11 Aug
11Aug

Ave de 38-43 cm. Sexos iguais. Coloración xeral cincenta; peito e patas granates; extremo do rabo con ancha banda negra; mancha negra nos artellos das ás; laterais do pescozo e ás con manchas brancas, as do pescozo sobre fondo verdoso e rosado.

Os inmaturos carecen das manchas brancas no pescozo. En voo nupcial bate as ás elevándose para logo baixar pairando. A súa voz é un xordo "ju-ju-ju-juu".

En Galiza é común e sedentario con invernantes e está en incremento. Cría ata os 1.500 metros de altitude. Habita en fragas caducifolias, piñeirais con cultivos intercalados, alamedas e parques urbanos.

O niño é unha plataforma de garabullos situada nunha árbore entre 3 e 15 metros. A posta, de fins de abril a agosto, é de 2 ovos brancos que chocan ambos pais durante 17 días; os pombiños voan logo doutros 30. Dúas roladas.

Aliméntase de millo, sementes de gramíneas, bagas de loureiro, landras e completa a dieta con miñocas, caracois e insectos.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.