A importancia das árbores vellas

Na nosa comarca, apenas quedan bosques vellos ou árbores que destaquen pola súa idade entre o resto da masa forestal. Por desgraza, o máis común son as grandes plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos que non poden ser denominadas “bosques” e que xeran negativos impactos sociais e ambientais.

(Estado do terreo logo da tala dunha plantación de piñeiros nos Sobreirais do Arnego. Verán 2019)

As formacións forestais naturais son ecosistemas moi complexos que contan cunhas especiais características estruturais, hábitat de gran número de especies altamente especializadas, que non teñen cabida nas fases máis novas do bosque e quedan por iso restrinxidas aos rodales máis maduros.

No Deza aínda existen algunhas carballeiras, soutos, sobreirais e devesas con pes de avanzada idade que son de gran importancia para o mantemento dunha fauna específica que depende en gran medida dos bosques vellos.

En ocasións, o único que podemos observar nalgún dos nosos montes ou preto das zonas humanizadas é unha solitaria árbore vella ou un pequeno grupo delas, que a miúdo son consideradas coma algo excepcional ou coma unha anomalía da natureza, cando en moitos casos, non son máis que a mostra relíctica dos bosques que un día ocuparon ese lugar.

(Sobreira de gran porte en Vilar, Soutolongo)

Aínda nestas condicións, nunha contorna transformada, as árbores vellas seguen xogando un papel vital a través dos anos, como refuxio das especies que colonizan eses lugares.

Estes anciáns (castiñeiros, carballos, teixos, sobreiras…) presentan diversos elementos, coma buracos, cavidades, madeira morta, grosas polas de reviradas formas… que son vitais para o refuxio e alimentación de moitas especies de mamíferos e aves, así como de invertebrados, réptiles e anfibios. 

(Vello carballo no castro de Bendoiro)

Do mesmo xeito, son soporte para raras especies de fungos, brións e liques que só se desenvolven sobre a vella madeira ou a rugosa cortiza destas árbores.

(Carballeira de Quiroga. Catasós)

Un ecosistema funcional necesita de grandes árbores que proporcionen os nichos necesarios para todas estas especies, moitas das cales desaparecen dun territorio cando non teñen o soporte adecuado.

A presenza de madeira morta é outra das características principais dos bosques vellos. Esta madeira extraíase sistematicamente dos bosques por varias razóns: para ser utilizada como leña (en épocas nas que existía unha maior demanda deste combustible), pola crenza de que podían provocar a aparición de pragas de insectos (demostrouse que a existencia continuada de madeira morta en bosques naturais, non provoca problemas sanitarios de xeito natural polo propio ecosistema) ou pola teoría do incremento do risco de incendios forestais, cando en realidade é un combustible de baixa velocidade de propagación do lume.

(Troncos de vellas árbores caídas na Carballeira de Quiroga. Catasós.)

Pola contra, os bosques xestionados contan con cantidades bastante menores de madeira morta.

Cando falamos de fauna ligada a un certo tipo de hábitat, falamos dun conxunto de organismos cuxas adaptacións específicas aos devanditos lugares son o resultado da súa historia evolutiva e que lles levou a manter unha estreita relación, na que frecuentemente, uns dependen dos outros de maneira tan estrita que en moitas ocasións estas especies non poderían vivir noutros hábitats.

As peculiares condicións ecolóxicas existentes nos bosques vellos deron lugar a unha alta diversidade de formas de vida desenvoltas como adaptación á alta variedade de nichos ou micro-hábitats.

Temos por exemplo os insectos saproxílicos, que son as especies que dependen durante unha parte do seu ciclo de vida da madeira morta ou en proceso de descomposición, procedente de árbores senescentes ou mortas, en pé ou caída, ou de fungos da madeira.

Os insectos, e en particular os coleópteros, son o grupo de especies máis abundante entre eles, coma os insectos xilófagos que consomen directamente a medeira viva.

Os saproxilófagos, que viven a expensas de madeira en descomposición. Os xilomicetófagos, que consomen micelio de fungos que colonizan a madeira. Os detritívoros, que explotan os cadáveres e dexeccións doutros insectos saproxílicos e tamén outros insectos, depredadores destes últimos.

A diversidade de formas e estratexias destes insectos é enorme e polo tanto tamén o número de especies. Unha das máis coñecidas é a dos Lucánidos, familia á que pertence o cervo voador “Lucanus cervus” (a nosa Vacaloura ou Escornabois), habitantes da madeira morta outrora moi frecuentes nas carballeiras e en alarmante retroceso.

Moitas destas especies de insectos, pouco apreciadas polos forestais por consideralas pragas, son realmente importantes e xogan un papel ecolóxico esencial como descompoñedoras da madeira, ao mesmo tempo que se converten en base para a alimentación doutra serie de animais especializados na súa captura, algúns dos cales se van a comentar a continuación.

A escaseza de zonas de bosque vello, unido á baixa capacidade de dispersión dalgunhas especies, fan que estas vaian desaparecendo ou se atopen ao bordo da extinción nunha gran porcentaxe dos nosos bosques.

