24 Jul
24Jul

Roedor arborícora de corpo flexíbel, provisto dunha longa e peluda cola, cabeza ancha e redondeada, con ollos grandes e fociño chato con moitas vibrisas. As orellas posúen uns penachos de pelos longos, evidentes no inverno. Mostra gran destreza gabeando polas árbores, pode camiñar boca abaixo pola cortiza dos troncos ou saltar a distancias considerábeis, de póla en póla, grazas á longa cola que lle serve de contrapeso, pero tamén para a comunicación intraespecífica.

En terra desprázase a saltos en con frecuencia adoita unha postura de observación, co corpo ergueito sobre as extremidades posteriores, máis desenvolvidas. Estas habilidades están relacionadas cunha especial morfoloxía. Ten as extremidades curtas con dedos moi desenvolvidos e plantas de mans en pés cubertos de pelos.

 

Animal plantígrado, a man ten catro dedos moi longos e o polgar é rudimientario. Deseño pentadáctilo nas patas posteriores, aínda que os polgares teñen tamaño reducido. Para aferrarse mellor á superficie rugosa das árbores, as unllas son longas, lixeiramente curvadas e afiadas. Columna vertebral moi flexíbel, que favorece os movementos áxiles e rápidos entre as pólas.

O cranio, co aspecto típico dos roedores, mostra o perfil dorsal moi curvado. Presenta molares tuberculados, todos os dentes teñen unha fosa central moi acentuada. Apófises postorbitarias ben diferenciadas. Patrón de coloración similar para ambos sexos, presenta moita variabilidade segundo a época do ano e a rexión xeográfica, polo xeral o dorso pardo avermellado e branco pola cara inferior, estendéndose desde a gorxa á parte interior das extremidades e rematando na zona xenital.

A subespecie presente en Galiza pertence ao grupo S. v. alpinus, de menor tamaño e cuns tons máis escuros en inverno e claros no verán. A coloración da parte inferior é menos extensa que noutras subespecies ibéricas, non chegando a abarcar a parte interior das pernas.

Sen diformismo sexual, os machos poden ser lixeiramente maiores. As femias presentan catro pares de mamas, acadan a madurez sexual entre os 6-11 meses e o período de reprodución esténdese desde xaneiro ata xullo.

O número de camadas, polo xeral dous, está moi relacionado coa abundancia de comida e condicións climáticas favorábeis. Realiza niños esféricos construídos con ramiñas e musgos, situados nas ramas das árbores, con frecuencia piñeiros, preto do tronco e a moita altura. Na seguridade do niño pare de 3-6 crías, tras un período de xestación de 40 días. As crías nacen cos ollos pechados e moi pouco formados.

Despois dun tempo de crianza, uns 40 días, abandonan a seguridade do niño e comezan a alimentarse por si mesmas, aínda que permanecendo coa nai até ser adultas. Presentan actividade diúrna que inicia ao amencer. Só baixan ao chan para recoller alimento que logo consomen na seguridade das ramas.

Aproveita todo tipo de sementes, especialmente as dos piñeiros, ás que accede roendo por completo a piña até deixar só o carozo. Consome tamén brotes de árbores, especialmente piñeiros.

(Piñas roidas por un esquío)

Hábitat forestal, tanto bosques de frondosas como coníferas, en todas as latitudes. É unha especie abondosa en Galiza.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.