Na parroquia de Rodís (Lalín), perto do rego de Borbón, afluente do Arnego, e nas inmediacións dunha dunha antiga fábrica de papel que data do século XIX, érguese un exemplar de "Juniperus thurifera", en castelán "Sabina albar" ou "Enebro", que cos seus máis de 200 anos de antiguidade, se considera único en Galiza.
A árbore de incenso de Rodís (Juniperus thurifera)
Esta árbore foi plantada coma ornamental, xa que non é autóctona da nosa terra. En Galiza só unha especie é natural no alto das serras orientais: o "Xenebreiro rastreiro" (Juniperus communis subsp. alpina).
Juniperus communis subsp. alpina (Foto: Arnstein Rønning)
O xénero Juniperus, está formado polos "xenebreiros" ou "cimbros", e son coníferas arbóreas ou arbustivas, pertencentes á familia das cupresáceas.
As especies repártense en dúas seccións, os "xenebreiros" (J. secc. Juniperus) e as "sabinas" (J. secc. Sabina).
Dependendo do punto de vista taxonómico, hai entre 50 e 67 especies de xenebreiros distribuídos por todo o hemisferio norte, desde o Ártico cara ao sur até a África tropical, no Vello Mundo, e até as montañas de Centroamérica.
A especie á que pertence a árbore de Rodís (Juniperus thurifera) ten na Península Ibérica os seus núcleos principais nas montañas interiores do centro, centro-norte e este, principalmente nas provincias de Cuenca, Teruel, Guadalajara, Soria, Burgos e Palencia, sendo menos abundante no resto de provincias.
Trátase dunha árbore sempre verde, de tamaño mediano, xeralmente de 4-12 metros de altura e de tronco dun metro ou pouco máis de diámetro, aínda que se mencionan exemplares de ata 20 metros e tronco de 3 metros de diámetro.
O tronco soe ser curto e groso, algo retorcido e tortuoso nos exemplares máis vellos, con cortiza pardusca ou cincenta, fibrosa e agretada lonxitudinalmente, que se desprende en tiras estreitas.
A copa é moi densa, de coloración verde escura, con forma ovoide, aplanada ou cónica, e irregular en exemplares vellos. As ramas son patentes e grosas, coas últimas ramiñas que tenden a situarse nun plano, de 1-2 mm. de diámetro, de sección case cuadrangular, ásperas ao tacto por levar o ápice das follas aguzado e algo levantado.
Soe ser unisexual dioica, é dicir, produce pes masculinos e femininos; conos masculinos ovoides ou oblongos de 3-5 mm., formados por 4-6 pares de escamas en forma de parasol, cada unha con 3-7 sacos de pole na súa cara inferior; os femininos, en curtas ramiñas laterais, formados por 6 escamas carnosas soldadas, dando lugar a unha arcéstida globosa ou ovoide, de 6-10 mm. de diámetro, que encerra 2-6 sementes ovais, un pouco angulosas, dunha cor pardo-brillante, con superficie lisa.
A cor da arcéstida varía de cor azulado a ennegrecido ou avermellado segundo o grado de madurez, e está matizado por unha cera branco-azulada que as recobre con frecuencia. As arcéstidas maduras, son alimento de varias especies de paxaros, coma os merlos e os tordos, que contribúen a esparexer as súas sementes.
Florece a partires de xaneiro ou febreiro e as arcéstidas maduran ao segundo ano.
As abundantes flores dos pes masculinos, producen unha gran cantidade de pole, chegando a ser tal, que nos días de moito vento aparenta que sae fume da propia árbore.
Trátase dunha especie de crecemento moi lento e que ten una gran resistencia ás fortes xeadas e tamén ás altas temperaturas.
O nome científico desta especie (Thurifera), significa “produtora de incenso”, xa que a súa madeira é moi aromática, de cheiro resinoso agradable, polo que se queima por este fin, producindo un cheiro moi penetrante que segundo os ditos populares, repele aos insectos. Dicía tamén o botánico catalán Pius Font i Quer (1.888-1.964) que o cheiro facía fuxir ás serpes.
No caso da árbore de Rodís, os curas das parróquias acudían a esta árbore para recoller a súa resina e utilizala coma incenso nas súas igrexas.
Respecto á madeira, de gran moi fino, cabe destacar a súa resistencia aos cambios bruscos de humidade e temperatura, así como á corrupción, polo seu contido en resina. Presenta unha albura amarelada e un duramen roizo, é duradeira, aromática e resistente ao contacto coa auga.
Tradicionalmente empregouse para carpintería de exteriores (marcos de xanelas, etc), vigas e obtención de leñas, sendo moi apreciados os arcóns e armarios confeccionados con ela, xa que segundo os ditos populares, protexían á roupa das polillas.
Corte de madeira de Juniperus thurifera
No ano 2014, dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, procedeuse á elaboración dun informe sobre seu estado, concluindo que o exemplar se atopaba en boas condicións, recomendando só unha pequena poda de varias ramas secas e advertindo que non se debería aplicar no terreo circundante ningún tipo de abono orgánico (esterco, purín ou similares), xa que isto podería favorecer a progresión de fungos perxudiciais.
Agardamos que se coide e se protexa esta fermosa árbore para que poidamos seguir desfrutando dela por moitos anos máis.