04 Dec
04Dec

A presenza da área mineira coñecida como “As Trigueiras”, non foi un feito illado no Candán, pois a minería do estaño e volframio tivo tamén unha presenza destacada no resto da Serra, en Presqueiras, Grobas, Forcarei, Testeiro-Irixo, Vilatuxe. Ademais das áreas con máis popularidade por dimensión de explotación augas abaixo do Deza, no Corpiño, Carbia, A Brea, Fontao.

A Casa das Minas, pola súa historia, debe ser unha referencia para asentar a recuperación da memoria mineira deste singular paraxe, que por moitas décadas figurou recollido nos anuarios de produción mineira e en diversos estudios xeolóxicos, sempre identificado cos nomes de As Trigueiras, Cabana, ou Coco-Bresoi.

Pouco se sabe das orixes da minaría do volframio e do estaño da Serra, pero o que si podemos deducir é que esta é moi anterior ao período máis coñecido,o que comeza no ano 1932-33: o que ten lugar co escenario da Guerra Civil, a Segunda Guerra Mundial, e a decadencia na década do setenta.

PRIMEIRO PERÍODO

Sen entrar a valorar as formas arcaicas de minería das series da casiterita/estaño/volframio anterior á Revolución Industrial, pois o aproveitamento do estaño en Galicia vénse facendo dende tempos remotos (minería de ferro castrexa, de ouro e ferro romana, e a medieval), dicir que a minería estañinifera en Galicia é citada no ano 1851 no  “El Eco de Galicia”, nun artigo co título “Riqueza mineral de Galicia”, na que se fai un alegato da necesidade de protexer a minería de estaño ante a entrada de estaño estranxeiro na industria española, fundándose en que o distrito estañinifero de Galicia e Zamora pouco tería que envexar coas minas de Cornualles, e que unha boa política de aranceis podería permitir a viabilidade de explotación deste recurso e competir co estaño inglés. Nese momento os “criadeiros de estaño” en Galicia xa contaban cunha incipiente industria mineira da que se daba conta dunhas 30 minas. A maioría delas situadas nos montes de Avión, Beariz, Boborás, e citándose tamén O Irixo, Aciveiro, ou Presqueiras. Delas menciónase a mina de Carballochao, en Carballeda de Lalín, no ano 1840, da que hoxe nada se sabe. Precisamente no documento “Estadística de la Minería de Asturias y Galicia”, do ano 1841, e da que foi autor o enxeñeiro Guillermo Schulz, clarifícase a situación da mina de Carballochao, ofrecendo a seguinte información: “....e agora trátase de establecer outro forno* novo xunto a Cabana de Zobra, na comarca de Lalín e cerca da mina de Carballochao”. (* referíndose a que os xacementos explotados de Avión e Beariz contaban cunha fábrica ben disposta, formada por “un bo lavadoiro, un forno de calcinación, outro de fundición con fol hidráulico, e fogo de refinación). O microtopónimo de Carballochao sitúase próximo ao Deza na zona de Breixoi.

Xa máis adiante, no ano 1871, aparece citadas dúas concesións de estaño de baixa produción en Carbia, abandonadas cara o 1882, e presenza de fornos de fundición no Corpiño. Máis os datos sobre a estadística mineira do ano 1868, publicada pola Dirección Xeral de Obras Públicas, Agricultura, Industria e Comercio, indican moi pouco desenvolvemento da actividade mineira en Galicia, e unha soa solicitude de investigación mineira en Ourense.

Probablemente este primeiro período podería ofrecer luz sobre os restos de antiquísimas construcións que aparecen no lugar de Mariadiz e ao val dos Medos. Hoxe pequenos muros de base rectangular que se corresponderían con toscas edificacións, que comparten espazo con outras levantadas na época dourada no século seguinte. Estas ruínas son citadas na tradición oral como moi antigas, e os máis maiores de Zobra falan que xa de nenos tiñan escoitado falar delas como algo que recordaban nos contos os seus proxenitores.  Estes antigos asentamentos están a cabalo dos montes de Zobra e do Irixo, e que xa no século XX experimentarían unha forte actividade mineira que se supón solaparíase co existente anteriormente. Neste contexto e ata finais do século XIX é o que poderíamos citar coma “primeiro período”.


