Espazos naturais de especial interese

Son aqueles que polos seus valores medioambientais, ecolóxicos, biolóxicos, botánicos, paisaxísticos, recreativos, científicos e educativos deben ser preservados para a súa protección, conservación e mellora.

Na comarca atopámonos co espazo natural Rede Natura “O Sobreiral do Arnego” entre os concellos de Lalín, Agolada e Vila de Cruces; son corticeiras de interese botánico, educativo e científico que hai que delimitar ben para facilita-la súa conservación. Outros espazos naturais de interese son: a Serra do Faro, a Serra do Candán e os Montes de Zobra, Fraga de Catasós, a Pena de Francia, as Fervenzas de Escuadro e do Toxa , as Brañas de Xestoso e os Torrentes do Ulla.


A continuación enuméranse algúns dos espazos naturais máis representativos da comarca:


SOBREIRAIS DO ARNEGO

Lugar de importancia comunitaria (LIC). Contan cunha extensión de 1.537 Ha. E sitúanse entre os municipios de Agolada (a maior parte), Lalín e Vila de Cruces. 

Esténdese polas ladeiras do treito medio e inferior do val do río Arnego ata a súa desembocadura no encoro de Portodemouros.

Principal masa forestal representativa da fraga atlántica con influencia mediterránea presente na conca do río Ulla. Como especies máis representativas destacan o carballo e a sobreira.

O seu interese principal radica na existencia de carballeiras galaico-portuguesas co carballo  “Quercur robur” e “Quercus pyrenaica” (Revolo), de carácter termófilo, e as sobreiras “Quercus suber”, aproveitando o clima mediterráneo amainado polo efecto termoregulador do río nesta cunca fluvial. Sen dúbida é a mellor representación deste tipo de bosques de Galicia. Cun grao óptimo de conservación en moitos puntos e un dos poucos onde se aprecia o aproveitamento de cortiza que se colleita no mes de xuño. Nas beiras do río medra o bosque de ribeira con amieiros “Alnus glutinosa”, freixos de río “Fraxinus angustifolia”, salgueiros “Salix cinerea” así como érbedos “Arbutusuneda

A zona acolle unha fauna rica e diversa naque está presente un amplo abano de especies asociadas a áreas de mato e bosque de ribeira, así o martiño peixeiro “Alcedo atthis”, ou merlo rieiro “Cinclus”.

Outras especies a destacar son: o ouriolo “Oriolus”, o moucho de orellas “Otus scops” o lagarto verde “Lacerta viridis”, ou a libélula “Oxygastra curtisii”.

Máis info: Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural.

 

FRAGA DE CATASÓS

Monumento natural. Bosque mixto de carballos e castiñeiros.

Tamén denominada Carballeira ou Souto de Quiroga, trátase dunha pequena área de bosque caducifolio autóctono, aínda que de gran singularidade e beleza. Pertence á parroquia de Catasós (lugar de Quintela) e encóntrase nas inmediacións da estrada N-525, a uns 4 km. de Lalín en dirección a Ourense. 

Aséntase sobremicacitas metamórficas prehercínicas básicas, que danlugar a solos pardos ácidos, de alta produtividade forestal.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provinciaatlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Encóntrase nunha zona de transición entre o dominio climático oceánico de montaña e oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 1.290 mm., unha temperatura media de 12,7 ºC e unha media de 293 días libres de xeadas. Sitúase a unha altitude aproximada de 550 m. sobre o nivel do mar. 

Malia que de reducidas dimensións, constitúe un interesante bosque mixto de carballos (Quercus robur), e castiñeiros (Castanea sativa). Os exemplares desta última especie cóntanse entre os de maior porte e mellor factura de Europa, e alcanzan alturas de ata 30 m. e máis de 5 m. de perímetro na base, o que lle confire a este núcleo da especie un alto interese científico. 

Outros valores naturais destacables desta mancha forestal son a presenza do narciso (Narcissuscyclamineus), endémico de Galicia e norte de Portugal, e da vacaloura (Lucanus cervus), ambas as especies están recollidas no anexo II da Directiva Hábitats e considéranse vulnerables en Galicia

En 1954, a fraga foi visitada polo fitopatólogo norteamericano Flippo Gravatt, quen propuxo a súa protección ante a FAO.


ESPAZO NATURAL DA SERRA DO FARO

Incluído na Rede Natura 2000. A serra separa a Comarca do Deza da Comarca de Chantada e tamén a conca do Miño e do Ulla e está unida polo sur á Serra do Farelo. Presenta unha dirección NL-SO e dominan as rochas graníticas moi fracturadas.

Divídese morfoloxicamente en tres grandes bloques, o superior situado a 900 metros, o central a 800 metros e o inferior a 700 metros. 

O Monte Faro, con 1.187 metros é a máxima altura. Outros cumes destacados son  Piorno (1.059 metros), Penas Grandes (1.026 metros), Cabeza (968 metros), Pena de Francia (914 metros) e Cantelle (896 metros).

