05 Oct
05Oct

Paxaro de 13-14 cm. O macho ten a cabeza cincenta escura e o lombo da mesma color pardo escuro; rabo moi longo (metade do tamaño total), negro, con rectrices externas claras; anel ocular e ollos vermellos; partes inferiores moradas escuras; patas pardas amareladas; en outono a gorxa está apencada de branco.

A femia é algo máis clara, coa cabeza castaña e sen pencas na gorxa. Os inmaturos son semellantes á femia. Conduta retraída. A miúdo ergue o rabo e as plumas do curuto. Voo curto con movementos de rabo coma se lle pesase. A súa voz de alarma é un "tec" ou "chuii" repetidos.

En Galiza é común e sedentaria. Aniña en arbustos a pouca altura. De mediados de abril a xullo pon 3-5 ovos brancos verdosos apencados en pardo que choca principalmente a femia durante 12-13 días; os polos deixan o niño noutros 13. Dúas roladas. Aliméntase de insectos e as súas larvas, tamén de arañas.


Lugar de observación: Serra do Candán.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.