A problemática das toalliñas hixiénicas

As toalliñas hixiénicas resultan un produto moi práctico que ten múltiples usos na vida cotiá. Utilízanse por exemplo para limpar aos nenos logo de cambiarlle os cueiros, para hixienizar as mans cando non se dispón de auga, para eliminar a maquillaxe... pero tralo seu uso, chega a hora de refugalas, momento no que xorde o principal problema ambiental asociado a este produto.

Case sempre se tende a arroxar as toalliñas ao inodoro e cando o facemos, estamos a causar graves danos tanto na rede de saneamento coma no medio ambiente.

A diferenza do papel hixiénico, estes panos non se desintegran con facilidade, xa que están fabricados para ser resistentes e duradeiros, precisamente para que non se desfagan ao contacto durante a súa utilización. 

Para estimular o seu consumo, as diferentes empresas ofertan as toalliñas indicando que son biodegradables e que poden tirarse ao inodoro, pero a realidade é necesitan varios meses para conseguir degradarse, polo que poden provocar grandes acumulacións nos sumidoiros.

Este problema, sumado ás "evidentes deficiencias" que presentan as redes de saneamento das nosas vilas, provocan que logo de abundantes descargas de choiva (ás veces non necesariamente tan abundantes), os sumidoiros non consigan evacuar tódalas augas residuais vertendo directamente aos cauces.

As deficiencias e limitacións das redes de saneamento e o mal refugado das toalliñas e outros produtos provocan verquidos directos aos cauces. (Paseo do Pontiñas. Lalín)

As augas pluviais, fecais e por suposto todo o que tiramos polo noso inodoro, pasa entón a "tapizar" o fondo dos nosos ríos, as raíces das árbores e a vexetación de ribeira.

Polo tanto, é aquí onde entra en xogo a conciencia e responsabilidade de cada un de nós. É moi cómodo utilizar o inodoro coma un contedor que todo o engule (toalliñas, compresas, tampóns, plásticos...), quizáis pensando que unha vez desaparece arrastrado pola auga da cisterna, todo se evapora por "encantamento". 

Lonxe diso, o que estamos a crear é un serio problema ambiental.

Residuos prendidos na vexetación de ribeira. (Paseo do Pontiñas. Lalín)

Para evitar este tipo de problemática, o ideal sería non consumir este tipo de produtos, pero de facelo, deben ser refugados correctamente depositándoos no lixo.

Respecto ás necesarias adecuacións que as deficientes redes de saneamento das nosas vilas necesitan de forma "urxente", trataremos noutra ocasión.

Un Lavanco (Anas platyrhynchos) rodeado de residuos. (Paseo do Pontiñas. Lalín)

Debemos recordar que a agua que bebemos e que necesitamos para vivir, procede dos mesmos ríos aos que por desgraza, constantemente estamos a maltratar.