O proxecto

¿Que é Biodiversidade do Deza?

Biodiversidade do Deza é un proxecto de divulgación ambiental dedicado á recolleita, clasificación e estudo da flora e fauna da comarca do Deza. A través do traballo de campo, o noso obxectivo é poñer ao alcance de todos a incrible diversidade biolóxica que habita na nosa terra.

Centrámonos en documentar as especies locais, fotografándoas, describindo as súas características e comportamentos, así coma os ecosistemas nos que habitan, para compartir esta información coa comunidade. Ademais, esforzámonos por explicar o papel fundamental que cada unha destas especies xoga no equilibrio ecolóxico da comarca, desde os insectos máis pequenos ata os arboredos máis grandes, pasando por aves, mamíferos e outros seres vivos.

O propósito do proxecto:

En Biodiversidade do Deza, entendemos que a conservación da biodiversidade local non só é un acto de responsabilidade ambiental, senón tamén unha necesidade para garantir un entorno saudable e equilibrado para as xeracións presentes e futuras. A través da divulgación e a educación ambiental, buscamos:

  1. Coñecer e valorar a nosa biodiversidade: Dar a coñecer a riqueza natural que nos rodea é o primeiro paso para a súa conservación. Creemos que, ao recoñecer a importancia dos ecosistemas locais, a xente sentirá unha maior conexión con eles e comprenderá a necesidade de protexelos.
  2. Fomentar a conciencia ecolóxica: Cada especie, cada recuncho da nosa comarca ten un papel esencial no funcionamento dos ecosistemas. Desde a polinización das plantas ata a purificación do aire e da auga, cada ser vivo contribúe a un entorno saudable. Fomentar o respecto polos seres vivos e a convivencia harmónica entre as persoas e a natureza é para nós unha prioridade.
  3. Promover a conservación activa: A través da información que recollemos, buscamos incidir na importancia de prácticas sostibles e respectuosas co entorno. Queremos que tanto os residentes coma os visitantes da nosa comarca, adopten hábitos que favorezan a preservación dos ecosistemas locais.

¿Como o facemos?

O proxecto baséase no traballo de campo, onde nos dedicamos a percorrer a comarca, identificar as especies que atopamos e documentalas en detalle. Para iso, utilizamos ferramentas de fotografía, observación e análise ecolóxico. Cada especie que rexistramos conta cunha explicación sobre a súa bioloxía, o seu papel no ecosistema e, nalgúns casos, o seu estado de conservación.

A través da nosa páxina web e redes sociais, compartimos os nosos traballos, creando unha plataforma accesible para todos os públicos. A divulgación é un proceso colaborativo, polo que invitamos a todos os interesados a participar, compartir as súas observacións e contribuír á conservación do noso patrimonio natural.

O compromiso co futuro da Comarca:

O Deza é unha comarca rica en ecosistemas diversos, que van desde bosques de carballos e castiñeiros, bosques de ribeira e brañas, ata as praderías e zonas agrícolas. Non obstante, estes ecosistemas están sometidos a grandes presións debido á urbanización, á gandería e a agricultura intensiva e outros factores que afectan á biodiversidade. É fundamental que tomemos conciencia da importancia de preservar estes espazos para garantir o benestar de todas as especies, incluídos nós mesmos.

En Biodiversidade do Deza, traballamos para que a comunidade entenda que a conservación non é unha tarefa allea, senón unha responsabilidade compartida. A protección da nosa biodiversidade é fundamental para manter a calidade de vida na comarca, para coidar as nosas augas, a nosa terra e en consecuencia a nosa saúde.

Invitámosvos a que nos sigades na nosa web e redes sociais, participes, e sobre todo, desfrutedes do marabilloso entorno natural que nos rodea de xeito activo e respectuoso.

Benvidos.


(Creador: Javi Cui)

(Fotografía e vídeo: Javi Cui)

(Textos especies: "Fontes de información")

(Textos "A Comarca do Deza": Catálogo da Paisaxe de Deza)