Platycnemis acutipennis


20 Nov
20Nov

Patexa de 29-35 mm., de cor xeral alaranxada nos dous sexos e carente de reflexos metálicos. A cabeza é moi ancha, amarela con manchas transversais negras e, no caso dos machos, cos ollos de cor azul clara. As ás teñen o pterostigma máis longo que ancho.

As femias teñen o rebordo posterior do pronoto formando dúas delgadas prominencias laterais dirixidas cara adiante. As tibias do 2º e 3º par de patas dos machos preséntanse ensanchadas. A extensión das manchas negras do dorso do abdome varía coa idade. Os apéndices anais superiores dos machos son máis curtos que os anteriores e cláramente bífidos no extremo, mentres que os das femias se caracterizan por ser tan longos como o 10º segmento.

Habita en cursos fluviais con vexetación acuática nas rebeiras. Máis común en ríos grandes ou medianos que en ríos pequenos e regatos. Detectouse en augas estancadas.

Os machos realizan unha parada nupcial, onde busca a aprobación da femia realizando diante dela un voo tremente. A posta dos ovos, que ten lugar en tándem, practícase sobre follas, talos boiantes ou mesmo madeiras e caracterízase por facerse ordenada en liñas paralelas.

Os machos empregan as súas patas especiais como medio de enviar sinais de advertencia a outros competidores. Período de voo entre os meses de abril e agosto.

Restrinxida e endémica da península ibérica e sur de Francia. En Galiza é común e amplamente espallada por seren os cursos fluviais os medios húmidos máis frecuentes do país.


Lugar de observación: Río Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado na web.