20 Feb
20Feb

Cando saimos a desfrutar dunha xornada no monte, rara vez nos atopamos con trabas ou atrancos á hora de transitar. Paseamos, corremos, percorrémolo coa nosa bicicleta, co noso vehículo, fotografámolo, apañamos unhas poucas castañas, uns cogomelos, uns arandos... En resumo, desfrutámolo sen que a maioría das veces ninguén nos poña ningún impedimento.

Foto cedida: @SendeirosdoCandan

Estamos acostumados a escoitar iso de “o monte é de todos”, “todos temos dereito”, “hai sitio para todos”, pero... ¿é iso realmente certo?, ¿é o monte de todos?, ¿podemos facer o que nos pete no monte?.

A resposta é non, o monte non é de todos, aínda que sexa responsabilidade de todos.

Tendo isto en conta, debemos ser conscientes de que para desfrutalo, ou para que nos deixen desfrutalo, debemos coidalo, respectalo e cumprir unha serie de normas.

A lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia, clasifica aos montes segundo a súa titularidade en públicos e privados, considerando montes públicos os pertencentes ás administracións públicas e outras entidades de dereito público, e montes privados aos montes veciñais en man común.

Sen ir máis lonxe, a cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponden a monte veciñal en man común, xestionado por 2.800 comunidades de montes.

Ese carácter de monte privado, adxudicado aos montes veciñais en man común, toma especial relevancia por canto pode limitar a libre circulación por eles para o resto de cidadáns. Os montes veciñais en man común son bens de natureza xermánica, pertencendo colectivamente e sen atribución de cotas, ás respectivas comunidades veciñais titulares.

Deste xeito, ao ser os montes veciñais de propiedade privada, en ningún caso se pode considerar que son de dominio público. E iso inclúe os camiños, pistas e carreiros que transitan polo interior deles.

Na nosa Comarca, a gran maioría dos montes son veciñais en man común, e polo tanto, de titularidade privada:

Montes en man común na Comarca do Deza (Fonte: Consellería do Medio Rural)

A XESTIÓN DO MONTE FORESTAL.

A Lei de Montes de Galicia establece o dereito que ten a persoa ou entidade titular dun monte á súa xestión e aproveitamento, sempre que se desenvolva segundo o establecido na normativa en vigor. A comunidade titular conta cunha serie de dereitos sobre os seu montes, entre os que destacan o aproveitamento sostible dos recursos existentes, podendo protexer e acoutar as súas propiedades segundo o establecido no artigo 44, limitando a circulación e o acceso aos mesmos.

Pero ademais dos seus dereitos, a persoa ou entidade xestora do monte, debe atender a unha serie de obrigas entre as que destacan: 

  • Tomar as medidas preventivas e de control con respecto a calquera tipo de dano.
  • Conservar a biodiversidade, o réxime hidrolóxico e o resto de valores ambientais, históricos e culturais que poidan atoparse no monte.
  • Conservar e manter o chan natural e a masa vexetal existente, nas condicións precisas para evitar a erosión e os incendios forestais. 

Por norma xeral, as comunidades titulares dos montes veciñais non teñen especial interese en limitar a circulación polos seus montes, sendo habitual que participen de forma activa na promoción de eventos ou actividades que teñan relación co uso deportivo e social do monte.

Pero ollo!, isto sempre que estas actividades, non sexan contrarias ás súas obrigas e ao seu compromiso co coidado das súas terras. 


O APROVEITAMENTO DOS PRODUTOS E SERVIZOS DO MONTE VECIÑAL E A COMPATIBILIDADE CO USO SOCIAL E RECREATIVO DO MONTE.

Segundo a Lei de Montes, a “actividade forestal” é toda acción material relacionada coa conservación, mellora e aproveitamento dos montes (a madeira, os pastos, a caza, os cogomelos, as aromáticas, froitos, etc.), así como a subministración de servizos como o sociorecreativo, paisaxe, protección dos recursos hídricos, do aire e do chan e da cultura e do coñecemento forestal.

Estes servizos adoitan definirse no instrumento de ordenación do monte para que sexan tidos en conta á hora de planificar os traballos que se van desenvolver e garantir unha plena compatibilidade entre o uso social, recreativo e forestal.

No caso de montes próximos a núcleos urbanos con elevada poboación, onde a demanda dos servizos sociais e recreativos é elevada (e en constante aumento), o uso social e recreativo debe ser tido en conta de forma máis destacada.

Por iso a Lei de Montes, estableceu a posibilidade de que, tanto a administración forestal coma os propietarios, poidan fomentar a creación e mellora dos montes periurbanos para fins sociais e educativos, regulando o seu goce baixo o principio de respecto ao medio natural”.


A FUNCIÓN SOCIAL DOS MONTES.

