07 Feb
07Feb

Paxaro de 13,5-15 cm. O macho ten o curuto negro e o resto da cabeza, pescozo e parte superior do peito cincentos; resto das partes superiores oliváceas e parte superior das ás e rabo cincentos escuros.; gorxa clara; partes inferiores grises apardazadas co ventre case branco.

A femia ten o curuto achocolatado, as partes superiores pardas oliváceas e as inferiores cremosas lixadas. Os inmaturos teñen as partes inferiores máis escuras ca os adultos e entre eles os machos teén o curuto pardo escuro. Patas e peteiro grises. Canto melodioso, nota de alarma "tec-tec".

Presente en todo o continente europeo, agás no extremo norte. Sedentaria ou migradora parcial na cunca mediterránea e estival no resto. Cría en toda a península e é máis numerosa na zona norte.

En Galiza é moi común e principalmente sedentaria e está ben repartida por todo o territorio.

Habita en espesuras, arbustos, silveiras, etc., tanto en bosques coma en zonas cultivadas e mesmo habitadas.

Fai o niño en arbustos e silveiras e nel pon de mediados de abril a xullo 3-5 ovos pardos cincentos claros, manchados e apencados que chocan ambos pais durante 13 días; os polos deixan o niño aos 10 días. Dúas roladas.

Aliméntanse de eirugas, insectos e tamén de froitos silvestres: bagas de bieiteiros e de hedras, amoras, etc.



Lugar de observación: Lalín.


Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.