Mustélido de mediano tamaño, ben adaptado á vida acuática. Cun corpo moi flexíbel, alongado e coa cabeza ancha e aplanada. As narinas, os ollos e os pavillóns auditivos sitúanse no terzo superior da cabeza, estratexia para non romper o equilibrio hidrodinámico mentres nada en superficie, asomando tan só a cabeza. Unha das mellores adaptacións é a longa e musculada cola, que no seu nacemento ten unha sección oval e que se vai aplanando dorsoventralmente cara á punta.
O rabo e a parte posterior do corpo son os encargados de transmitir os movementos ondulantes para desprazarse baixo a auga. É frecuente que utilice a cola como punto de apoio para poñerse de pé. As extremidades son curtas, coas mans máis grandes que os pés. Teñen 5 dedos en cada pata con membranas interdixitais que lle facilitan a natación.
As gadoupas son curtas e cóncavas pola cara interna. A cabeza ten o fociño ancho con moitas vibrisas táctiles repartidas por distintos sitios do rostro: fociño, ollos, boca e queixelo, capaces de precibir vibracións baixo a auga. Os ollos están ben adaptados á visión acuática. Orellas redondeadas e pequenas, máis evidentes cando o pelo está mollado.
A pel segrega unha graxa que impermeabiliza o pelame. A primeira capa de pelo é unha borra densa e curta que recobre todo o corpo, con cámaras de aire que lle serven de protección térmica. A segunda capa está formada por uns pelos máis longos que ocupan menos superficie e que, cando están mollados, se agrupan formando estratos.
Polo dorso é pardo acastañado, aclarándose cara os flancos. As meixelas, gorxa e parte superior do peito teñen unha coloración branca sucia, mentes que a zona inferior é cincenta. O cranio é longo e aplanado co rostro curto, destaca o grande estreitamento postorbitario.
Crista saxital baixa, pouco evidente. Dimorfismo sexual moi acusado, os machos son maiores que as femias, estas posúen tres pares de mamas inguinais. A madurez sexual para os machos é aos dous ou tres anos, mentes que para as femias acostuma a ser un ano máis tarde. O celo pode darse en calquera época do ano, aínda que polo xeral, sucede de decembro a marzo e parece estar relacionado coa abundancia de alimento e unha temperatura ambiental non moi fría.
As lontras defenden o territorios lineais ao curso dun río ou da costa. Cando acontece o celo, os machos pelexan por conseguir o territorio da femia. O vencedor tenta conquistala marcando con defecacións os mesmos lugares que xa utilizara esta. Se ela acepta, iniciarase o cortexo, que tras uns días de xogos, remata coa cópula baixo a auga.
O parto prodúcese no interior dunha cámara acondicionada pola femia, alí pare de entre 1 a 4 crías ao ano. As lontriñas nacen cos ollos pechados e cunha peluxe. Aos 3 meses saen da toba coa nai e comezan a nadar e a mergullarse. Entre os oito e doce meses abandonan o territorio materno para buscar o propio. O período de actividade céntrase nas horas nocturnas, e remata no crepúsculo. Ás veces en épocas de celos, os machos móstranse maís activos polo día.
A lontra está presente en todo tipo de hábitats acuáticos, dende ríos, lagos, encoros, esteiro até na costa. Evita zonas moi contaminadas. A súa alimentación é piscívora, pero non exclusiva, xa que tamén consome crustáceos, anfibios, aves, ovos e incluso pequenos mamíferos como a rata de auga ou muraños. É unha especie ben distribuida por toda Galiza.
Na nosa comarca podemos atopala en case tódolos ríos e tamén en pantanos e lagoas.
Lugar de observación:
- Lagoa da Telleira de Sello. Lalín.
- Río e lagos do Pontiñas. Lalín.
- Río Asneiro.
- Río Deza.
- Río Arnego.
- Río Toxa.