O artigo 5 da Lei de Montes de Galicia, refírese a unha “función social” en termos ambiguos e só no apartado 3 dese artigo indica certa obriga por parte da consellería competente en materia forestal, de promover a dispoñibilidade dos montes ou terreos forestais para fins sociais, educativos, ambientais e recreativos.

En calquera caso, e coa obriga de protexer os elementos do patrimonio que se identifiquen dentro da superficie xestionada, en ningún momento establece que os titulares dos montes veciñais estean obrigados a dedicar a superficie do seu monte para esas funcións sociais.

Se o fan, é por vontade propia.


O ACCESO DE PERSOAS E VEHÍCULOS AO MONTE. 

A Lei de Montes estatal establece que o acceso público aos montes será obxecto de regulación polas comunidades autónomas, as cales deberán definir as condicións nas que se permitirá a circulación de vehículos de motor por pistas forestais situadas fóra da rede de estradas e a través de terreos forestais.

A Lei de Montes e da Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais establecen unha serie de limitacións e restricións ao libre acceso e circulación por superficies forestais en época de alto risco (que, por regra xeral, comprende entre o 1 de xullo e o 30 de setembro), que tamén afectan aos propietarios e que se converte nunha limitación de importancia á hora de poder dar un uso social ou deportivo a determinadas parcelas.

O feito de que a lei permita o acceso cando o índice de risco de incendio non sexa moi alto “non implica que o acceso a un monte veciñal sexa libre” e, polo tanto, “debería contarse con autorización para poder acceder, circular e permanecer dentro do mesmo”.

A Lei de Montes de Galicia, prohibe a circulación de vehículos de motor por pistas forestais que non sexan de uso público ou situadas fóra da rede de estradas do Estado, salvo que existan servidumes de paso (neste caso, nunca en condución deportiva), para a xestión agroforestal (incluíndo a actividade cinexética e piscícola) e para a realización dos labores de vixilancia e extinción.

Non é necesario informar desa limitación mediante carteis, aínda que para que unha persoa poida ser sancionada por acceder ao monte con vehículo de motor por unha pista forestal é necesario que estea informada desa limitación mediante o correspondente cartel informativo.

En todos os casos, o usuario será sempre o responsable de todos os danos ou prexuízos que puidesen ocasionarse, tanto a si mesmos como a terceiros.


¿QUÉ SE ENTENDE POR PISTA FORESTAL?

O monte veciñal adoita estar atravesado por diversas infraestruturas con diferentes implicacións en canto a circulación e acceso.

Todo camiño de tránsito rodado, sexa de titularidade pública ou privada, fóra da rede de estradas e que estea vinculado coa xestión forestal e situado en chan rústico de protección forestal terá a consideración de “pista forestal”, polo que en ningún caso terá a consideración de acceso rodado público.

Foto cedida: @SendeirosdoCandan

Por tanto, segundo o artigo 98.1 da Lei de Montes de Galicia, en toda aquela “pista forestal” que se sitúe en chan rústico de protección forestal (a maioría do monte veciñal en man común o é) queda prohibido o acceso rodado salvo para xestión agroforestal (lembrar que aquí se inclúe a actividade cinexética e piscícola).

É importante recalcar esta prohibición de acceso rodado, sen especificar que sexa motorizado ou non, xa que supón, de feito, a imposibilidade de acceder ao monte para a práctica deportiva salvo a pé ou a cabalo.

Queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por carreiros, por devesas ou por vías de saca de madeira, salvo que se realice para a xestión agroforestal, incluíndo a actividade cinexética e piscícola, e para a realización de labores vinculados coa vixilancia e prevención de incendios. 


REDE NATURA 2000. LIMITACIÓNS DE TRÁNSITO.

Nos territorios integrados na Rede Natura 2000 considérase actividade permitida o tránsito a pé polo espazo natural, sempre e cando se realice de forma racional, se respecte a propiedade privada e as actividades e aproveitamentos existentes.


As vías existentes no espazo natural clasifícanse en relación co uso público do seguinte modo:

Libre tránsito: 

Viais nos que se permite o uso de vehículos, cabalerías ou o tránsito peonil, de acordo coa normativa e disposicións sectoriais en materia de circulación e seguridade vial.

Inclúense dentro desta categoría: 

  • As autovías, autoestradas e estradas de titularidade estatal, autonómica ou provincial, así como os seus viais de servizo, xunto coas rúas e camiños existentes nos núcleos habitados incluídos no espazo natural.
  • As pistas agrícolas ou forestais, así como as vinculadas co mantemento de infraestruturas, reemisores ou outro tipo de instalacións que non estean suxeitos a limitacións especificas ou particulares por parte dos seus titulares ou dos organismos competentes.

