LAURUS: Vello nome latino posiblemente derivado do celta LAUR: verde, por seren os loureiros de folla persistente; NOBILIS: Nobre, polo maxestoso do seu porte.
Arboriña ou árbore aromática dioica de 5-10 metros, que pode chegar até 20 metros. Tronco dereito. Cortiza parda-verdosa cando nova, agrisada e lisa na madurez. Copa baixa, cónica, densa e de cor verde moi escura.
Follas de 6-15 x 2-5 cm., persistentes, simples, alternas, coriáceas, provistas dun curto pecíolo, oblongo-lanceoladas, co bordo enteiro máis ou menos ondulado, ápice agudo, base cuneada, cor verde escura na face, máis pálidas no envés e sen pelos. As follas están provistas de células oleíferas que lle confiren un forte e característico olor cando se rompen.
Flores de 5-8 mm., unisexuais, branca-verdosas ou amarelentas, con envolta floral de 4 pezas. As masculinas con 8-12 estames. As femininas con 4 falsos estames, ovario súpero, 1 estilo curto e groso e estigma con 3 caras. As flores están agrupadas en umbelas de 4-6 flores de até 4 cm., situadas nas axilas das follas.
Florece entre febreiro e abril. A polinización é entomógama.
O froito é unha baga de 10-15 mm., ovoide, carnosa, acuminada, primero verde, negra na madurez. Semente de 9 x 6 mm., lisa, 1 por baga, diseminada polas aves. Madura a principios de outono, pero os froitos poden permanecer na árbore até xaneiro.
Orixinaria da Rexión Mediterránea. Habita en barrancos húmidos e sombríos do litoral.
Moi abundante na zona litoral, penetrando cara ao interior polos vales fluviais. Dubidouse da súa espontaneidade en Galiza dado o seu carácter de especie da laurisilva. Hoxe isto non se cuestiona e considérase como especie relicta do Terciario. Existe un bosquete na illa de Cortegada, único en Europa, en perigo de desaparición.
Especie leñosa de gran valor histórico que acompaña o ser humano desde o inicio da súa era. Na antigüedade era unha planta venerada e consagrada aos deuses. Despois considerouse como remedio contra a peste e como funxicida eficaz. Os estudantes na antigüidade recibían un ramo de loureiro con froitos (de aquí deriva a palabra bacharelato: bacca e laureatus).
Cultivada nos xardíns como árbore ornamental e tamén polas súas follas utilizadas como condimento en culinaria e polas súas propiedades medicinais, coñecidas desde a antigüidade, tales como estomacais, carminativas e emenagogas. Tamén en forma de ungüento resulta eficaz contra o reuma. En veterinaria utilízase contra os parasitos dos animais domésticos.
A madeira, moi dura, é de utilidade en marquetaría e exhala un agradábel olor.
O ramo de loureiro é símbolo de vitoria, con el coroábase os heroes e os poetas.
Lugar de observación: Lalín.