29 Mar
29Mar

Especie autóctona. Múrido de tamaño medio. Corpo alongado e cabeza ben diferenciada. Orellas grandes, redondeadas e ollos negros moi evidentes. Rabo longo case sen pelos, igual ou superior ao corpo máis a cabeza. Extremidades anteriores tetradáctilas e posteriores pentadáctilas, máis desenvolvidas e ben capacitadas para dar grandes saltos ou agatuñar.

Pode construir longas galerías de cría e acostuma enterrar sementes en pequenas despensas espalladas polo monte. A femia ten tres pares de mamas, unha peitoral e dúas inguinais. O macho é lixeiramente máis grande.

Tobo con restos de sementes e foitos do bosque

Cranio pequeno e lixeiramente cóncavo. Presenta arcos cigomáticos pouco separados do cranio, ancho interorbitario menor de 5 mm. O primeiro molar superior ten catro alvéolos e os tubérculos 4 e 7 están unidos, moi desenvolvido o tubérculo 9. Rama mandibular con seis alvéolos.

Patrón de coloración, pardo amarelente con tons avermellados polo dorso, o ventre pode ser branco ou crema moi claro. Os exemplares xuvenís á altura dos flancos presentan unha coloración gris, menos amarelenta.

O período de reprodución, directamente relacionado coa abundancia de alimento e a climatoloxía, sucede en Galiza de marzo a outubro. Tras unha xestación de 25-26 días, paren de 5-6 crías, que adquiren madurez sexual aos dous meses de vida. De 3 a 4 partos ao ano baixo terra, en troncos vellos, entre raíces ou restos de cobertura vexetal. Mostra actividade nocturna.

Territorial en período de cría. Alimentación omnívora, en todo tipo de biótopos e a todos os niveis. Amplamente distribuído.


Lugar de observación: Catasos. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.