A procesionaria do piñeiro (Thaumetopoea pityocampa) é o insecto defoliador máis importante dos nosos piñeirais. Pode alimentarse de todas as especies do xénero Pinus e do xénero Cedrus, podendo chegar a destruir a totalidade da masa foliar da árbore se as súas concentracións son moi elevadas.
Os adultos da “procesionaria” son unhas bolboretas de 30-50 mm. co primeiro par ás de cor gris cinza cos nervios máis escuros e co segundo par de cor branca co borde escuro e un punto negro na parte máis interior das mesmas. As súas antenas son de forma pectinada, é dicir, con forma de peite nos machos, e filiforme nas femias. O tórax está recuberto dunha pilosidade gris en ambos sexos, co abdome cilíndrico. Os adultos aparéanse no verán e teñen hábitos nocturnos co que evitan seren depredados polas aves diurnas.
Bolboreta de Procesionaria
O seu ciclo de reprodución
As bolboretas emerxen do chan no verán e suben ás herbas ou ramas para rematar de estirar e secar as súas ás. As femias atraen rápidamente aos machos mediante unha feromona sexual e comezan a aparearse para posteriormente facer a posta de ovos nas acículas do piñeiro.
A femia pon entre 100 e 300 ovos que cubre cunhas escamas que ten na parte final do seu abdome. O aspecto das postas é a dun canuto de cor amarelento.
Posta de Procesionaria
O nacemento das eirugas (estadio L1) ocorre aos 30-40 días, sucedendo a finais do mes de xullo, nas zonas máis frías, ata mediados do mes de setembro nas máis cálidas. Tras a eclosión comezan a súa alimentación sobre as acículas máis próximas á posta, causando un primeiro e característico dano sobre a árbore. As eirugas manterán un comportamento gregario ao longo de todo o período larvario.
Tras a primeira muda aos 8-12 días, as eirugas (estadio L2) seguen formando pequenos niños provisionais mediante entrelazados fíos de seda, normalmente cubertos por pequenos excrementos. Transcorridos de 12 a 18 días realizan a súa segunda muda, aparecendo os pelos urticantes (estadio L3), cada vez máis numerosos segundo avanza o crecemento, comezando a construír o característico bolsón de inverno.
Bolsón de Procesionaria
Pasados uns 30 días as eirugas volven mudar, alcanzando o cuarto estadio (estadio L4), fase larvaria na que pasa os meses centrais do inverno. É esta a fase de duración máis variable en función das condicións climáticas da zona, prolongándose segundo o rigor invernal.
A alimentación é crepuscular e nocturna, permanecendo no interior do bolsón durante as horas centrais do día co fin de acumular calor. A cuarta muda da lugar ao quinto e definitivo estadio (estadio L5), que normalmente ten lugar tralo período invernal. Esta fase larvaria ten unha duración aproximada de 30 días, na que se producen as defoliacións máis intensas.
Nos primeiros días primaverais, una vez que as eirugas alcanzaron o seu máximo desenvolvemento (25-40 milímetros), sucédense as clásicas procesións de enterramento, descendendo do bolsón na procura do lugar onde realizar a crisalidación.
Característica procesión da Procesionaria
Toda a colonia vaise enterrando no chan mediante movementos compasados, realizando a continuación e de xeito individual, un capullo no que entran en fase de prepupa.
Procesionaria en proceso de enterramento
Tras profundos cambios e unha nova muda alcanzan a fase de crisálida, de duración variable pois oscila entre pouco máis dun mes, nas localidades máis frías, e catro ou cinco meses nas máis cálidas, ou entre un e catro ou cinco anos se a crisálida entra en período de diapausa (letargo) prolongada. Este mecanismo, que depende da temperatura, detén o desenvolvemento da crisálida, permitindo á bolboreta emerxer na época máis adecuada. É moi habitual atopar diapausas prolongadas en localidades frías. Unha vez completado o proceso dentro do capullo a bolboreta emerxe, pechando así o ciclo.
Os perigos da procesionaria.
Dende o seu nacemento, as eirugas teñen uns peliños visibles, pero é no terceiro estadio larval cando lle comezan a sair uns peliños microscópicos, que se poden desprender facilmente e que actuan como arpóns cravándose na pel e mucosas respiratorias e oculares. Estes peliños tamén estarán no aire polo que poden causar molestias mesmo sen ter un contacto directo coas eirugas.
Tanto as eirugas, coma os bolsóns, como as crisálidas son altamente urticantes, e os pelos ademais poden permanecer activos durante longos períodos de tempo, dando lugar a reaccións alérxicas ao longo de todo o ano. O período de tempo durante o cal a eiruga está no seu 5º estadio e comezan as procesións de enterramento, é cando se producen o maior número de reaccións alérxicas, ao ter as eirugas o máximo de pelos e ser tamén cando existe un maior risco de contactar directamente con elas.
