20 Nov

Gaiteiro de entre 38-48 mm., os machos poden variar desde os 41 até os 48. Machos de cor xeral do corpo desde cobreada até violácea metalizada. Ás dos machos tinguidas de castaño sen reflexos azuis. As anteriores presentan dúas grandes áreas hialinas, no terzo basal e no terzo apical, que se unen, na maior parte dos casos, polo bordo posterior da á. As ás posteriores coas partes basal e apical hialinas e o bordo posterior parcialmente hialino. Os tres últimos segmentos do abdome e os apéndices laminares de cor carmesí. As femias son de cor xeral verde cobreada con reflexos avermellados coas ás afumadas e as posteriores presentan o cuarto apical tinguido de cor castaña.

A coloración dos machos é significativa e suficiente para a identificación; para a confirmación das femias é preciso observar o último segmento abdominal, xa que esta especie ten o bordo, visto lateralmente, romo, mentres que nas outras do xénero presenta unha pequena espiña media.

Habita nos regos e regatos permanentes, de augas limpas e osixenadas, solleiros e de escasa pendente, as máis das veces estreitos e con vexetación acuática ben desenvolvida.

Os machos ocupan estreitos territorios no seu hábitat, aínda que nestes mesmos medios se poden observar nutridos grupos de adultos acomodándose para pasar a noite na tardiña. Período de voo desde xuño até principio de setembro.


Lugar de observación: Río Asneiro. Mouriscade. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.