12 Aug
12Aug

Ave de 15-18 cm. Sexos semellantes. Partes superiores castañas cincentas e inferiores brancas; dobre colar branco e negro; anteface negro cunha banda branca entre os ollos e risca branca abeirándoo; anel ocular amarelo; peteiro negro coa base da queixada inferior amarela; patas color carne. En inverno as zonas negras están esluídas.

Os inmaturos carecen de negro na cabeza, teñen o anel ocular pálido e o colar castaño interrompido; na fronte mostran unha mancha ocre cincenta que na Píllara real é branca e se prolonga por arriba do ollo. En voo apréciaselle o centro do rabo escuro coas beiras brancas e a falta da risca alar branca da Píllara real. O reclamo en voo consiste nun "críiiio- críiiio" bastante lento e rítmico, mentres que a alarma é un "priu- priu- priu" duro e rápido, que repite constantemente. O canto, entoado tanto de día como de noite, é un veloz  "pri- pri- pri- pri".

Paleártica, ao sur da tundra. Aniña en toda Europa, agás no norte. Na Península Ibérica é principalmente estival e cría de forma dispersa. En Galiza é estival e pouco común de mediados de marzo-abril a outubro, moi rara como invernante e escasa como aniñante.

Habita en ribeiras fluviais con area e pedregullos, illostes fluviais e praias, especialmente con seixos. Entre maio e xullo aniña en depresións do chan entre croios; a posta consta de 4 ovos cremosos densamente punteados que chocan os dous sexos durante 25 días; os polos, nidífugos, voan logo doutros 25. Pode ter unha segunda rolada.

Aliméntase, sobre todo, de insectos, entre os que se atopan escaravellos, moscas, formigas e grilos, así como larvas de efémeras, libélulas, bolboretas e polillas. Tamén consome arañas e outros pequenos invertebrados. Obtén as súas presas —dada a escasa lonxitude do pico— xusto por baixo da superficie húmida de beiras, illotes e fangales, e tamén en augas pouco profundas.

A "Píllara areeira" está considerada como “De interese especial” no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.

Ficha Mapama: Charadrius dubius.pdf


Lugar de observación: Lago superior do Pontiñas. Lalín.


Vídeos de Charadrius dubius en Youtube:


Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.