Fai uns días, uns familiares avisáronnos da presenza dunha eiruga de gran tamaño baixo a parra do seu xardín e aló acudimos para tentar identificala. Axiña nos decatamos que se trataba dunha eiruga de uns 7,5 cm. de lonxidute da especie "Deilephila elpenor", tamén coñecida como a "Esfinxe maior da vide" ou "Esfinxe morada".
(Foto: Jean Pierre Hamon bajo licencia CC BY-SA 3.0)
Esta esfinxe está amplamente distribuída por Europa, excepto no seu extremo norte. Na Península repártese polo cuadrante nororiental, Levante, norte de Portugal e tamén a podemos atopar na nosa terra. A eiruga é robusta e pode ter unha lonxitude de ata 8 cm. Cara a cabeza está fortemente adelgazada e ten o corpo ocre pálido (ocasionalmente verde), densamente moteado e debuxado de negro-pardusco, aínda que con menor intensidade nos cinco primeiros segmentos. Cada un dos segmentos 4 e 5 ten un par de puntos grandes que asemellan ollos, moi chamativos, en forma de ril, de cor lila pálido co bordo branco, situados na parte dorsal.
Posúe un pequeno corno dorsal no undécimo segmento. A súa cabeza é pardo-agrisada escura. As eirugas novas son de cor verde. Habita en prados, claros de bosque, terreos baldíos, vales dos ríos e calquera outro lugar onde medren as súas plantas nutricias, como as do xénero Epilobium, Galium, a "Herba do asno" (Oenothera glezioviana) e tamén as vides (Vitis vinifera), entre outras. Nos xardíns adóitase atopar sobre as Fucsias.
Dunha xeración anual, poñen os ovos illadamente ou en pequenos grupos no envés das follas durante o mes de xuño, eclosionando nuns quince días.
As eirugas comen de xullo a setembro. Cando se lle molesta, a eiruga retrae a cabeza co corpo, co que se inchan os segmentos anteriores e fanse prominentes os puntos que asemellan uns grandes ollos.
Esta aparencia de alarma, que lembra a unha serpe, parece que é eficaz para escorrentar aos depredadores. A pupación ten lugar a finais do verán ou comezos do outono en casulos fráxiles construídos entre a follaxe do chan, ou subterráneamente a pouca profundidade. Os adultos adoitan avivar en xuño do ano seguinte, aínda que ocasionalmente aparece unha segunda xeración parcial a finais do verán.