07 Feb
07Feb

A Donceliña vermella é unha das libélulas máis frecuentes de Galiza e unha das máis fermosas. Desenvólvese en todo tipo de correntes de augas limpas, prácticamente indiferente ao ancho do leito e só permitindo certo grado de sombra. Tamén se pode atopar en augas encoradas, especialmente a unha certa altitude, solleiras, non moi fondas, e con vexetación acuática moi desenvolvida.

Do mesmo xeito, pódense atopar exemplares tamén en augas lixeiramente salobres. 

Os machos, aínda que non manteñen territorios claros, son agresivos con outros conxéneres. É unha das especies máis precoces na emerxencia, e anuncian a chegada da primavera emerxendo frecuentemente na primeira semana de marzo. Prolonga o periodo de voo até outubro. 

O macho permanece xunto á femia, en tándem, durante a posta, mesmo cando as femias se introducen na auga para depositar os ovos en partes libres das plantas somerxidas.

A primeira fotografía pertence a unha Donceliña vermella coa forma "malanotum", a menos frecuente, coa cara dorsal do abdome prácticamente negra e co tórax amarelo e negro.

A segúnda fotografía pertence a unha Donceliña vermella coa forma "típica", que presentan máis da metade delas, co abdome vermello cunha liña delgada mediana e o tórax negro e vermello.


Lugar de observación:

  1. Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.
  2. Río Deza. Taboada. Silleda.


Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.