É o noso mustélido máis pequeno. De corpo alongado e cilíndrico, con extremidades curtas. Esta especie caracterízase por ter o rabo moi pequeno, menos do 25% do corpo máis a cabeza. Posúe a morfoloxía típica dun mustélido, dotada dunha gran plasticidade. Cabeza reducida e aplanada con orellas pequenas e redondeadas, o fociño é chato con moitas vibrisas, pero o que máis chama a atención é o longo pescozo, moi útil para introducirse no interior das tobas dos micromamíferos.
Extremidades reducidas e pentadáctilas, con unllas finas non retráctiles e moi arqueadas. Son moi hábiles para trepar polos muros e as árbores. Desprázase correndo a gran velocidade e dando saltos, co lombo arqueado e movementos nerviosos que revelan unha gran hiperactividade. Cando se detén a observar, érguese sobre as extremidades posteriores.
Os patróns de coloración varían segundo a estación; polo verán claro e no inverno máis escuro. O dorso ten unha cor uniforme, pardo-canela, que se estende até o rabo. A coloración da zona ventral é branca e vai desde o beizo inferior até o ano. A subespecie presente en Galiza (M. n. nivalis), caracterízase por ter unha mancha na meixela de cor pardo escura, as patas posteriores son crema sucio e o patrón de coloración presenta unha liña ondulante entre dorso e ventre, mentres para outras subespecies a liña media é recta, ben marcada e as extremidades son totalmente brancas.
O nariz é pardo escuro e os ollos case negros. A estrutura do cranio similar, aínda que un pouco máis pequena que a do Mustela erminea. Pódense atopar exemplares albinos. Dimorfismo sexual moi acusado, os machos son máis grandes e maduran sexualmente entre os catro e os seis meses. As femias máis pequenas, teñen catro pares de mamas, e adquiren a madurez sexual aos tres ou catro meses de idade.
Non presenta implantación diferida, o número de partos está relacionado coa abundancia de alimento que poida haber no territorio, polo xeral é de dous ao ano, parindo entre catro a oito crías. A época de celo esténdese de marzo a abril e os machos poden estar activos sexualmente case todo o ano. Cando a femia entra en celo, desprende un cheiro que pode ser detectado por varios machos que con frecuencia loitan para conseguila. Posúen unha glándulas no ano que producen un forte cheiro capaz de desanimar a calquera inimigo que tente atrapalo.
Os machos que están sexualmente activos emanan un forte cheiro hormonal. Os encames para criar adoitan ser buracos entre as rochas ou mesmo en árbores ocas ou paredes de terra. A actividade deste mustélido céntrase nas primeiras e derradeiras horas do día, aínda que o podemos ver inspeccionando ou seu territorio a calquera hora. É unha especie moi rutineira, xa que acostuma facer os mesmos percorridos todos os días.
Machos e femias son territoriais, evitándose na medida do posible, para isto utilizan sinais olorosos que lles eviten o enfrontamento. Presente nun gran número de hábitats, desde o nivel do mar até a alta montaña. Frecuenta zonas antrópicas, sobre todo beiras dos camiños con abundancia de muros e sebes. Tamén en pedreiras ou zonas húmidas.
A alimentación baséase en micromamíferos, por riba de todo trilladeiras, cortas e ratas de auga, pero tamén poden cazar presas moito máis grandes ca elas, como é o caso das lebres ou dos coellos, aos que dá morte montándose enriba deles mordéndolles repetidas veces na xugular até que os animais caen esgotados. Se a presa é pequena e pode arrastrala, levaraa a un recuncho seguro para comela.
As donicelas consomen frecuentemente tan só o sangue e as vísceras das súas vítimas. Visita os currais na procura de galiñas ou de ovos. Especie abondosa, presente en todo o país.