É fundamental tomar unha serie de medidas para mellorar as condicións ecolóxicas nos bosques produtores de madeira, entre elas o mantemento de árbores vellas e de madeira morta en cantidade suficiente.

FAUNA RELACIONADA COAS ÁRBORES

Dentro das aves, o grupo que presenta unha relación máis estreita coas árbores é sen dúbida o dos paxaros carpinteiros (Familia Picidae). A súa historia evolutiva levoulles a conseguir unhas adaptacións moi concretas que lles permiten explotar con éxito este medio. Posúen dedos zigomorfos que lles permiten desprazarse e equilibrarse con facilidade nos troncos das árbores, peteiros afiados e potentes, cranios cunha cámara de aire que lles permite golpear fortemente na madeira para facer buracos para aniñar ou buscar alimento, lingua pegañenta e longa para extraer larvas de insectos.

Os máis comúns que podemos atopar na nosa Comarca son o “Peto verdeal” (Picus viridis), o “Peto real” (Dendrocopos major), e excepcionalmente o “Peto formigueiro” (Jynx torguilla).

Os ocos das árbores vellas tamén dan acubillo a diversas especies de morcegos, como é o caso dos nóctulos, morcegos bigotudos, morcegos de bosque, etc., xa que habitan exclusivamente nestes micro-hábitats, polo que dependen destas árbores anciáns.

Algúns seleccionan grandes buracos naturais, outros atopan refuxio baixo a cortiza semidesprendida de árbores senescentes e en certos casos prefiren os buracos de nidificación abandonados polos paxaros carpinteiros.

Nestas vellas árbores poden formar colonias reprodutoras e as femias paren á súa única cría. Estas colonias adoitan ser de pequeno tamaño (entre 10 e 30 individuos). As grandes árbores son tamén utilizadas como refuxio noutras épocas de ano, incluido o inverno.

Estes animais non só enriquecen o bosque, senón que o protexen contra o desenvolvemento de proliferacións extraordinarias de insectos que puidesen xurdir de xeito estacional, evitando así o fenómeno das pragas e mantendo un equilibrio entre uns e outros.

A maior parte destes morcegos son moi escasos, debido á rareza das árbores vellas na maioría dos bosques, e varios deles considéranse especies ameazadas.

Tamén debemos falar doutros grupos de animais, que sen ser tan especializados nos recursos que ofrecen os bosques vellos, tamén se ven favorecidos pola existencia de árbores vellas. Así, as árbores con buracos internos dispersos en bosques máis novos ou grandes pés illados, poden ser de gran interese para os pequenos carnívoros como as Algarias (Genetta genetta), as Garduñas (Martes foina), as Martas (Martes martes), o Gato bravo (Felis silvestris), etc.

Para as rapaces, a existencia de árbores vellas nunha paisaxe desarborada, serve de atalaia dende a que prospectar o territorio na procura de presas como micromamíferos ou pequenas aves quen tamén atopan refuxio nestas grandes árbores.

Os ocos nas vellas árbores serven tamén de lugar de nidificación para algunhas rapaces nocturnas, como a “Avelaiona común” (Strix aluco) ou o “Moucho común” (Athene noctua).

Entre os anfibios, a “Píntega común” (Salamandra salamandra) adoita refuxiarse na madeira morta en descomposición caída sobre o chan.

Tralo descrito anteriormente, estas son algunhas das conclusións que se deberían considerar:

  • Preservar os escasos restos de bosques vellos para evitar a extinción das especies forestais “especialistas”.
  • Os bosques xestionados deberían estar ben estruturados e debería manterse a dinámica natural e a madeira morta. Neste sentido, é fundamental aprender do observado nos bosques vellos, imitando na xestión silvícola a súa estrutura e dinámica, aplicando medidas específicas de conservación.
  • Conservar as árbores vellas nos bosques e fóra deles, polo seu importante papel coma sustento e refuxio da fauna. O aproveitamento da madeira debería facerse de xeito sustentable e mantendo a calidade do hábitat para lograr a permanencia de todas as especies que habitan no bosque.
  • Deberíase manter a madeira morta grosa xerada polo monte. Ao contrario das obxeccións que poidan exporse en razón do risco de incendios forestais, a madeira morta grosa non constitúe un incremento deste risco ao ter unha baixa velocidade de propagación do lume.
  • Por suposto, non se deberían alterar as árbores con niños.
  • No caso de aproveitamentos forestais, estes deberían regularse de modo que se evitasen os traballos de explotación en núcleos próximos a outros con presenza de especies sensibles durante a súa época crítica. Deberíanse manter as especies arbóreas secundarias e os hábitats menores presentes no interior das masas arborizadas, coma os pequenos rasos, zonas húmidas, etc.
  • Desenvolver políticas de restauración forestal e plans de xestión eficientes nos que sexa máis importante a conservación dos bosques, árbores singulares e a recuperación das masas arbóreas perdidas, que crear novas plantacións con poucas especies.