17 Feb
17Feb

Lagarto bastante grande que pode chegar aos 12 cm. de lonxitude e 36 cm. incluindo a cola. As femias son de maior tamaño que os machos. Coloración dorsal verde viva con manchas negras, máis finas e densas nos machos e máis grandes nas femias, aínda que algunhas carecen delas.

Ventre de cor amarela con pintas negras bastante densas, aínda que as femias poden carecer de punteado.

A cabeza é en proporción máis grande nos machos que nas femias, de cor parda, aínda que nos machos en celo se torna en azul moi intensa, especialmente polos lados e a parte inferior. A das femias ás veces tamén azul, pero máis tenue.

A cola normalmente de dobre tamaño que a cabeza+corpo, é sempre parda.

Endémica da Península Ibérica, concretamente na zona noroccidental, vive na Cornixa Cantábrica, Galiza, norte de Castela-León e de Portugal, estendéndose nunha franxa até o Sistema Central. É común en Galiza e está amplamente distribuido, aparecendo dende o nivel do mar até os Ancares, o Courel ou Cabeza de Manzaneda. 

(Mapa de distribución da especie)

Aínda que en case toda a súa distribución está ligado a cursos de auga, en Galiza non depende tanto destes medios, debido ao clima húmido. Ocupa medios moi diversos, preferindo zonas claras de bosques caducifolios, beiras de camiños, prados, especialmente onde abunda a vexetación e matos. Non depende tanto de terreos pedrogosos como o lagarto arnal.

Na nosa xeografía é habitual que cada femia realice dúas postas anuais, cada unha delas cun rango de ovos de entre 5 e 24. Estes son brancos e elípticos, de dimensións entre 13,5 e 16,7 mm. a maior e entre 8,3 e 11,2 mm. a menor.

Ao nacer miden entre 26,5 e 29,3 mm. de lonxitude cabeza+corpo, e entre 38 e 41,2 mm. de cola. Ten un deseño característico formado por unha serie de ocelos brancos ou amarelos que van polos costados, desde o pescozo até o inicio da cola, xeralmente orlados de escuro, todo isto sobre fondo pardo.

Aliméntase principalmente de arácnidos e insectos, así como caracois terrestres. Non é tampouco infrecuente que consuma amoras ou outro tipo de froitos silvestres en determinadas épocas do ano. 

Aínda que en zonas máis meridionais da Península é un lagarto moi limitado a zonas húmidas de montaña e teñen unhas poboacións en serio perigo de extinción, en Galiza é relativamente abundante e ademáis bastante ben distribuido. Entre as principais ameazas que lles asexan pódense citar os incendios forestais e a degradación de zonas húmidas.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.