30 Nov
30Nov

Ave de 32-37 centímetros. O macho ten a cabeza, a mitra e o rabo de cor cincento azulado, este último por arriba e por abaixo cunha banda subterminal negra seguida doutra branca moi estreira; dorso arrubiado con pencas negras; gorxa branca; peito e ventre cremosos con riscas densas; metade exterior da parte superior das ás de cor escura; bigotes escuros e unllas negras.

A femia e os inmaturos teñen as partes superiores pardas arrubiadas riscadas horizontalmente; o rabo é da mesma cor pola parte superior e máis claro pola inferior, todo el riscado e con bandas terminais coma o macho; o macho inmaturo diferénzase polo rabo cincento riscado de pardo. Penéirase de xeito característico. Pode confundirse co Gabián, pero este non se peneira e desprázase batendo e pairando alternativamente.

Paleártica. Aniña en toda Europa, agás en Islandia. Na Península Ibérica é común. En Galiza é sedentario e común en case todo o territorio, aínda que diminuíu moito.

Habita en campiña con penedías ou arboredos intercalados e tamén en monte baixo.

Aniña en penedías, altos edificios, pontes e árbores; pon de marzo a finais de xuño 2-6 ovos que choca principalmente a femia durante 28 días; os polos voan ao cabo de un mes. Aliméntase principalmente de réptiles, micromamíferos e insectos.


Lugar de observación: Soldecasa. Silleda.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.