Eirugas en proceso de enterramento
Estes pelos urticantes poden producir varias patoloxías: afeccións cutáneas, irritación nos ollos e nas vías respiratorias, e nos casos máis extremos reaccións anafilácticas.
Moito ollo coas vosas mascostas (cans e gatos), xa que poden causarlle graves lesións, e se se complican, incluso a morte. Se hai sospeita do contacto coa eiruga, e o animal presenta síntomas como salivación excesiva, frotamento da boca coas patas, frotamento da cara con inquietude ou algunha outra conduta anómala, o mellor é acudir canto antes ao veterinario.
Consellos para reducir as posibles afeccións
Medidas preventivas contra a procesionaria
A procesionaria ao ser unha praga endémica dos nosos piñeirais conta cun numeroso número de predadores e parasitos que axudan a manter a súa poboación controlada. Ainda así, a procesionaria adoita ter explosións demográficas que dan lugar a fortes defoliacións.
Estas explosións rematan por corrixirse de xeito natural, aínda que cun atraso de polo menos un ano, debido á actuación de dous procesos: o aumento progresivo dos predadores e parasitos da procesionaria e á diminución da cantidade e calidade do alimento dispoñible.
Polo tanto, a longo prazo é importante favorecer a presenza de predadores e parasitos naturais nos piñeirais, mediante a colocación de caixas niño para as aves insectívoras e caixas refuxio para os morcegos de carácter forestal, e minimizando as actuacións que puidesen reducir o número de parasitos.
Outras actuacións positivas a medio e longo prazo consisten en favorecer que os piñeirais teñan unha estructura máis heteroxénea, tanto en grupos de idade, como en número de especies, con máis presenza de especies caducifolias, sobre todo nos bordos da masa, que son os lugares máis asollados e por tanto predilectos para a procesionaria. Tamén as especies caducifolias favorecen a presenza dos inimigos naturais da procesionaria (predadores e parasitos). Estas medidas pódense aplicar tanto nas masas de piñeiral coma no medio urbano (parques e xardíns).
Métodos de control e luita
Existen variade de métodos para luitar contra a procesionaria (barreiras físicas, controis mecánicos, tratamentos insecticidas, trampas…), pero nós queremos centrarnos da luita biolóxica, que é a que realizan os predadores naturais.
Os predadores da procesionaria son fundamentalmente aves insectívoras e morcegos que habitan zonas forestais, pero tamén algún outro mamífero e insectos. Depredan eirugas, crisálidas e tamén bolboretas. Aínda que non son capaces de controlar unha situación de praga, exercen un importante papel regulador e de freo das poboacións. Non cabe a dúbida de que sen a súa presenza, a posibilidade de que a procesionaria se disparase sería moito maior.
Os insectos inimigos da procesionaria son as formigas, avespas e chicharras, estas últimas cómense os ovos. Como mamíferos destacamos o lirón careto e o morcego, o cal é un predador das bolboretas no verán, aínda que ben é certo que a maioría de veces é repelido polo importante poder urticante dos longos pelos das eirugas.
Morcego de orellas fendidas (Myotis emarginatus)
Entre as aves insectívoras hai grupos especializados na procura e captura de vermes, e entre eles, determinadas especies atrévense mesmo coas eirugas. Os paxaros máis valentes de pequeno tamaño son o Ferreiriño abelleiro (Parus major), que é o máis activo e atrapa ás eirugas mentres come entre as follas dos piñeiros e mesmo abre os seus bolsóns de seda. Tamén o Ferreiriño bacachís (Cyanistes caeruleus) ou o Cuco (Cuculus canorus).
Ferreiriño bacachís (Cyanistes caeruleus)
Entre as aves de maior tamaño destaca o Cuco real (Clamator glandarius), que expulsa os pelos urticantes logo de comer a larva. Cando as eirugas se enterran o Merlo (Turdus merula), rastrexa o chan para localizalas, extraerlas e comelas.
Merlo (Turdus merula)
Outro depredador é a Bubela (Upupa epops), que realiza un auténtico ritual , zarandeando e golpeando de xeito reiterado á eiruga que colle co seu longo peteiro, para desprenderlle os molestos pelos. A estes xa nomeados, únenselles os corvos e as Pegas rabilongas (Pica pica).
Bubela (Upupa epops)
Fontes de información:
"La procesionaria del pino. Documento divulgativo." Junta de Castilla y León. Centro de Sanidad Forestal de Calabazanos.
"Los depredadores naturales de la procesionaria del pino." Higia Sanidad Ambiental. www.higiaiberica.com.