01 Oct
01Oct

GLUTINOSA: Pegañento, en alusión a esa particularidade que presentan os brotes e follas novas.

Árbore monoica de até 25 metros. Sistema radical superficial, ben ramificado e provisto de numerosos nódulos. Tronco dereito, cilíndrico e cheo. Cortiza de agrisada a parda-agrisada e lisa nos exemplares novos, parda-moura e dividida en anchas placas nos exemplares vellos. Copa alta, regular, primeiro cónica e logo arredondada.

Follas de 4-10 x 3-7 cm., caedizas, simples, alternas, pecioladas, obovadas, ou arredondadas, dobremente dentadas, de ápice recto ou obtuso e base cuneada ou arredondada, cor verde escura e lustrosas na face, máis pálidas no envés. As follas son viscosas cando novas.

Flores unisexuais, as masculinas con escamas que cobren tres flores de envolta floral simple, sepaloide e verdosa, con 4 divisións e 4 estames, reunidas en amentos de 30-75 x 2-6 mm., alongados, cilíndricos e colgantes, que se agrupan por 3-5. As femininas con brácteas que soportan 2 flores sen envolta floral e con ovario ínfero provisto de 2 estigmas filiformes, reunidas en amentos de 10-25 mm., ovoides, que se agrupan por 2-5.

Floración precoz, entre febreiro e marzo, aínda que os amentos, tanto masculinos coma femininos, xa aparecen no verán anterior, permanecendo na árbore todo o inverno. A polinización é anemógama (polinízase por medio do aire).

O froito é un aquenio de 2 mm., samaroide, comprimido, provisto de dúas pequenas ás máis estreitas que o froito. Os aquenios están incluídos nunha infrutescencia de 10-25 x 7-12 mm., con aspecto de pequena piña, formada polas brácteas lignificadas, pedunculada e ovoide, persistente despois de aberta durante outro ano enteiro, verde cando nova, negra na madurez, reunidas en grupos de 2-5. Madura en outono.

Orixinario do norte de África, Europa e suroeste de Asia. Habita nas marxes dos ríos, fondos de val e lugares inundados. Podémola atopar por toda Galiza.

A leña utilízase para queimar en fornos pois arde pronto e proporciona moita calor. A madeira ten utilidade en tornaría e na fabricación de pequenos obxectos, sobre todo zocas. A madeira tamén é resistente á auga sen apodrecer, polo que se utiliza na construción de  pontes, muiños, etc.

Como medicinal as follas utilízanse popularmente para sandar os pés doridos, tamén picadas en cataplasma e colocadas nos peitos das mulleres provocan a retirada do leite. O cocemento da cortiza utilizábase para aliviar as enfermidades da boca e da gorxa. As follas, en xeral, son suforíficas, diuréticas e vermífugas e a cortiza adstrinxente, tónica e febrífuga. A cortiza tense utilizado como curtume. O carbón vexetal producido pola súa madeira, empregouse na fabricación de pólvora. 

As raíces evitan a erosión dos leitos fluviais. Os nódulos das raíces son producidos pola bacteria simbiótica, fixadora do nitróxeno atmosférico, Frankia alni.


Lugar de observación: Río Deza. A Trigueira. Zobra.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.