18 Feb
18Feb

Planta rexa, con talos grosos foliosos de ata 40 cm. Follas basais en número de 3-9, lanceoladas. Brácteas florais membranáceas, pouco máis longas có ovario. Inflorescencia curta de 3-9 cm., subcilíndrica, de 4-16 flores de púrpuras a rosaceas -ou mesmo brancas que abren da base ao ápice. 

Casco subgloboso, con nervacións verdosas. Sépalos laterais oblongos, asimétricos, de 6-9 mm, o dorsal e os pétalos subiguais, de 5-7 mm. Labelo máis ancho ca longo, de 6,5-10 x 12-18 mm, pregado lonxitudinalmente no medio, con lóbulos laterais anchamente redondeados, festoneados, e co lóbulo medio algo máis longo cós laterais, emarxinado. Esporón rexo, de 9-14 mm. 

Florece de marzo a xuño, en prados de gran parte de Galiza, aínda que non é abondosa. 

Existen poucas citas desta orquídea na provincia de Pontevedra, limitándose á Baredo (zona de Baiona), en Salvaterra de Miño e en Ponteareas, no monte Picaraña, recollidas por Merino e Gómez Vigide.

 

Como podedes ver, atopamos agora varios exemplares desta especie tamén na nosa comarca, na Trigueira, en Zobra (Lalín), e na estrada a Bustelos, no corazón da Serra do Candán. 

Posiblemente unha das primeiras citas desta orquídea no interior da provincia.

Está incluida no anexo II do convenio CITES (Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestre)


Lugar de observación: 

  • Serra do Candán. A Trigueira. Lalín. (Xullo 2016)
  • Serra do Candán. Estrada a Bustelos. Lalín. (Abril 2018)
Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.