SEGUNDO PERÍODO

O comezo do século XX vén marcado, de inicio, polos traballos de exploración mineralóxica, xa iniciados con máis intensidade nas últimas décadas do século anterior, para o que parece se sucederán diferentes misións xeolóxicas, das que ata o de agora pouco ou nada se ten mencionado, con enxeñeiros de minas estudando a Serra, e tomando mostras das cativas explotacións dispersas, algunhas levadas despois aos laboratorios a Madrid. O como, o modo, e o tempo invertido nesas prospeccións resultan realmente intrigantes se pensamos o grado de incomunicación e escaso desenvolvemento do que debeu ser o Candán neses momentos.

Pode que o punto de partida para estas incipientes prospeccións xeolóxicas tiveran o seu detonante nas actividades e fortuna atopada polo enxeñeiro de minas inglés Henry Winter Burbury, asentado en Noia dende o ano 1883, quen entre os anos 1886 e 1888 tería solicitado as concesións de Lousame e as concesións mineiras de “Sidón”, “Tiro” e “Angelita”, que conformarían o complexo de Fontao. Para no ano 1897 crear en Londres a “San Finx Tin Mines Ltd”. Isto poría o foco de atención de empresas mineiras  estranxeiras atraídas por determinar o alcance da importancia do distrito estañinifero de Galicia, que xa non pasaría tan desapercibido para capital francés, belga, ou inglés.

Das noticias da época destaca, unha do 18 de xaneiro de 1900 (El Áncora) recollendo que “ na comarca de Lalín vai tomando grande desenvolvemento a importante industria mineira, ocupándose un bo número de persoas á extracción de estaño e volframio”, e no que xa se cita a importancia dun emerxente complexo mineiro en Fontao.

Unha das primeiras solicitudes para este período é a do ano 1902, formalizada pola Sociedad Minera Española de Investigación e Exploración, con domicilio en Madrid, de capital franco-español e, precisamente, pon de manifesto a existencia de traballos de prospección de enxeñeiros estranxeiros : “co propósito de ampliar os recoñecementos feitos en Lalín que deron excelentes resultados, comprobados por catro enxeñeiros estranxeiros” (El Áncora, 03-01-1902).

Entrada á unha das galerías da mina da Trigueira en 1959

Pero máis clarificador, e que aporta unha relevante información para o coñecemento da minería de Zobra que tivo lugar nos anais do século XX, é o traballo do enxeñeiro de minas Rafael Sánchez Lozano, publicado no Boletín de la Comisión del Mapa Geológico de España, do ano 1906, sobre os xacementos de estaño na provincia de Pontevedra. De entrada deixa claro o que será unha marcada constante sobre a actividade e parálise das múltiples concesións denunciadas, tanto polos denominados aventureiros (iniciativas de minas de baixo capital promovido por particulares, moitos deles solicitadas dende fóra de Galicia), como polos intentos que emprenderan Compañías explotadoras que disporían, aparentemente, dos elementos necesarios para manter as explotacións no tempo. Así a realidade das décadas seguintes demostrará que serán numerosas as minas que pronto se verán paralizadas, e outras moitas que tratarán de recuperar ditas concesións e probar máis fortuna. A pobreza das menas (inferior a outras explotacións máis potentes, caso de Fontao), a flutuación mundial de prezos do mineral (a ritmo das contendas bélicas), a falta de elementos para unha explotación ordenada e para a preparación mecánica, as dificultades de transporte, marcaran a historia desta minería na zona.

