17 Jun
17Jun

É a máis pequena das toupas ibéricas. Corpo alongado e cilíndrico, sen pescozo. O fociño é afiado, sen trompa e desprovisto de pelos. Os ollos atópanse tapados por unha membrana translúcida que lle impide a visión. Non posúen pavillóns auditivos externos. O rabo é curto e moi veludo, rematado cuns poucos e ralos pelos táctiles. As extremidades anteriores están transformadas en pas, por mor da vida cavadora, e teñen cinco dedos, con fortes e longas unllas. O óso sesamoide proporciónalle ás máns unha maior superficie de traballo, característica que serve para diferenciala coa Toupa europea (Talpa europaea), máis grande pero con relativa menor superficie na pas.

As extremidades posteriores son pequenas e están moi ben adaptadas para camiñar polo interior de galerías. No cranio destaca a presenza de arcos cigomáticos. Os incisivos centrais do maxilar superior son o dobre de grandes e anchos que os periféricos. Os molares superiores presentan un mesostilo dobre. A lonxitude condilo-basal é inferior a 32,5 mm.

A cor do pelame é negra brillante, con reflexos prateados. O pelo, fino e sedoso. O fociño algo máis curto que o da Talpa europaea. Presenta vibrisas de cor branca sobre o fociño e nos beizos. Nas extremidades anteriores destacan sobre o pelame negro uns escasos pelos brancos.

Os patróns de coloración son variábeis, podéndose atopar exemplares marxados ou cincentos. Non existe dimorfismo sexual, os machos no período de celo teñen os testículos moi grandes, que, rematada esta situación, volven ao seu tamaño inicial.

As fémias posúen oito pares de mamas. O período de celo vai dende marzo a maio. Tras uns 28 días de xestación, a femia pare na gorida, baixo terra, catro crías, nunha única camada ao ano. As cámaras onde paren acostuman estar tapizadas de follas secas, gramíneas e musgos. As tobas, escavadas por elas, son complicadas redes de galerías, de entre cinco e trinta centímetros de profundidade, que se estenden por unha superficie máis ou menos grande.

Para facelas,  a toupa utiliza as extremidades anteriores e con axuda das fortes unllas escarva, mentres vai botando a terra solta baixo o seu corpo, que logo expulsa fóra da toba cun movemento de retroceso, arrastrando o material sobrante até o exterior, onde se forman uns característicos montículos que identifican o refuxio deste animal.

Ademáis da cámara de cría, a uns 60 ou 70 centímetros baixo terra, poden ter outras adicioinais, dedicadas a almacén ou lugares de descanso.

Cando as toupas noviñas están crecidas saen das tobas á superficie, onde pronto empezan a escavar para construír a súa propia galería. Os períodos de actividade están precedidos de descansos, de tres a catro horas, durante o día e a noite.

No noso país, o seu límite altitudinal é de 1.600 metros, estando presente en calquera tipo de solos, se ben os prefire cunha certa humidade. Podémola atopar en terras de labradío, prados de sega e zonas posdunares, chegando até a liña máis alta da marea, na procura de miñocas mariñas.

As miñocas de terra son a base da súa alimentación, consumindo tamén larvas, vermes, escaravellos, cochinillas e grilos, aos que detectan grazas ás vibrisas táctiles que ten no fociño e no rabo.

A toupa ten que buscar alimento constantemente, xa que non pode pasar moito tempo sen comer. Ao día pode chegar a inxerir uns 50 gramos de alimento e no inverno consome moitas máis miñocas de terra, que almacena nas cámaras. Viven solitarias durante todo o ano, coincidindo machos e femias tan só durante a época de celo.


Lugar de observación: 

  • Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.
  • Paseo do Pontiñas. Lalín.
Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.