17 Feb
17Feb

É o noso anuro de maior tamaño, posto que pode chegar aos 210 mm., aínda que acostuman medir entre 60 e 80 mm. os machos e entre 70 e 120 as femias. Ten o corpo gordecho e coa pel moi rugosa, tanto polo dorso como polos costados. Ten grandes glándulas parótides con forma de ril e con disposición oblicua entre elas. A cor do dorso e variábel, normalmente parda manchada de gris, e máis raramente vermella, verdosa ou amarela. Os ollos son prominentes coa pupila horizontal e o iris dunha espectacular cor dourada, vermella ou alaranxada.

Está presente en toda Galiza, chegando mesmo aos 1900 metros de altitude en Pena Trevinca. Respecto ao seu hábitat, prefire os prados e hortas, non sendo raro en fragas. Ten predilección polos solos con boa cobertura vexetal, pero tamén pode colonizar solos degradados pola erosión refuxiándose debaixo de pedras e rexeitando os terreos moi rochosos. 

A femia deposita entre 2.000 e 10.000 ovos en longos cordóns xelatinosos de 2 a 4 filas de ovos que inchan en contacto coa auga. Estes cordóns poden chegar a medir varios metros de lonxitude e quedan enredados na vexetación. O sapo aliméntase fundamentalmente de insectos (formigas, lepidópteros, coleópteros), arácnidos, miñocas e gasterópodos. Os exemplares máis grandes poden chegar a capturar lagartas e crías de ratos.

Aínda que segue sendo unha especie habitual en Galiza, ten una lenta pero constante regresión debido principalmente á contaminación e degradación dos seus hábitats reproductores, construcción de encoros e introdución de especies alóctonas. Trátase dun anfibio moi afectado polo uso excesivo de insecticidas na agricultura, ademáis de ser o que máis abundantemente resulta atropelado nas estradas.


Lugar de observación: Ribeira do río Arnego. Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.