22 May
22May

O nome xenérico deriva do grego "dactylos", dedo e "rhiza", raíz, pola forma dixitada dos tubérculos. "Elata", elevado, en alusión ao gran tamaño que poden alcanzar algúns exemplares. 

Xénero de distribución euroasiática. Na Península Ibérica citáronse 8 especies e 5 en Galiza.

Orquídea con talo de (30)35-100 cm., púrpura na súa parte superior. Follas grandes, erectas, lanceoladas, de 15-40 cm., sen manchas ou raramente con elas. Inflorescencia xeralmente grande, de (10)15-35 cm. de altura, con (15)30-120 flores rosas, avermelladas ou lilas. Brácteas foliosas, longas (polo menos as inferiores, que normalmente excenden ás flores), verdes con tons púrpura máis ou menos estendidos.

Sépalos rosas ou avermellados, de 9-18 mm., os laterais dirixidos cara arriba, lixeiramente maiores que os pétalos, que son da mesma cor. Labelo de 9-15 x 10-22 mm., trilobulado ou case enteiro, de cor lila ou rosada (a base máis pálida ou esbrancuxada) con puntos e liñas máis intensas. Esporón robusto, ancho, cónico ou tubular, descendente, de 8-16 x (2,5)3-4 mm. de anchura.

De distribución mediterráneo occidental. Metade noroccidental de Galiza; moi frecuente na franxa costeira, sobre todo na provincia da Coruña, onde probablemente é a orquídea máis abundante, facéndose máis escasa cara o interior; só se coñece unha cita en toda a provincia de Ourense.

Habita en zonas a plena luz, máis raramente de media sombra, sobre substratos variados. En todo tipo de lugares húmidos, principalmente en xunqueiras de transduna; tamén en prados húmidos, brañas, bordos de charchas e lagoas, cunetas encharcadas, beiras de ríos, etc.

Aínda que as características florais son bastante constantes, presenta gran variabilidade en canto ao seu porte, o tamaño das follas e a densidade da inflorescencia.

Do mesmo xeito que a maioría dos representantes deste xénero, trátase de orquídeas "enganadoras", posto que aínda que presentan esporón, labelo amplo e pequenas pintas ou liñas de cores rechamantes para atraer aos insectos, non teñen néctar, e en xeral non ofrecen recompensas. Diferentes coleópteros, himenópteros ou dípteros figuran entre os seus posíbeis polinizadores, aínda que non hai datos concretos.

Florece principalmente entre maio e xuño, aínda que ás veces, poden verse exemplares floridos dende mediados de abril até mediados de xullo.

Está incluída no anexo II do convenio CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Amenazadas de Fauna e Flora Silvestres) 


Lugar de observación: 

  • Aldea de Baixo. Agolada.
  • A Ponte de Grelle. Vila de Cruces.
Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.