A serra do Faro presenta tres ecosistemas diferenciados, o principal é o constituído por monte baixo, predominando os toxos, fentos, carpazas, queirogas e xestas no que habitan os coellos, lebres, lobos, raposos e toupas alén de cotovías, lavercas, paspallás, pombas e ferreiros.

Nas valgadas aparece o bosque caducifolio, composto por carballos, cerquiños, bidueiros e abruñeiros xunto con arandeiras, cabaciñas ou xabroneiras.

Por último o monocultivo de piñeiros constitúe o terceiro ecosistema.

Máis info: Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural.


SISTEMA FLUVIAL ULLA-DEZA

Lugar de importancia comunitaria (LIC). Conta cunha extensión de 1.633 ha. e na comarca descorre polos municipios de Silleda e Vila de Cruces. Por lonxitude, o Ulla é o terceiro río galego despois do Miño e o Sil. Ata o estuario na ría de Arousa pasa por un variado recorrido natural que recibe as aportacións de afluentes coma o Sar e o Deza. 

En canto a flora, desenvólvese un bosque de ribeira moi diverso e ben conservado. Dominan os amieiros, os salgueiros e os freixos de río, aos que se incorporan o Quercus ruber e Quercus pyrenaica, acivros e sanguiños.

En canto á fauna, dicir que ámbolos dous son cursos fluviais con importante poboación piscícola, nos que ademais de especies relacionadas co esteiro coma o salmón do atlántico (Salmo salar) e a lamprea de mar (Petromyzon marinus), tamén destacan a troita, os ciprínidos, a boga de río e o mexillón de río.

Máis info: Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural.


BRAÑAS DE XESTOSO

Lugar de importancia comunitaria (LIC). Conta cunha extensión de 1080 ha. e sitúase nos municipios de A Estrada, Forcarei e Silleda. É unha pequena cordilleira de montes situada entre as concas dos ríos Ulla e Umia e caracterizada por presentar altitudes moderadas (entre 500 y 700m.) e una orografía con pendentes suaves e cumios practicamente planos. 

Son pequenas áreas de turbeiras e torgueiras con presencia de carballeiras de reducida extensión. Na zona cría unha pequena poboación de sisón menor, ave característica de hábitats esteparios.

As queiroceiras e toxeiras constitúen as formacións vexetais predominantes neste espazo natural. Está presente o toxo arnal, o toxo molar, os piornos espiñentos e as queirogas, mentres que nos solos enchoupados aparecen matogueiras hidrófilas como a Erica tetralix e a Erica citiaris.
Entre os seus valores destaca a presenza de Esfagnos e de numerosos anfibios, réptiles e aves nidificantes como a Tartaraña e o Sisón.

Máis info: Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural.


SERRA DO CANDÁN

Lugar de importancia comunitaria (LIC). Ten unha extensión de 10.699 ha. e sitúase nos municipios de Forcarei, Lalín e Silleda; e nos limítrofes ourensáns de Beariz e O Irixo. Nesta serra nacen augas por riba dos 600 metros de altitude para distribuírse entre os ríos Umia e Lérez, e a conca tributaria do Ulla.

A serra destaca polos matos e masas boscosas típicos da media montaña galega, formados por carballos, cerquiños, bidueiros e capudre. As umbrías caracterízanse pola presenza de arandeiras.

Constitúe unha estratéxica posición xeográfica en contacto con zonas de media montaña de Pontevedra e Ourense, con que se configura unha área de indubidábel interese para a conservación da fauna.

Destaca a presenza do gato bravo (Felis silvestris), que ten nestes bosques un dos seus últimos refuxios, o corzo e o xabaril. Tamén están presentes a lebre galega (Lepus granatensis gallaecia) que constitúe unha subespecie da lebre ibérica, limitada a algunhas serras na provincia de Pontevedra, onde non está permitida a súa caza, e o ameazado lobo (Canis lupus), que pervive neste espazo.

Hai que destacar, entre as aves rapaces vencelladas a rochedos, o falcón peregrino (Falco peregrinus) e o bufo real (Bubo bubo), que contan en Galiza con moi poucas parellas, especialmente este último.

A serra do Candán recolle como expresión máis enxebre o entorno natural de Zobra no Concello de Lalín, onde se conserva unha gran riqueza natural e paisaxística que ben merecen a súa conservación. A súa especial orografía resaltada polos picos Monte do Coco, Porta do Testeiro ou Pena do Feo, danlle un fermoso recordo e parecido, no interior de Galicia, a Serra de Os Ancares.  As engrobas polas que baixan os regatos Chedas, Zobra e Cabanas, as súas vacías de altas pendentes poñen en dificultade o uso para a agricultura, motivo quizais polo que permaneceron ata hoxe coa súa orixinal aparencia. 

