¿Qué son as egagrópilas?
As egagrópilas son bólas formadas polos restos de alimentos non dixeridos que algunhas aves rapaces regurxitan. Normalmente conteñen ósos, pelame, exoesqueletos de insectos, materia vexetal, etc. que as aves non poden dixerir. Son moi útiles para saber o tipo de alimentación dos distintos xéneros de aves.
Fano as aves carnívoras e insectívoras, pero as máis coñecidas son as das rapaces nocturnas, coma os bufos ou as curuxas. A razón é que os seus fluídos gástricos son menos potentes que os das rapaces diúrnas, polo que os restos óseos son máis facilmente identificables, podéndose así facer un estudo da dieta do animal ou mesmo da poboación de micromamíferos da zona.
As egagrópilas fórmanse no estómago da ave, dentro das primeiras horas trala comida. A regurxitación das egagrópilas permite ao paxaro remover material indixerible que en caso contrario taparía o seu estómago glandular.
A maiores das rapaces, moitas outras especies de aves producen tamén egagrópilas, coma os mergullóns, as garzas, os corvos mariños, as gaivotas, os martiños peixeiros, os corvos, as andoriñas, a maior parte das aves limícolas...
¿Qué información aportan as egagrópilas?
As egagrópilas supoñen un elemento importante para o estudo das aves que as xeran, xa que permiten coñecer tanto os seus radios de caza como a alimentación que seguen, así como as poboacións dos micromamíferos e réptiles que habitan nas devanditas zonas. É común atopalas sobre o chan nas zonas onde aniñan.
Os ornitólogos recadan as egagrópilas das especies ao longo do tempo para analizar a variación estacional ou eventual nas súas inxestas e incluso para detectar enfermidades nos individuos.
¿Como se analizan as egagrópilas?
Os restos de micromamíferos e doutras especies poden extraerse para a súa determinación mediante dous sinxelos métodos:
Posteriormente procédese á extracción dos restos atopados e á súa clasificación e análise, para determinar que especies están a consumir as aves.
¿Como distinguir as egagrópilas?
Non debemos confundir "egagrópilas" con "excrementos".
Aínda que ambos restos poden parecer o mesmo, se nos fixamos con detemento, é posible chegar a diferencialos. Se atopamos un excremento fresco, vai desprender un cheiro particular e adoita atoparse en terreos abertos. Os excrementos adoitan estar retortos, teñen como mínimo un extremo puntiagudo, e os restos dentro do mesmo están situados de maneira paralela ao eixo máis longo.
Pola contra, as egagrópilas non están retortas, soen ter forma de bola ou cilindro e os restos non sempre son paralelos ao eixo máis longo. Tampouco desprenden un cheiro forte e adoitan atoparse en grandes cantidades en puntos específicos, como baixo os durmidoiros ou zonas de aniñamento.
A continuación mostramos algúns exemplos dos restos que podemos atopar nunha egagrópila:
Por desgraza, tamén nos podemos atopar cousas indesexables, como restos de plástico, posiblemente inxerido pola ave ao alimentarse de restos de carroña nun vertedoiro, de restos de animáis tirados no monte nun saco (cousa tamén por desgraza moi común)... Isto móstranos unha vez máis como o maldito plástico está a afectar de xeito alarmante ao noso planeta e á nosa biodiversidade.
Debemos recordar que a manipulación das egagrópilas debe realizarse con precaución, a ser posible con lubas e posteriormente procedendo á desinfección de todo o instrumental utilizado, xa que poden ser portadoras de bacterias.