Tránsito restrinxido:

Aqueles viais, que debido á súa natureza, ou en relación coas necesidades de racionalizar o transito de vehículos, cabalerías ou persoas, se sometan a unha regulación específica, incluíndo entre eles os seguintes:

  • Os viais sobre os que o organismo autonómico competente en materia de conservación da natureza estableza unha regulación, temporal ou permanente, por necesidades de conservación dos recursos naturais, a través da correspondente resolución.
  • Os viais de uso estritamente peonil (sendeiros e sendas peonís), nos que se prohíbe o uso de vehículos, incluídos quads e motocicletas, e de cabalerías.
  • Os sendeiros e camiños de ferraduras nos que se prohíbe o uso de vehículos de motor, incluidos quads e motocicletas.
  • Aqueles viais destinados exclusivamente ao tránsito dos vehículos vinculados coas actividades agrícolas, gandeiras ou forestais existentes no espazo natural, nos cales se prohíbe o tránsito de vehículos relacionados con actividades de uso público.
  • Aqueles viais ou áreas restrinxidos ao uso público e delimitados pola normativa sectorial.

A circulación e aparcamento de vehículos no desenvolvemento de actividades de uso público (turístico, recreativo, deportivo, ocio, etc.) realizarase exclusivamente nas vías e áreas habilitadas para tal efecto.

Prohíbese a circulación e aparcamento sobre hábitats de interese comunitario ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación, salvo naqueles casos nos que exista autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de conservación da natureza, e non se produza unha afección significativa sobre os compoñentes clave do patrimonio natural e da biodiversidade.


QUE NON DEBEMOS FACER NO MONTE.

  • Organizar competicións ou actividades deportivas sen solicitar previamente a autorización da propiedade e da administración competente ou ben que esta non se desenvolva de forma respectuosa co medio ambiente.
  • Transitar con vehículos de motor por pistas forestais privadas, devesas ou monte a través salvo naquelas pistas forestais onde se aprobou por parte da administración forestal.
  • Abrir sendas ou vías de tránsito deportivas (mesmo con obstáculos) sen autorización da propiedade.
  • Destruír ou danar carteis, mouteiras ou elementos de áreas recreativas.
  • Realizar lumes para preparar alimentos en zonas non autorizadas (risco de incendio forestal).
  • Verter lixo como consecuencia de actividades recreativas ou deportivas.
  • Danar ou erosionar a infraestrutura viaria do monte.

 

QUE PODEMOS FACER NO MONTE.

  • Organizar competicións ou actividades deportivas contando con autorización previa da propiedade e da administración competente segundo o que estableza a normativa vixente, sempre que se realice de forma respectuosa co medio ambiente.
  • Utilizar carreiros homologados e sinalizados, para o sendeirismo, ciclismo (cicloturismo) e actividade ecuestre, de forma individual ou en pequenos grupos.
  • A apertura de pistas, sendas, trazados con fins deportivos ou recreativos, a construción de refuxios, aulas de natureza, etc., sempre que se chegue a un acordo contractual coa propiedade fixando as condicións para a súa construción e o uso posterior da infraestrutura.
  • Usar as áreas recreativas acondicionadas de forma respectuosa; realizar lume para cociñar só nas épocas e zonas autorizadas pola administración e a propiedade; acampar de forma itinerante só con autorización da propiedade.
  • Realización de visitas turísticas e educativas a monumentos naturais ou bens de interese cultural situadas no monte, a condición de que estean acondicionadas para iso e se solicite autorización previa á propiedade; así como as visitas científicas autorizadas pola propiedade.
  • A recolección de cogomelos, castañas e outros froitos forestais silvestres, sempre que non estea acoutado pola propiedade e só para consumo propio (sen ánimo de lucro) ou con fins científicos ou didácticos.


O USO SOCIAL NOUTRAS REXIÓNS.

Os conflitos entre o propietario do monte e os sendeiristas, cazadores, ciclistas e usuarios motorizados danse en todas as rexións, pero existe unha diferenza: no resto de España a maior parte da actividade sendeirista e doutros deportes realízase sobre montes públicos.

Nestes montes son principalmente os axentes forestais e o SEPRONA os que vixían estas actividades.

En Galiza, en cambio a maioría dos montes son de propiedade privada, particular ou colectiva.

En xeral, existe un baleiro legal respecto ao sendeirismo, ciclismo ou actividade ecuestre nos montes, fóra dos carreiros homologados polas federacións ou os espazos naturais protexidos.

En todos os Decretos sobre carreiros, para a solicitude de homologación esíxese, entre outros documentos, a autorización asinada dos propietarios das leiras privadas por onde pase o carreiro.


Fontes de información:

  • Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galiza.
  • Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza.
  • Normativa e uso social do monte veciñal en Galiza (Asociación Forestal de Galiza)
  • Plan Director da Rede Natura 2000 de Galiza.
Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.