Orografía e topografía

Dende as inmediacións do val do Ulla ao norte, o conxunto da Comarca Paisaxística conforma unha superficie achanzada que dende o banzo dos 100 metros asociado aos canóns do tramo baixo do Deza, ascende progresivamente de noroeste a sueste ata superar os 1.100 metros nas cumes aplanadas da Serra do Faro.

A orografía xeral da Comarca Paisaxística presenta un aspecto de chanzos ascendentes sucesivos e conformados por superficies achaiadas. Reflexo da área de transición orográfica na que se atopa, estes banzos teñen a súa orixe na intensa mobilidade tectónica do Neóxeno.

No norte e noroeste predominan as superficies situadas por debaixo dos 500 metros, resultado da incisión e da erosión fluvial dos niveis máis elevados -700-800 metros-, dos cales tan só quedan algunhas áreas illadas como o significativo Monte Carrio. Cara ao sueste, no centro da Comarca, o dominio maioritario corresponde aos niveis de 500 e 600 metros: chanzo previo ás elevacións máis pronunciadas, asociadas ás Serras Centrais de Galicia.

Malia que a acción erosiva fluvial actuou neste banzo con intensidade, na actualidade estas superficies de aplanamento esténdense entre a Serra do Faro e o Monte Carrio formando una claro interfluvio que separa as principais cuncas da área, e que presenta, polo seu papel de fronteira hidrográfica, particulares condicións paisaxísticas.

Bordeando o sector dende o sueste ao sudoeste, atópanse as mencionadas superficies por riba dos 800 metros que puntualmente acadan, e incluso superan, os 1000 metros. Resalta a particular disposición deste relevo que logo de presentar unha aliñación meridiana na Serra do Farelo e Serra do Faro, “enróscase” cara ao oeste na Pena de Francia e volta a antiga dirección N-S nos Montes Testeiro e Candán, que volven estar representadas polas superficies de aplanamento superiores aos 900 metros e con restos residuais dos 1000.

O resultado xeral da altimetría da Comarca é a predominancia das superficies comprendidas entre os 550 e os 750 metros, ocupando tamén unha ampla extensión as áreas situadas entre os 350 e os 550 m., asociado este nivel aos vales dos principais ríos. As maiores altitudes localízanse nas cumes dos montes situados nos extremos suroriental -Monte do Faro con máis de 1170 m.- e suroccidental -Monte Coco, con 969 m.


Fonte de información: "Paisaxe Galega. Catálogo Paisaxístico da Comarca de Deza" (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia)