Coronella austríaca


Cobra de pequeno a mediano tamaño, podendo chegar aos 75 cm. de lonxitude total, aínda que normalmente non superan os 60 cm. A placa rostral ten forma de cuña, penetrando entre as internasais. Ten 1 placa preocular, 2 postoculares, 1 loreal e 7 supralabiais, das que a 3ª e a 4ª están en contacto co ollo. Teñen unha liña negra que vai dende o pescozo até o ollo ou incluso até o orificio nasal. Tamén hai unha mancha escura unindo os ollos.

Contándoas en un anel no centro do corpo, dispón de 19 escamas dorsais. A coloración dorsal pode ser parda, ocre ou gris, incluso avermellada, con unha ou dúas series de manchas irregulares de cor marrón ou negra, formando barras transversais. Detrás da cabeza hai unha mancha escura que se bifurca en dúas bandas formando as fileiras dorsais. Ventralmente son de cor bastante uniforme, gris, parda ou negra, ás veces con pequenas manchas branco-amarelentas.

Na Península Ibérica ocupa a metade norte, chegando incluso ás serras do centro e puntualmente, ás do sur. En Galiza, pode atoparse nas 4 provincias, sendo máis abundante na Coruña e Lugo e máis irregular en Ourense e Pontevedra, nas que se atopa, sobre todo, nas serras. 

No noso país pódese atopar en múltitude de habitats, dende fragas, piñeirais, muros, bodos de prados, máis tamén en zonas de mato baixo. Ao longo do ano ten dúas épocas reprodutivas, unha vai dende marzo até principios de maio, e a outra entre setembro e outubro. É ovovivípara, parindo directamente crías vivas, nun número que oscila entre 2 e 15, dependendo do tamaño da femia, aínda que habitualmente entre 5 e 9.

Ao nacer miden entre 15 e 20 cm. de lonxitude total, e teñen unha coloración dorsal negra ou oliva, e ventralmente alaranxada ou amarelenta.

A súa alimentación baséase en reptiles, especialmente lagartos, non desprezando outros ofidios máis pequenos nin micromamímeros. Ás veces comen algún invertebrado e víronse a adultos dixerir ovos de lagartos. 

Os únicos factores de ameaza serían os que puideran alterar as zonas arbustivas que acostuman a ocupar, como a agricultura intensiva e os incendios.


Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín.

Tagged:  Colubridae
  • 25/04/2018

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.