexo, pois o macho suxeita a femia por detrás da cabeza cuns apéndices terminais do seu abdome, e así voan un tempo ata que o macho se pousa nunha galla dalgunha planta. Entón, a femia revírase ata colocar o seu orificio xenital en contacto co órgano copulador masculino, realizándose así a fecundación dos ovos. Pasado o mediodía, os machos afástanse para alimentarse, aos camiños ou o interior dos bosques próximos (carballeiras fundamentalmente). Cando se pousan fano en ramas horizontais, deixando pender o corpo. Ao parecer, as femias só acoden ao río para a posta que se realiza nun breve lapso de tempo, desaparecendo despois. As larvas entérranse no barro, xeralmente preto da beira e a pouca profundidade, na zona situada baixo as ramas das árbores ou arbustos de ribeira.

Foto: gailhampshire (CC BY 2.0)

ÁREA DE DISTRIBUCIÓN

Trátase dunha reliquia que sobreviviu ás glaciacións. O xénero Macromia é eminentemente tropical. Das 112 especies recoñecidas, só "Macromia splendens" se atopa no continente europeo, e só unhas 10 en América do Norte. A maior parte das especies distribúense por Asia, especialmente India, Sueste de China, Xapón e illas adxacentes (máis de 50 especies), África tropical (unhas 40 especies) e Oceanía (6-7 especies). A área de distribución de M. splendens limítase ao extremo S-SW de Francia e á Península Ibérica. Dentro desta área a especie é moi rara e localizada, de forma que as súas localidades (coñecidas) forman manchas illadas. En Francia, habita nas rexións de Montpellier e Cahors, con poboacións relativamente próximas e numerosas. Na Península Ibérica as citas son moi escasas tamén.

En Portugal existen dúas citas antigas localizadas preto de Coimbra. Recentemente descubriuse que é unha especie ben distribuída polas rexións setentrionais de Portugal. Recentemente estudouse a súa distribución en Galiza, onde se descubriu en 1995 e só se atopou nunha decena de ríos.

Mapa de distribución da especie na Península Ibérica

FACTORES DE AMEAZA

A especie é moi rara e parece moi localizada. Aínda que a súa distribución real non se coñece, a escaseza das citas existentes fai que as poucas localidades coñecidas deban ser obxecto dunha protección o máis forte posible. Igualmente, se a especie fose citada máis adiante noutras localidades, debería pensarse en protexelas igualmente. En Francia observouse un declive dalgunhas poboacións debido á contaminación das augas e á construción de presas que provocan cambios do réxime hídrico dos ríos. Con todo, nalgunhas ocasións esta especie é capaz de colonizar os encoros, e chegar a formar poboacións numerosas neles.

En Galiza, os principais factores de ameaza son a presenza de especies de peixes alóctonos, a destrución dos hábitats, a degradación do bosque de ribeira, a contaminación difusa da agricultura e a gandería (fonte de contaminación de grande relevancia no pais) e contaminación puntual de afluentes (mal funcionamento de depuradoras, áugas residuais sen depurar de núcleos urbanos, verquidos industriais...) 

A continuación móstrase unha avaliación das perspectivas futuras da especie nas poboacións detectadas na zona: 

Cordero Rivera, A., Torralba-Burrial, A., Ocharan, F.J., Cano, F.J., Outomuro, D. y Azpilicueta Amorín, M. 2012. Macromia splendens. En: VV.AA., Bases ecológicas preliminares para la conservación de las especies de interés comunitario en España: Invertebrados. Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Madrid. 67 pp. 

ESTADO DE CONSERVACIÓN:

Libros Vermellos. Categorías de ameaza:

  • Mundial: Vulnerable (VU) (IUCN Rede List 2006)
  • Nacional: En perigo crítico (CR) 
  • En perigo de extinción.

PROTECCIÓN LEGAL

Catálogo Nacional de Especies Ameazadas Categoría: En perigo de extinción Data: 24 de marzo de 2000 Norma: Orde do 10 de marzo de 2000 do Ministerio de Medio Ambiente. (BOE nº 72, de 24/03/2000) 

BIBLIOGRAFÍA:

As libélulas fluviais ameazadas de Galicia (Martiño Cabana e Adolfo Cordero-Rivera) Revista CERNA nº 80 2018.

Cordero Rivera, A., Torralba-Burrial, A., Ocharan, F.J., Cano, F.J., Outomuro, D. y Azpilicueta Amorín, M. 2012. Macromia splendens. En: VV.AA., Bases ecológicas preliminares para la conservación de las especies de interés comunitario en España: Invertebrados. Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Madrid. 67 pp.

Fotografía de cabeceira: Adolfo Cordero Rivera