14 Nov
14Nov

Trátase dunha especie autóctona. É o maior dos insectívoros. Ten o corpo redondeado e cuberto de púas pola zona dorsal e lateral. Un músculo dérmico-dorsal permítelle repregar o corpo, adoptando unha forma de bóla para protexerse do inimigo.

Fociño longo e sen espiñas. Orellas redondeadas e ollos relativamente pequenos e moi escuros. O rabo, moi pequeno, case non se deixa ver. Cando camiña, as súas curtas extremidades permiten distinguir os pés e as mans, pentadáctilos e ben formados, cunhas longas unllas.

É plantígrado. Os ósos nasais atópanse comprimidos medialmente. A dentición posúe características exclusivas da especie, como a presenza no segundo premolar dun paracónido moi desenvolvido, mentres o terceiro incisivo superior é monorradiculado. 

A coloración das púas é pardo escura preto da pel, máis amarelentas no extremo exterior. Pola zona ventral ten uns duros e longos pelos de cor amarelenta. Os ourizos que viven no norte peninsular son máis escuros e de maior tamaño que os do sur.

As orellas e o fociño son negros. Non existe dimorfismo sexual. Os machos teñen o pene moi adiantado, xusto baixo o ventre. Os testículos atópanse integrados no abdome, adaptación moi útil para o apareamento. As femias posúen cinco pares de mamas e a vaxina sitúase moi preto do ano. O celo comeza xusto despois do letargo invernal, desde abril a agosto, e pode ter até dous períodos de celo. Esta circunstancia dáse se as condicións climáticas son as axeitadas.

A femia é perseguida por varios machos que tentan cubrila. O macho máis insistente, ou cun maior rango de dominancia, será o que o consiga. Antes da cópula establécese un cortexo baseado no ourizado das púas da fronte, mentres ambos, macho e femia, emiten unha serie de bufidos.

Adquiren a madurez sexual ao ano de vida. O período de xestación é de 35 a 40 días, nacendo de dous a seis crías, aínda que poden chegar a dez, cegos, sen pelos nin púas, refuxiados nun cubil situado tanto por riba como por debaixo da terra.

Frecuentemente teñen máis dun refuxio, en función da temperatura ou a seguridade, tapizados con follas, pelos ou musgos, e ás veces construídos en zonas de influencia humana como montes de leña, baixo a herba cortada, plásticos abandonados, etc.

Catro ou cinco semanas tras o parto, as crías independízanse da nai, momento no que son máis vulnerábeis. O período de actividade concéntrase durante a noite e remata no crepúsculo. Desde a primavera até outubro, o animal acapara reservas en forma de lípidos, das que sobrevive durante a hibernación adaptando as súas constantes vitais a unha situación de repouso.

Vive nunha gran variedade de hábitats e altitudes, tendo como límite os 1.600 metros, con preferencia de lugares humanizados, areais, zonas húmidas e todo tipo de bosques ou espazos abertos que dispoñan de abundante alimento.

A dentición é moi primitiva, adaptada a unha alimentación mixta omnívora, especialmente de invertebrados, tendo predilección polas miñocas terrestres, caracois, lesmas e insectos, aínda que tamén forman parte da súa comida, ovos, réptiles, roedores e até preas. A dieta compleméntase con froitas e bagoas de tempada.

Viven de xeito solitario. Os machos, que defenden con pelexas o seu territorio, dispoñen de amplos espazos, até 30 hectáreas, moito máis grandes dos que precisan as femias. A principal ameaza para esta especie é o tráfico que se rexistra nas estradas, especialmente de xuvenís, producíndose gran cantidade de atropelos.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.