12 Jul
12Jul

Patexa de 29-35 mm., de cor xeral alaranxada nos dous sexos e carente de reflexos metálicos. A cabeza é moi ancha, amarela con manchas transversais negras e, no caso dos machos, cos ollos de cor azul clara. As ás teñen o pterostigma máis longo que ancho. As femias teñen o rebordo posterior do pronoto formando dúas delgadas prominencias laterais dirixidas cara adiante. 

As tibias do 2º e 3º par de patas dos machos preséntanse ensanchadas. A extensión das manchas negras do dorso do abdome varía coa idade. Os apéndices anais superiores dos machos son máis curtos que os anteriores e claramente bífidos no extremo, mentes que os das femias se caracterizan por ser tan longos como o 10º segmento.

Habita en cursos fluviais con vexetación acuática nas ribeiras. Máis común en ríos grandes ou medianos que en ríos pequenos e regatos. Tense detectado en augas estancadas.

Os machos realizan unha parada nupcial, onde busca a aprobación da femia realizando diante dela un voo tremente. A posta dos ovos, que ten lugar en tándem, pratícase sobre follas, talos aboiantes ou mesmo madeiras e caracterízase por facerse ordenada en liñas paralelas.

Os machos empregan as súas patas especiais como medio de enviar sinais de advertencia a outros competidores. Período de voo entre os meses de abril e agosto.

Especie restrinxida e endémica da península ibérica e sur de Francia. En Galiza é común e amplamente espallada por seren os cursos fluviais os medios húmidos máis frecuentes do país.


Lugar de observación: Río Arnego. Sobreirais do Arnego. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.