Arbutus unedo


ARBUTUS: Diminutivo de ARBOR: Árbore, por ser unha pequena árbore ou derivado de ARBOIX: Áspero, polas rugosidades do seu froito; UNEDO de UNUM: uno e EDO: comer (comer un) en alusión ao pouco saboroso dos seus froitos ou a que comidos en cantidade poden producir borracheira.

Arbusto ou pequena árbore que pode chegar até 10 metros. Sistema radical forte, que forma unha gran cepa. Tronco curto. Cortiza delgada, parda-avermellada, gretada e caediza en pequenas tiras cando vella. Copa baixa, densa e irregularmente ovoide.

Follas de 4-11 x 1,5-4 cm., persistentes, simples, alternas, algo coriáceas, con pecíolo de 7-8 mm., oblongo-lanceoladas, case enteiras ou serradas, verde escura e lustrosas na face, verde mate no envés, glabras excepto na base.

Flores hermafroditas, con cáliz con 5 sépalos de 1,5 mm. soldados na base, corola urceolada de 9 x 7 mm., con 5 pequenos dentes revirados, branca tinxida de rosa ou verdosa, 10 estames provistos de apéndices membranosos nas anteras e ovario súpero. Al flores agrúpanse en panículas de 4-5 cm., colgantes, situadas ao final das ramas.

Florece en outono ou a principio do inverno. A polinización é entomógama.

O froito é unha baga de 10-20 mm., globosa, verrugosa, pasado de verde, por amarela e escarlata a vermella escura. Sementes pequenas, pardas e angulosas, varias en cada froito. Madura no outono do ano seguinte coincidindo coa nova floración, polo que na árbore aparecen simultáneas as flores do ano e os froitos do ano anterior.

É orixinaria do sur de Europa. Habita en matogueiras secas, bordo de bosques e ladeiras pedregosas de montañas. Espontánea en zonas cálidas de Galiza.

Utilizada como ornamental, pois é árbore de aspecto elegante pola beleza da súa follaxe, ao que se engaden as flores e os froitos vermellos. Os froitos fermentados utilízanse para elaborar licores e, en fresco, para aromatizar augardentes e preparar marmelada.

As follas e a cortiza son adstrinxentes e como tal combaten diarreas e desentería. As follas tamén teñen propiedades antisépticas.

A madeira tense utilizado en tornaría. Tamén arde moi ben, mantendo moito tempo a brasa e dando moita calor. O carbón obtido dela é moi bo para as forxas.

Máis info: Arbutus unedo


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Tagged:  Ericaceae
  • 06/12/2017
  • 23/05/2018

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.