19 May
19May

Paxaro de 14-16 cm. Sexos iguais. Partes superiores castañas máis ou menos escuras, raiadas en pardo; cella parda amarelada; plumas das ás abeiradas en crema; peito cremoso con pencas nidias; ventre branco que contrasta co peito; rabo coas rectrices externas brancas; patas e base do peteiro rosadas; unlla posterior curta e bastante curva.

Vese pousada nas árbores, arames eléctricos, etc. A súa voz é un "psii" e "sip, sip, sip" que emite ao iniciar o voo desde un pousadoiro; tamén canta en época nupcial ao descender "en paracaídas" coas ás ríxidas e as patas colgantes sobre as árbores.

Paleártica. Aniña en toda Europa agás na cunca mediterránea, Irlanda, Islandia e centro de Escandinavia. Inverna ao sur do Sahara. Na Península cría soamente no norte ata o Sistema Central. En Galiza é escasa e estival de marzo a setembro-primeiros de outubro. Vese tamén nos pasos.

Habita en campos con árbores espalladas e lindeiros de bosques.

Cría de maio a xullo e constrúe o niño no chan entre a herba, xuncos, etc. Pon entre 4 e 6 ovos de cor variable, con manchas, raias e puntos que choca a femia durante 12-14 días. Os polos deixan o niño aos 10 e voan aos 17. Dúas roladas.

Aliméntase de arácnidos, insectos e as súas larvas.


Lugar de observación: Brañas de Xestoso.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.