25 Jul
25Jul

CRATAEGUS: Do grego KRATAIOS: forte, robusto en alusión á súa madeira, ou de KRATOS: forte e AIGON: cabra, en alusión a que as follas novas deste arbusto son pacidas polas cabras, que así conseguen unha grande fortaleza; MONOGYNA: por ter un só estilo en cada flor.

Arbusto ou pequena árbore espiñenta de até 4 metros, que ás veces pode alcanzar máis altura. Tronco curto e algo torto. Cortiza lisa, parda-agrisada, algo avermellada, que co tempo vai gretando. Copa baixa, arredondada, densa e ancha.

Follas de 3,5-8 x 4-7 cm., caedizas, simples, alternas, con pecíolo ben desenvolvido (de até 3,5 cm.), presentando forma variábel, pero en conxunto son obovadas e cuneiformes, provistas de 3-7 lóbulos profundos e irregulares, dentadas, cor verde intensa e lustrosas na face, máis pálidas no envés.

Flores hermafroditas, pequenas (8-15 mm.) de olor agradábel. Cáliz con 5 sépalos, corola con 5 pétalos brancos, estames en número indefinido e ovario ínfero cun só estilo. As flores reúnense en grupos corimbosos de até 3 cm., con poucas flores cada un, dispostos en longos pedúnculos.

Florece entre abril e maio. A polinización é intomógama.

O froito é un pomo de 8-10 mm., ovoide, avermellado e coroado polo resto dos sépalos. Semente en número de 1 por pomo. Madura entre setembro e outubro, pero os froitos poden permanecer na árbore até o inverno.

Orixinaria de Europa e oeste de Asia. Habita en bosques mixtos caducifolios e sebes. Pódese atopar por toda Galiza.

Utilizada como ornamental e como patrón para enxertar outras especies froiteiras da familia Rosáceas e na formación de sebes. A madeira emprégase na fabricación de mangos para ferramentas e outros útiles pequenos. En medicina as flores teñen utilidade como tónico cardíaco (mellora as arritmias e regula a tensión arterial). Tamén como sedante e antiesparmódico.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.