Sánchez Lozano entre as poucas concesións que describe da provincia de Pontevedra, repara nas explotacións denominadas Andorra e Andorra 2, demarcación situada do río que chama “Cabana” e ao que chegan as augas dos regos de “Tras do Monte, As Antas e o Testeiro”. Indicando que “os caudais destas correntes poderán ser de grande utilidade para o lavado de minerais , e aproveitarse tamén a súa forza motriz nos lavadoiros, da mesma maneira que na actualidade se empregan os do río Deza e da Cabana para mover algúns muíños situados dentro das concesións e inmediatos a eles”. Sinala que estas dúas minas están situadas “na paraxe denominada a Cabana”. A mina Andorra “consta de 460 pertenencias de 10000 metros cadrados, e a Andorra 2 de 159. Entre as dúas ocupan un espazo de forma irregular de 3.000 metros de longo de N. a S., por 2.200 de E.a O, e envolven por completo a outras dúas minas denominadas Regeneración e Sara, de 32 pertenencias a primeira e 55 a segunda. As aldeas de Porto Martín e a Trigueira, e o reducido caserío da Cabana, están dentro da demarcación da mina Andorra e inmediatas ao seu límite oriental”. Indica que a saída do mineral faise por camiño de ferradura cara Cerdedo, por Soutelo, do que distan 16 km, e dende aí a porto en Pontevedra 32 km, cun custe de transporte por tonelada, de 25 pesetas, dende a mina á estrada, e 22 pesetas máis dende a estrada a porto. Detalla que as labores de explotación redúcense a algunhas calicatas, “que non son suficientes para formar concepto do recorrido dos filóns, nin propias para coñecer a súa marcha e condicións de profundidade. É, sen embargo, indubidable que o número de filóns que alí se presentan é bastante considerable, chegando a 52 aos que, ao parecer, se descubriron; pero ata que non se practiquen labores de recoñecemento en debida forma, non é prudente aventurar xuízo acerca das súas condicións de explotación”.

Ademais na nota describe as características mineralóxicas e as mostras mandadas ao laboratorio de análise en Madrid.

No ano 1910 a “Junta para la ampliación de estudios e investigacións científicas, en, Los Minerales de España” cita que os criadeiros estanniferos mencionados con anterioridade para Galicia, nese momento contan con pouco mérito, sendo mencionados os criadeiros de Irixo, Zobra, Coco e Caticova.

Como xa se dixo, para este segundo período, sucederanse numerosas denuncias de explotacións por particulares, ou pequenas Compañías, moitas delas con escaso recorrido que outros retomarán, outras con continuas labores suspendidas por anos, e definidas por unhas condicións de explotación rudimentarias e escasa mecanización, con pequenos lavadoiros e muíños dispersos nas correntes fluviais abundantes na zona. Entre as “pertenencias mineiras” das que avanzamos unha primeira recompilación atópanse as seguintes:

  • 1899. Mina Fortuna. Estaño Vilatuxe.
  • 1900. Mina Casualidad. Ferro.
  • 1901. M.María 2. Estaño.
  • 1904. M.María. Estaño. A Trigueira.
  • 1905. M.La Sociable. Estaño. A Cabana, A Trigueira.
  • 1912. M.La Aurora. Estaño. As Galladas.
  • 1912. M.El Porvenir. Estaño. Monte Galladas.
  • 1916. M. La Progresiva. Estaño.Zobra.
  • 1917. M. Matilde. Estaño. Costa do Medio, Zobra.
  • 1918. M.La Sociable. Ferro. A Cabana.
  • 1918. M.Magdalena. Estaño. A Trigueira.
  • 1918. Iruru (Isurat)Bat. Estaño. Zobra.
  • 1919. M.Gerardo. Estaño. Trigueira.
  • 1927. Mina Jose Cañedo García. Estaño. Trigueira.
  • 1928. M.Santa Elena. Estaño. Trigueira.
  • 1928. M.Felisa. Estaño. Coco.
  • 1932. M. La Cueva. Estaño.


O TERCEIRO PERÍODO

A creación do Sindicato Estañinifero de Lalín, no ano 1932,  pode marcar a terceira e última etapa que coñeceu a minería de estaño da zona. Coa apertura das minas coñecidas como a Malaca ( no lugar do Aveneiral na Trigueira), a Banka (Cabanas e Coco), La Cortada (Aveneiral), e o Billetón. Todas elas canceladas no ano 1970 baixo outra Compañía. O anuario de estatística mineira de España destaca “ a labor emprendida polo Sindicato Estannifero de Lalín, nas súas minas de Monte Coco, pode ser exemplar e servir de estímulo para que se estuden outros xacementos desta provincia e se desenvolvan, ao cabo a minería de estaño nela”.

