Arion ater


03 Jan

Trátase da babosa terrestre máis común, que pode alcanzar 15-18 cm. de lonxitude, de cor pardo, verde pardusco, vermello pardusco ou negro intenso, podendo se mesmo alaranxada ou amarelada.

Os xuvenís teñen unha variación de cor máis ampla que os adultos. Carece de cuncha externa e o manto está cuberto por unha superficie granular cuns tubérculos algo máis grandes e longos na parte posterior. A marxe do pé pode ser vermello, laranxa, amarelo ou negro e a sola branca, gris esbrancuxada ou negra. O pneumostoma, a abertura que comunica a cavidade atrial ou pulmón co exterior, atópase na metade anterior do manto. Ten un poro na zona caudal por onde sae o mucus, incoloro, xusto encima do final do pé.

É unha especie principalmente nocturna que vive en zonas herbosas e zonas de chan húmido e fresco. É omnívora, come carroña, esterco, fungos e calquera outra materia vexetal, polo común en descomposición, feito polo que é menos frecuente atopala en xardíns. 

Aínda que é unha especie hermafrodita, si ten fecundación cruzada cando lles é posible atopar parella. Tras a fecundación, realiza unha posta de 20 a 50 ovos esbrancuxados duns 5 mm. de diámetro en gretas realizadas no chan ou entre a madeira que eclosionan ás 6 semanas.


Lugar de observación:

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.