As instalacións dos aeroxeradores do parque eólico Ameixeiras-Testeiro no cume da serra, e a rede de pistas que os une, rompen a súa estética de zona natural.

Nestes montes da Serra do Candán con altitudes entre os 600 e 800 m., nacen os ríos Deza, Toxa, Umia, e o Lérez na vertente de Forcarei. 

Esta protección orográfica natural confórtalle a zona un clima suave con matices mediterráneos, onde é doado ver medrar o érbedo (Arbutus uneda) o acivro (Ilexacuifolium), e incluso algunha sobreira (Quercus subur) especie típica do clima mediterráneo. Isto como mención especial, sen contar a singular masa de frondosas carballeiras (Quercus robur) e bidueiros (Betulasp) e abeneiro (Alnusglutinosa) que se acentúan na marxe umbría das cuncas fluviais. Hai tamén importantes masas arbustivas de ericáceas (Erica sp) uz e carpaza  ou toxo arnal (Ulex europea)

Dadas estas especiais condicións orográficase de vexetación tamén serve de especial refuxio de especies de fauna  que actualmente están en serio perigo de extinción. Así podemos atopar itinerarios frecuentados por especies como o lobo “Canis lupus”, o bufo real “Bubo”, que contan en Galicia con moi poucas parellas, ou gato bravo “Felis sylvestris”. Unha especie máis común é o xabaril “Sus scrofa”.

Entre as aves cómpre subliña-la presenciada Rapina cinsenta ou aguilucho cenizo “Circus pygargus”, o chasco ou papuxa montesa “Sylvia undata”, nas zonas de mato, e do miñato abelleiro “Pernis apivorus” o falcón pequeno “Falco subbuteo” ou a gata fornela “Circus cyaneus”, o martiño peixeiro “Alcedo atthis”, e a avenoiteira cincenta “Caprimulgus europaeus” o ouriolo “Oriolus oriolus”, o moucho de orellas “Otus scops”.

Outras especies a destacar sona cobra común “Natrix maura”, ou lagarto verde “Lacerta viridis”.

Máis info: Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural.


FERVENZA DO RÍO TOXA

Cunha caída de máis de 30 metros, a fervenza do Toxa está considerada como unha das maiores de Galiza. Atópase nunha paisaxe con flora de especies autóctonas únicas, constituído por un bosque atlántico moi conservado, con especies de tipo mediterráneo.

Nas paredes graníticas da fervenza, aniñan aves que precisan de cantís pétreos e que son pouco abundantes en Galiza, tales coma os corvos (Corvus corax) e os falcóns (Falco peregrinus).

Existe unha gran diversidade forestal no entorno da fervenza, de maneira que na posición de solaina, están presentes as sobreiras, os érbedos, os loureiros e os cerquiños, mentres que nos máis profundos dominan o carballo, o pradairo e o castiñeiro.

Preto das augas do Toxa, nas ribeiras ben conservadas, existe un bosque en galería de árbores amantes da humidade, coma os salgueiros, os amieiros, os freixos e as abeleiras.

Incendios e repoboacións incontroladas fixeron que estas formacións se atopen en franca regresión.

 

BOSQUE DE CASCAXIDE

A historia do bosque de Cascaxide está ligada á do pazo que ten a súa orixe no século XVIII. Dende hai máis de tres séculos conseguiu sobrevivir practicamente no seu estado orixinal.

Nos comezos do ano 2008 o inicio de talas puxo en perigo a súa supervivencia afectando a exemplares centenarios e comezando así unha loita dos propietarios pola súa conservación. Existe un compromiso firme pola preservación do bosque no que se prevé a realización de actividades educativas, científicas e de uso lúdico perfectamente compatibles coa conservación ecolóxica e paisaxística da contorna. De momento, a loita levou á concesión dun réxime preventivo de protección por parte da Xunta de Galicia paralizando as talas, e a tramitación do bosque para que se declare “Espazo Natural de Interese Local”.

No estrato arbóreo predominan os carballos, algúns deles centenarios, e os castiñeiros, que acadan grandes alturas e dan unha gran singularidade ao bosque. Acompañan estas masas loureiros, bidueiros, abeleiros, salgueiros de forma especial e acivros que se atopan con alturas de máis de 12 m.

Formando parte do sotobosque arbustivo atópanse outras especies coma o rusco, pereira silvestre, arraclán e numerosas especies gabeadora coma a hedra, a rubia peregrina e a naiselva que nos dan idea da diversidade vexetal presente.

A lonxevidade das árbores do bosque proporciona acubillo a un gran número de animais coma lobos e raposos, cos que conviven corzos, xabarís e unha abundante comunidade de morcegos entre outros mamíferos.

Ademais, habitan no bosque un gran número de especies de aves, anfibios e réptiles coma o gabian, o azor, a pomba, lagartos, cobras, ras, etc.