Pero o que comezaba cunhas previsións moi halagüeñas, xa nos anos seguintes ficaran suspendidas e sen actividade. Para o 1933, 34,35, 36-38, os anuarios mineiros indican que “continúan suspendidos os traballos no couto mineiro que posúe na Cabana o Sindicato Estannifero de Lalín”.

Isto non supón que non exista actividade extractiva, pois no 1935 o mesmo anuario faise eco de que na provincia de Pontevedra, “aínda que a menos escala que na de Ourense, obsérvase a actividade de explotacións clandestinas que os denominados “ aventureiros” levan a cabo en terreo franco e aínda no correspondente a concesións improdutivas”. Sobre isto vólvese facer mención no ano 1939, indicando que esta actividade clandestina representa unha cifra estimable de mineral extraído de cuxa produción non é posible levar un control, nin se queira aproximado. Nese mesmo ano demándase outro permiso de explotación a nome de Diego Guevara Martínez, no Aveneiral e Cabana.

Mentres que o ano 1942 é considerado o momento álxido da produción de volframio en España, o estano pasa por unha escasa actividade produtiva na zona, ao igual que no ano 1943, no que se cita que diminúe lixeiramente a produción, citándose algunhas minas de Lalín non localizadas, coñecidas como “Gumersinda e Pepe”. O ano 1944 semella que o estano volta sufrir unha forte demanda e duplícase a produción nas minas galegas.

No ano 1945 nunha análise da situación das minas de estaño para as minas de Pontevedra e Ourense, onde se fai a distinción entre o estaño que aparece encaixado nos filóns de seixo con gneis, granitos ( Carbia, Silleda..), ou os que aparecen en diques de pegmatita (Forcarei, zonas de Ourense), destácase as dificultades que entraña a falta de electricidade no laboreo das explotacións, en particular para o mineral que reside nos filóns de seixo, máis duros. O mineral que aparece nos montes de Zobra predominaría o encaixado en seixo, máis aparecendo zonas transicionais. Ponse de manifesto que “a falta de electricidade fai que non sexa económica a extracción sobre os filóns de seixo, xa que estes, pola necesidade de traballo a maza e barrena, transporte e consumo de explosivos en cantidade maior e non contar a maioría das concesións con enerxía eléctrica  propia ou próxima, nin con facilidade para a adquisición de combustibles ou carburantes, con destino á mecanización das labores, fai que non resulte economicamente o traballo nos citados filóns.”

Ata ese momento a explotación do estano na área de Cabana e Trigueira veuse facendo nas décadas pasadas, pois, contando con poucos elementos de mecanización, e tendo algúns muíños de apoio. Feito que viría explicar a suspensión de actividade moitos anos, a expensas so de que o mercado mundial de estano fixera viable economicamente as escasas toneladas de produción obtidas.

A aparición de novo capital, por vez do Banco Popular dos Previsores do Porvenir, que adquire no ano 1944 as concesións do Sindicato Estannifero de Lalín, é recollida no anuario mineiro do ano seguinte, deste modo: “igualmente continua a explotación das concesións que na paraxe chamada Monte Coco, lugar da Trigueira, posúe o Banco Popular dos Previsores do Porvenir, anteriormente propiedade do Sindicato Estannifero de Lalín. Constitúen un grupo mineiro con 7 concesións, cunha extensión de 579 pertenencias, produtoras de volframio e estaño, traballadas xa de antigo, aínda que bastante anarquicamente, e cuxo laboreo parece tende agora a normalizarse”.

Descríbese que o criadeiro está constituído por filóns de seixo e gneis, xunto con masas de pegmatitas, encaixadas en lousas do estrato cristalino, sendo moi variable a riqueza media das zafras arrancadas, xa que cambia de zonas en estéril, a outras que producen ata 100 kg por tonelada.

Mostras xeolóxicas dos minerais da contorna de Lalín. Ano 1959.

