09 Apr
09Apr

Paxaro de 17-21 cm. de sexos semellantes. Partes superiores negras azuladas, incluíndo a cabeza, e inferiores brancas agás un colar negro e a fronte e gorxa rubias; peteiro curto, negro e patas tamén negras e curtas; rabo gallado con pequenas manchas brancas e rectrices externas moi longas (a femia algo máis curtas); ás estreitas. Os inmaturos son máis apagados e teñen o rabo moito máis curto. Voo rápido e canto melodioso.

Holártica. É estival e cría en toda Europa. Inverna en África. En Galiza é estival de febreiro a outubro e común en todo o territorio. É a máis abondosa das hirundínidas.

Habita nas proximidades de zonas urbanizadas no medio do rural.

Constrúe un niño en forma de cunca en trabes e enriba de cravos de alpendres; nel pon de abril a xullo entre 3 e 5 ovos brancos apencados en rubio que choca a femia durante 15 días; os polos voan logo de 3 semanas. Dúas roladas. Aliméntase de insectos que caza ao voo. É especie gregaria e mesmo os inmaturos se reunen en durmidoiros colectivos.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.