20 Nov
20Nov

Cogomelo tóxico, pertencente á orde Agaricales, frecuente en Galiza e en toda Europa, e caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois, obedecendo estes nomes comúns á suposta toxicidade sobre o gando que o poida comer.

O nome científico muscaria fai alusión á paralización que parecen sufri-los insectos que pousan sobre este cogomelo.

Ó nacer, a amanita ten a forma dunha pequena bóla branca e carnosa, que termina rompendo ó desenvolverse o sombreiro. Este é practicamente hemiesférico pero pouco a pouco vai estendéndose e tomando a clásica forma de paraugas, aplanado e co bordo lixeiramente estriado. A cor propia é vermella e vai clareando ó madurecer, ata cores laranxas ou amareladas. 

O veo branco que pechaba ese ovo inicial queda fragmentado sobre a superficie do sombreiro formando esas pintas brancas, que van desprendéndose co paso do tempo, sobre todo baixo chuvias importantes, que as arrastran. Estes restos de veo poden arrancarse facilmente.

O sombreiro é carnoso e húmido ou algo viscoso. Pode alcanzar un tamaño de 12–15 cm de altura e un diámetro de 8 a 20 cm.

Frutifica dende finais do verán e durante todo o outono e adoita medrar en medios húmidos e sombrizos, baixo coníferas ou frondosas, pero non é estraño atopala en espazos máis despexados. Crece en zonas baixas ata a media montaña. É frecuente o seu crecemento en grupos.

É unha seta tóxica que, contrariamente á crenza popular, non é mortal. Provoca trastornos gastrointestinais e neurolóxicos (confusión, axitación, trastornos da visión, etc.) e tamén ten propiedades psicotrópicas e alucinóxenas, motivo polo cal foi utilizada por distintas culturas dende a antigüidade como alucinóxena.

Parece ser que a intensidade dos seus efectos pode variar segundo o ambiente e latitude onde medra. 

Ás veces atópase fortemente decolorada e sen restos de veo, polo que se debe ter especial coidado para non confundila coa Amanita Caesarea.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.