03 Jan

Especie autóctona. Subespecie ibérica Sus scrofa castilianus.

Peso entre 40-175 kilos. Lonxitude cabeza+corpo entre 110-155 cm. Lonxitude da cola de entre 15-24 cm. Lonxitude das orellas de entre 11-15 cm. Altura na cruz de entre 60-109 cm.

A subespecie presente no norte da Península é de maior tamaño e ten borra invernal. Compacto, de tórax moi desenvolvido. Cabeza grande e alongada cos ollos pequenos, orellas ergueitas e de forma triangular, carece de pescozo. Fociño proxectado cara a diante e rematado nunha calosidade móbil e plana, útil para fozar na terra na procura de alimento, desprazando grandes pedras cun lixeiro movemento da cabeza. Posúe catro grandes caíños, dúas navallas no maxilar inferior e dúas amoladeiras curvadas cara arriba no superior, que exceden o beizo superior pola cara dorsal do fociño.

Máis desenvolvidos nos machos que nas femias, aínda que as femias vellas poden ter os caíños de grandes dimensións. Estas pezas dentarias coa boca pechada están en contacto permanente e, coa idade, presentan as caras desgastadas e moi afiadas. O desenvolvemento lonxitudinal e a superficie erosionada da navalla tende a igualarse coa zona desgastada da amoladeira.

Extremidades curtas, algo máis desenvolvidas as anteriores. Catro dedos transformados en pezuños, só os dous centrais maís grandes tocan o chan. Os pezuños secundarios están en contacto en determinadas situacións.

Cola curta rematada nun penacho de pelos longos. Todo o corpo está cuberto de sedas e presenta unha crista dorsal de pelos máis longos e eréctiles. Entre os xabaríns podemos diferenciar tres idades: raión até os 6 meses, cun característico patrón de coloración de 11 raias lonxitudinais; vermello entre os 6-12 meses, con librea encarnada por mor dos reflexos da borra invernal; adulto, cando o xabaríl tén máis dun ano e comezan a medrarlle os longos pelos da crina que cobren o dorso até a metade do corpo.

O cránio, visto de perfil, presenta a parte superior convexa ou case rectilínea. Órbitas abertas na parte posterior. As navallas dos grandes machos poden superar os 20 cm. Patróns de coloración variábeis segundo a idade, sexo ou época do ano. No inverno pardo cincento cos pelos da crina case negros, igual que as orellas e as extremidades. No verán perde a borra invernal e os pelos da crina son maís curtos e claros, o aspecto xeral é cincento. Os machos vellos tenden a ter unha librea prateada.

Dimorfirmo sexual moi acusado, machos máis grandes e con caíños moi desenvolvidos. As femias acadan a madurez sexual entre o primeiro e o segundo ano de vida. O celo vai de novembro a febreiro, poden ter dúas camadas ao ano en lugares onde a calidade trófica sexa favorábel. De 3 a 5 crías, que nacen cos ollos abertos, coincidindo os partos entre marzo e maio.

A súa actividade é principalmente nocturna, durante o día pasa as horas deitado nunha pequena depresión escavada por el mesmo entre a densa vexetación. 

(Descanso diurno de Sus scrofa)

Nas horas de moita calor acostuma a darse baños de lodo e ao seu termo refrega as costas enlamadas contra as árbores ou pedras.

(Poza de baño)

(Árbore de refrega)

Pode formar grupos de entre 2-7 individuos, constituídos polo xeral, por unha unidade familiar: macho, femia e os raións do ano. Os machos adoitan vivir en solitario, ás veces vémolos acompañados por un escudeiro, subadulto co que forma parella nos seus desplazamentos.

Alimentación omnívora, posúe un excelente olfacto co que é capaz de detectar tubérculos, miñocas, ras ou corpos mortos en descomposición a moita distancia. As horas de percorrido polo dominio vital pásaas fozando na procura de alimentos. A dieta varía coas estacións, consumindo o recurso máis abondoso. Vive en todos os hábitats, prefire bosques de frondosas con abundancia de alimentos, pero tamén en repoboacións forestais de piñeiros ou eucaliptos con densas matogueiras. Especie abondosa e distribuída amplamente por toda Galiza.


Lugar de observación:

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.