Buteo buteo


Ave de 46-58 cm. Sexos iguais en coloración, pero danse variacións na cor da plumaxe que van de parda moi escura a crema; a forma máis común en Galiza ten as partes superiores pardas escuras, así coma a cabeza, gorxa e papo; o resto das partes inferiores é máis claro e apencado de pardo en maior ou menor grao; banda pálida cruzando o peito; rabo moi riscado con banda terminal única. A subespecie vulpinus é moito máis arrubiada e ten o rabo abrancazado sen bandas, pero os inmaturos téñeno barrado no remate.

Vértice flexor e ombreiros escuros. Os inmaturos son moi semellantes aos adultos, pero o rabo case sempre carece da ancha banda terminal e a cabeza é algo listada. Alcanzan a plumaxe adulta a partir dos nove meses. En voo caracterízase polas ás anchas que vistas por baixo teñen as puntas moi escuras e a metade posterior clara; báteas pausadamente, paira en círculos e ás veces peneira. A distancia e en voo pode confundirse coa Águia real, pero esta última ten a cabeza máis longa, as ás cuadrangulares e a banda terminal moito máis ancha. O Miñato abelleiro ten o rabo máis longo e preto da base do mesmo, pola parte inferior, poden verse dúas bandas escuras das que carece a especie descrita, leva a cabeza e pescozo proxectados cara a fóra e ten a parte inferior das ás máis barrada.

Holártica. Presente en toda Europa, agás no norte da antiga URSS, Escandinavia, Islandia, Irlanda e a parte de Inglaterra. Vese en toda a Península Ibérica. En Galiza é sedentaria con algúns invernantes; é a máis común das rapinas diúrnas; aniña en todo o territorio.

Habita preferentemente en lugares de arborado que alternen con prados e campos.

Constúe o niño en grandes árbores entre 5 e 15 metros. Dende mediados de marzo ata xullo pon 2-3 ovos brancos manchados de pardo que chocan ambos sexos durante 36 días; os polos voan despois de 45. Aliméntase fundamentalmente de pequenos mamíferos, de insectos e réptiles. Pode verse frecuentemente pousado en postes do tendido eléctrico e de cerrados de fincas.

Hai algúns anos, esta especie viuse moi afectada pola persecución directa de cazadores, xa que a consideraban prexudicial para os intereses cinexéticos. Actualmente, seguen sendo moitos os exemplares abatidos de forma ilegal, e a estes únense as baixas ocasionadas polos tendidos eléctricos, os atropelos e os velenos, aos que resulta sensible dados os seus hábitos parcialmente carroñeiros.

Inclúese na "Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial".



Lugar de observación: Brañas de Xestoso. Xestoso. Silleda.

Tagged:  Accipitridae
  • 26/08/2018

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.