05 Aug
05Aug

FRANGULA: do latino FRANGUERE: romper, quebrantar, en alusión ao quebradizo da súa madeira; ALNUS de AL: a carón de, e LAN: marxe de ribeira, por habitar preferentemente nas proximidades dos cursos de auga.

Arbusto ou pequena árbore de até 4 metros. Tronco algo recurvado. Cortiza lisa cando nova, que vai gretando e adquirindo unha tonalidade entre vermella-escura e parda-moura cando adulta. Copa arredondada e frondosa.

Follas de 3-6 x 4-8 cm., caedizas, simples, alternas, provistas dun pecíolo tomentoso, entre obovadas e ovais, afiadas, enteiras ou algo sinuadas, dunha fermosa cor verde intensa e lustrosas na face, máis pálidas no envés e que, no outono, se volven amarelas.

Flores de 3 mm., hermafroditas, pedunculadas, con cáliz provisto de 5 sépalos verdosos e soldados na base, corola con 5 pétalos brancos, 4-5 estames e ovario súpero con estilo sinxelo e estigma obtuso. As flores agrúpanse en pequenos feixes de poucas flores cada un, situados nas axilas das ramas.

Florece entre abril e xuño, aínda que pode seguir dando flores até o mes de setembro, o que permite atopar no verán flores e froitos maduros á vez sobre o mesmo pé. A polinización é entomógama.

O froito é unha drupa de 8 mm., globosa, primeiro verde, despois vermella e finalmente, na madurez completa, negra. Sementes comprimidas, sen suco, en número de 2-3 por froito. Madura desde o mes de xullo para adiante.

Orixinaria de europa, norte de África e oeste de Asia. Habita en lugares húmidos e sombríos, valgadas, proximidades de cursos de auga e bosques caducifolios húmidos. Atópase por todo o país en pés illados, máis escasa na zona de clima mediterráneo e nas montañas máis altas.

A madeira ten certa utilidade en tornaría e algo en cestaría. Como medicinal, a cortiza desecada é un potente laxante. O froito tamén pero menos. Estes cocidos en leite téñense utilizado para combater a sarna.

Tamén ten aplicación en curtume do coiro e na elaboración dun colorante vermello. A leña proporciona un carbón de moi boa calidade.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.