A nova Compañía emprenderá unha forte modernización, e no ano 1944, constrúese un lavadoiro piloto para a concentración das zafras, coa idea de ampliar unha vez coñecidos os resultados . Para o ano 1945 o arranque realizarase a man, calculándose que a produción de mineral vendible durante o 46 fora dunhas 15 toneladas. No ano 1946 o complexo de A Trigueira será un dos poucos grupos que manteñen durante ese ano a actividade. Cunha produción  moi por debaixo das expectativas, de 1,737 toneladas e 72.954 pesetas. Destacase en comparación con outras explotacións galegas que o grupo A Trigueira, “ nunha escala máis modesta, tamén instala un lavadoiro; pero a falta de enerxía eléctrica e a situación do criadeiro a grande distancia do ferrocarril, e, por tanto, cun custo de transporte moi elevado, fai temer sexa un dos que máis sufran as consecuencias da crise pola que actualmente pasa esta minería”.

Con este escenario inícianse as obras de construción dunha central hidroeléctrica e o seu pantano. O movemento de terras é apreciable na fotografía do voo aéreo do ano 1946, na zona que albergará o edificio onde se situaría a central.

O pantano de dita central sufriría unha grave rotura en decembro do ano 1959. De feito a prensa da época recolle o día 5 de xaneiro de 1960 o seguinte suceso: “ Danos en pontes e muíños. Deu conta a Garda Civil de Forcarei que na parroquia de Zobra as augas do río Trigueira romperon tres pontes e causaron danos en oito muíños. Debeuse o accidente á rotura do pantano das minas propiedade do Banco Popular Español dos Previsores do Porvenir. En sesenta mil pesetas valoráronse os danos”. Segundo os datos analizados polo xeógrafo Antonio Presas, decembro de 1959, rexistra as choivas máis copiosas dende que existen rexistros de series de precipitacións, e o 26 de decembro, rexistrouse o máximo caudal puntual de auga coñecido ata hoxe para o río Deza. Polo que a situación nese momento era de grave risco hidrolóxico. Como acabou sendo e rebentar o dique superior da presa do pantano, e provocando un grande arrastre de todo tipo de materiais.

A Casa das Minas tamén sufriría o infortunio dun raio causando importante desfeita, sumado despois a choivas torrenciais.

O ano 1947 e 48 mantén suspendidas a actividade. O ano 49 tamén caracterizase como pouco alentadora, e a explotación ten unha produción practicamente nula. No ano 1957, a pesar de contar con boas instalacións de beneficio, a actividade mantense actualmente paralizada.

Imaxe de 1961, tras a ruptura do pantano. Arquivo Hilgen.

Antes no ano 1955 solicítase apertura doutra concesión por nome de Manuel Dobarro Canabal , coa denominación de Santa Marina (Galicia al Día, 26-05-1955).

Xa no ano 1956 e 1957 ábrense fortes expectativas tras as investigacións que poñen de relevancia a importancia de presenza de espomudena e litio, en montes de Moa e Vilatuxe,  que segundo os enxeñeiros non terían nada que envexar a das maiores reservas coñecidas no mundo, facéndose eco da previsión dun inminente desenvolvemento de explotación de grande envergadura, e a espera da apertura do ferrocarril que discorrería próximo á zona.

No ano 1965, cítase que o conxunto mineiro denominado As Trigueiras, xunto con outros de Lalín e da provincia, no pasado “foron soamente explotados en mínima parte e con medios case primitivos, poderían ter hoxe interese mineiro con aplicación de novas técnicas de remoción e movemento de terras e o escaso persoal especializado que elo require, con producións de elevada rendibilidade. De manterse en continuo letargo... haberá que irse a unha actividade obrigada ou a caducidade das concesións”.

Así coas expectativas postas neste novo recurso mineral, que quedou en nada, a febre polo estaño foi decaendo e pouco a pouco cesando todo tipo de actividade. A última concesión mineira rexistrouse no ano 1973, co nome de Mina Recuperada, que traballou o filón do Monte da Corza.


Artigo: Martiño Nercellas Méndez.

Fotografías: Arquivo do xeólogo Jan Dirk Hilgen.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.