21 Oct
21Oct

CORYLUS: Do grego CORYS: Casco, pola forma da envoltura dos froitos deste xénero; ABELLANA: Vila italiana do mesmo nome, onde se cultivaba en abundancia esta especie.

Arbusto ou pequena árbore monoica de até 9 metros. Raíz principal penetrante e raíces secundarias numerosas e horizontais. Tronco curto e dereito. Cortiza parda-agrisada, algo avermellada e lisa cando nova, que cos anos vai escurecendo e gretando. Copa baixa, irregular-ovoide, ampla e pouco densa.

Follas de 5-10 x 5-10 cm., caedizas, simples, alternas, rugosas e ásperas ao tacto, curtamente pecioladas, provistas de estípulas, arredondadas, dobremente serradas, bruscamente estreitadas en punta no ápice, cordadas (acorazonadas) na base e de cor verde, pubescentes na face, tomentosas no envés.

Flores unisexuais, as masculinas núas, amarelentas ou verde claras, solitarias na axila de cada bráctea, con 4 estames de filamentos bífidos, agrupadas en amentos de 3-9 cm., cilíndricos e colgantes, reunidos por 2-5 formando un pequeno feixe. As femininas avermelladas, reunidas por 2 na axila de cada bráctea, con envolta floral sepaloide moi reducida e ovario ínfero de estilo curto e 2 estigmas divididos até a base en 2 longas ramas vermellas, reunidas en grupos de 2-6. Floración precoz entre xaneiro e abril. A polinización é anemógama.

O froito é un aquenio (abelá) de 1,5-2 cm. de cor parda-avermellada, ovoide ou globoso, rodeado dun involucro herbáceo (casco), tan longo como o aquenio, cos bordos dentados ou laciniados, primeiro cor verde pálida, despois acastañado. Os froitos agrúpanse de 1-4. Semente moi rica en aceite. Madura a final do verán ou a inicios do outono.

Orixinaria de Europa, Asia Menor e norte de África. Habita en lugares sombríos e frescos de vales e barrancos á beira dos regatos, en ameneirais e en bosques mixtos caducifolios. Predomina nas rexións media e montana.

Especie rústica pero con importancia económica que acompaña os seres humanos dende tempos moi antigos, cultivada polas sementes que son comestíbeis e de utilizade en repostaría e polas varetas que se empregan en cestaría e tonelaría.

Da semente extráese un aceite que se usa como alimento, como lubricante industrial, para o alumado e na elaboración de perfumes, pinturas e xabón. A cortiza en cocemento ten propiedades adstrinxentes, o polen ou os amentos masculinos en infusión utilízanse como sudorífico e as follas teñen propiedades vasoconstrictoras. Tamén se ten utilizado para fixar ladeiras húmidas.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.